O dato é escalofriante. Na actualidade hai máis de cincocentos millóns de refuxiados no mundo. Co que isto significa de pobreza, de falta de dereitos humanos e acendidos odios cara o que é diferente. A perda de persoas a mans da violencia vai en aumento. Curiosamente, mentres no Antigo Testamento recóllese a lapidación como unha maneira de axustizamento, no Corán non se recolle. Sen embargo, hoxe, os xudeus non fan uso da lapidación, mentres que en moitos países musulmáns está completamente vixente. Desgraciadamente, na maioría dos casos esta terrible maneira de morrer, a lapidación, é exercida contra as mulleres. Hai países musulmáns nos que está condenada e noutros onde está permitida. Pero a maioría dos casos non xorden da xustiza ordinaria, senón de tribunais coránicos ou de tribunais familiares e tribais. Lembremos que non hai moito unha muller pakistaní era lapidada polos seus propios familiares e que o seu pai foi o que arroxou a primeira pedra. En Sudán, unha muller cristiana, agarda pola forca porque non quixo renegar da súa relixión. Está na cadea xunto ás súas dúas fillas, unha de dous anos e outra recén nacida. En Roma, a unha moza pakistaní que traballaba nunha pizzería cortáronlle a cabeza os seus familiares porque saía cun rapaz italiano que traballaba na mesma pizzería. A barbarie, a violencia, o horror. A práctica da ablación do clítoris. Por certo que é unha práctica que nace en Centroafrica, pero que se estendeu polos países musulmáns a unha gran velocidade. Aínda que o Islam non permita a ablación. Tamén aquí volven a ser os clans, as familias, as tribus, os que toman a decisión de levar adiante esta brutalidade. Desculpen e comprendan que con este panorama que percorre o planeta de punta a punta, hoxe non tivese moitas gañas de falar do mundial de fútbol nin da coroación de Felipe VI. O certo é como di un amigo meu cando me pregunta pola saúde e eu respóndolle que ben: "Home, é que só podes mellorar". Pois iso, o mundo igual, só pode mellorar, porque se vai a peor colapsa.