Hai moitos anos, o actor Manuel Manqiña viaxou á India. Era algo iniciático para el. Aos demais chamounos á atención. Por que a India? Simplemente, estaba de moda. En fin desde aquela primeira impresión que tiven através de Manqui, tiven moitas máis, unha morea de amigos e amigas viaxaron até aquelas terras dominadas na antiguidade polo Rei Poros e conquistadas por Alexandre Magno, quen casou coa filla do rei e morreu logo dun baño nun río. Costumes de guerreiro que tiña Alexandre e que non abandonou durante a súa vida. Tiña trinta e tres anos cando as febres acabaron con el, os mesmos que Cristo cando fou crucificado. Hoxe, a India, disque é un país emerxente. Mais eu, persoalmente non o vexo así. Como se vai emerxer de algo ou de nada con catorce millóns de escravos no teu territorio. Que vas ser emerxente se convertes a homosexualiade en delito e, por outra banda, permites as violacións de nenas e mulleres, cunha policía que mira para outro lado mentres isto sucede. Non, amigos e amigas, por moi bonita que sexa e moi exótica e moi culta, eu endexamais pisarei a India. O horror non pode refuxiarse baixo o lixeiro camiñar das miñas sandalias. - o mesmo noxo que sinto por isto que agora relato, síntoo tamén polo que sucede en Israel. Cando a monarquía caeu en Etiopía, os eritreos, que eran musulmáns, iniciaron a súa longa marcha cara a independencia, mais algúns etíopes, de culto xudeo, tamén tiveron que iniciar a súa longa marcha. Os xudeos etíopes tiveron que deixar o país, e foron acollidos en Israel como antes foran acollidos xudeos ucranianos ou rusos, ou máis recentemente arxentinos. Pero un xudeo negro debía de ser demasiado incomprensible para os ortodoxos hebreos. Estes días, máis de catro décadas atrás da chegada dos xudeos etíopes, unha deputada israelí, etíope, quixo donar o seu sangue, e non puido facelo pola cor da súa cara. Que nos pasa? A India cos seus escravos e Israel cos seus etíopes, non emerxen, asulugan ao mundo na miseria da condición humana.