Mañá irá para dez anos que se adoptou no Parlamento de Galicia unha desas medidas que demostran que existe iso que se chama interese común, que non é o da maioría, senón o de todos. Conservar a catedral de Santiago, a Torre de Hércules ou a Muralla de Lugo é un beneficio xeral, e non unha imposición contra a potencialidade turística de Ourense ou de Vigo. As diferencias poden ser sobre técnicas ou métodos de defender o patrimonio histórico, non sobre o obxectivo. Manter o idioma galego, que é outra produción cultural, pero máis antiga ca esas, e máis irrepetible, o mesmo. Hai dez anos, todos os representantes do pobo galego aparcaron as diferencias que os separaban noutros aspectos, nalgúns de forma insalvable, e aprobaron por xunto e de vez o plan de normalización. Catrocentas medidas que un cento de especialistas en sociolingüística e noutras disciplinas consideraban as axeitadas para conservar ese monumento que é o idioma propio de Galicia.

Cinco anos despois, xa saben, pasou o que pasou: unha aplicación daquilo que dicía WoodyAllen de que a vocación dun político de carreira é facer de cada solución un problema. O candidato a retomar a presidencia da Xunta fixo un problema da solución que votara o seu propio partido (e boa parte dos mesmos deputados, nunha demostración de que quen ten cu, ten medo, pero quen representa aos cidadáns non ten por que ter necesariamente coherencia nin outras cousas). Coa colaboración entusiasta duns tontos útiles, dunha señora que é tan española que ignora que no único idioma que fala "peyorativo" é sinónimo de "despectivo", e doutros salvapatrias de garda, plantou lume, tocou as campás a rebato para alarmar á poboación e logo sacou a relucir a mangueira. A conclusión é que a administración encargada de salvagardar ese patrimonio cultural que é o idioma -é dicir, de ensinalo, de protexelo e de promovelo- so asegura a súa presenza no 2% das aulas de Infantil nos núcleos urbanos, que é onde os nenos non teñen outro ámbito de escoitalo. Claro que a administración non pode obrigar a ninguén a usar ningún idioma, pero tampouco pode obrigar a ninguén a ler, e sen embargo, o ensino é obrigatorio ata os 16 anos co obxectivo, entre outros de erradicar o analfabetismo (so en castelán, en galego tanto ten). Outro dos obxectivos daquel Plan de hai dez anos, esfarelar prexuízos e reforzar a estima do galego, vai tamén a fume de carozo despois desa campaña de imaxe.

Dentro duns días teño unha cita cuns expertos da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa, que van elaborar o Cuarto Relatorio de Avaliación sobre as linguas minoritarias. Porque os van cambiando, senón sería como saudar a vellos amigos. Esta será a terceira vez, e aínda lembro a primeira, cunha presidenta croata que impoñía bastante respecto, polo menos a min. Desta non sei se discutirlles o de "linguas minoritarias", habida conta de que o galego ten máis falantes que idiomas oficiais da UE, como o esloveno, o estonio, o irlandés, o letón e o maltés. O de minoritarias debe ser unha autocrítica das súas recomendacións, polo pouco caso que lle fan. A quen se lle ocorre, por moi experto do Consello de Europa teimar en dicirlle aos gobernos, ao de aquí e ao de Madrid, que hai que protexer iso de falar autonómico.