Lugo -tesouros- encantados: vaia trindade circunscrita na chaira polos 2117 metros de pétrea muralla romana, a ritmo con torres e portas abertas á rosa dos ventos dos camiños e da Historia. Pedras de Lugo que Lois Diéguez fai falar a través dos Catro Elementos que aniñan nesta espiral. Para concluír no de sempre, que Galiza resultará sempre máxica, meiga e encantada, por ser universo descoñecido. Filigrana, trenzada con amor, ilusión e esperanza, homenaxe á cidade e ós seus creadores.

En Lugo, a segunda semana de outubro ábrese coas feiras do San Froilán, motivo pro encontro, pra prepararse pro tempo chuviñoso. As mesmas celebracións din moito da cidade e por algo a preside en altar o Pan e o Viño, os produtos da terra e do traballo do home feitos Eucaristía, metáfora que, sen beaterías, levouse ó escudo deste País céltico, negado, de cabaleiros a construír imperios para outros. Lugo garda a súa experiencia entre o seu muro, cousas cantadas e contadas por filántropos, escritores, creadores, moitos dos que, se non tiveron escola entre os latíns do Seminario de Mondoñedo, tivérona entre as sombrías fragas ou escampados da Cha, de Lemos, da Ribeira Sacra, do Incio, do Courel, dos Ancares ou na beiramar da Mariña. Historia que converxe e celébrase en feira maior na cidade vixiada por Minerva, "Señora dos ollos grandes", entronizada na catedral, tras a Custodia, sobre dourada flor barroca, deseñada por Fernando de Casas Novoa.

Entre as labirínticas curvas de nivel da terra e do tempo fíxose un profesional integral, dos que profesan a íntima topografía galega, é Lois Diéguez: primeiro nesa encrucillada de vías que é o seu Monforte, co seu tío crego, cos seus, compartindo con Manuel María e Saleta, na librería Xistral, empresas de normalización, coa ansia de saber quen somos, dende preto e mesmo dende as perspectivas das viaxes.

Polo de agora a intensa e poliédrica vida de Lois Diéguez encaixase entre catro vértices: o da orixe ou da casa, de ida e volta, da infancia, a mocidade e da primeira formación, Monforte de Lemos; o segundo o Madrid dos seus estudos de Enxeñería Topográfica, son os anos sesenta, entre unha actividade de creación e animación de plataformas galegas para a sensibilización e a solidarización. E outro vértice, a volta a Lugo, agora para exercer a súa profesión como topógrafo no Concello, asentarse e cultivar unha ética e unha estética contra toda explotación, por canto significa a identidade que afirma una nación, as liberdades, o idioma e a cultura, a produtividade de Nós, e iso chámase Humanismo. E velaí a actividade na Agrupación Cultural Valle-Inclán, cos seus ciclos de cine clube, na asociación Circos líticos e Lugo Patrimonio, e sempre os medios, especialmente a radio e as novas tecnoloxía. Coordinador e benquerido polas colectividades galegas da emigración en Europa, fundador, directivo e animador de revistas e colectivos. Lois buscará un punto no que asentarse, entre o corazón de Lugo e do Miño, e atoparao, nos vellos camiños que levan cara Compostela, en Orbazai, preto do antigo castro de Penarrubia, onde construír unha casa, feita a súa medida e da súa irmá Carme... e cando ela falta, de súpeto, en un paso de peóns, Orbazai pasará a ser a máis fonda lembranza.

Lois está alí onde se lle chama e se lle quere: Deputado no entón Bloque Nacional Popular Galego nun primeiro Parlamento Galego, aínda sen Regulamento, coutado por enferruxadas e timoratas normas, no que non se presta a xurar unha Constitución Española que nega os principios da nación galega. É expulsado cos seus compañeiros, Bautista Álvarez e Claudio López Garrido.

Lois fixo seu o que saben todos os bos viaxeiros, que a vida é aprender a desprenderse, onde queda Itaca, as orixes nas que acouga toda distintiva orixinalidade fronte á uniformización. E dende a súa xubilación escollerá esoutro vértice, a Coruña, a carón da beizón dos estralampos do Faro de Hércules, principio-fin dun vello camiño de ida e volta Lucus- Brigantia.

Nunha desa viaxes polas ribeiras do pai Nilo, na Tebaida, onde se configurou a misión de "homiños santos" , con leccións das que quizais aprendeu relixión -que é o que religa Terra-Ceo- o lugués San Froilán, amansador de lobos, animei a Lois, a que despois da súa Viaxe polas Terras encantadas de Lemos (1999), fixese o mesmo con ese seu Lugo. E velaí como no outono do 2013, a carón do Mar da Marola rematou e asinou este ramallo de crisantemos literarios: Lugo, a cidade dos Tesouros encantados.

Toda a obra de Lois Diéguez, de extremo realismo, no rescate do detalle ensombrecido é un berro, unha chamada solidaria. Os títulos xa nos afondan nas raiceiras: Albre de esperanza (1966), Cancións para un agromar branco e azul (1969), O ferro dos días (1982), Onfalos (2001), versos nos que se agasalla á casa, ós amigos e camaradas, á Terra. Faise dende o herdo antigo do panteísmo e, como en poucos autores por aquí, dende perto e dende perspectivas máis lonxanas, abranguendo a todos os sentidos, máis os da intuición. Lois Diéguez, un dos "Novísimos" dos sesenta e de agora, arrodea canto fai de sentimento, de música, de cor e arte, de canto impresione e contribúa a afinar a sensibilidade. O resultado é unha metáfora concienciadora dun pobo dividido, desfigurado que incluso chega a producir monstros desarraigados: A torre de Babel (1968), O tempo sen saída (1972), Galouz Z-28 (1976), A Canción do Vagamundo (1987), que foi premio de novela Blanco Amor, Monólogos no espello (1992), Tres sombras góticas e unha rosa (1995), Henriqueta na Galería 1997, A Casa de Galiaz (2003), O canto do Muecín (2007) sobre as contradicións entre oriente e occidente, A poutada do oso (2011), como a tradición que non traizoa.

O Lois Diéguez réndelle agora homenaxe a Lugo, as súas paisaxes e paisanaxes, ó escenario e os autores e actores, e velaí a competente edición de Lugo, a Cidade dos tesouros encantados, editada por Engaiolarte de Vigo. Como un novo e ilustrado Ciprianillo feito á medida de Lugo, complementado con fotografía de Xulio Gil, con cartografía e incluso con plano dos tesouros da cidade. Primeiro fala á chuvia, señora que fai reverdecer o antigo bosque de Lugh, coroado polo que foi castro dos copori e campamento romano a vixiar o Miño, derriba da fonte calda das termas, cidade con orixe no legado fundador Paulo Fabio Máximo. A brétema serviranos de cicerone para furar polo anel, entrar no couto, nun nimbo de Historia, na arqueoloxía de templos pagáns, de solemnes domus, e sobre elas o trepar do tempo: a nula ou moita ilustración municipal, os pazos, as casas humildes, as tabernas, as tendas, os cafés, parladoiros nos que se filosofa e escoitaba, o Circulo das Artes... Lousas sobre as que se presenten os pasos de Pimentel, de Fole, do Cilistro, Isidro Novo, Vázquez Seixas, Trapero Pardo... e sempre o paso pousón e a verba solemne do sobriño do párroco de San Froilán, Manuel María... e Paco Martín e o seu Ramón Lamote. Lugo mesmo de activistas, do lembrado Carlos Varela, Pedro Luaces... de Antón o Mago ¿por qué será terra de tantos magos?...

A entrada en Lugo faise pola porta de Santiago e vaise de porta en porta, con nomes de bispos e reis... entra e párase na Catedral, no Museo, a carón de tesouros da Historia de Galiza. Teñen voz nestas páxinas os outros principios da vida, o Ar, o Sol e sempre a Terra das sementeiras, envolta en neboeiras grises ou en dourados de esperanza, confundidos en misterio, tal como pintou Tino Grandio, cando non en cores vivas de Blas Lourés ou fantasías escultóricas de Otero Besteiro, Paco Pestana ou Alvaro de la Vega. Ficamos coutados polo encanto.