Mañá, xoves, ás 9 p.m. no Fórum Metropolitano será a conmemoración cun gran concerto do nacemento dos cantautores galegos, hai 50 anos.

Será emotivo asistir ó concerto para oír e ver a un grupo de veteranos e vocacionais cantautores como os incombustibles: Xurxo Mares, Paris Joel e César de Centi, os que remataron, entre outros, por crear a Asociación Cultural Venres de Cantautar, a única asociación de cantautores coa que conta a Comunidade Autonómica de Galicia co número 2013/018000 Sección 1do Rexistro de Asociacións que a Xunta ten para este fin.

A asociación con domicilio no Concello de Sada é de ámbito autonómico. Ten como obxectivo principal a promoción dos cantautores e a divulgación da canción de autor que se fai en Galicia, unha iniciativa que comezou cunha homenaxe ó cantautor cubano Silvio Rodríguez na sala coruñesa La Tuerka 27 e que cristalizou con dúas actividades mensuais de promoción da canción de autor na citada sala, e outra no Baba Bar da Coruña. Estas actividades creáronse como base para organizar outros eventos de maior calibre co mesmo obxectivo, promocionar ós cantautores, editando un disco, DVD, etc.

Co tempo La Tuerka 27 acordou apostar polo teatro e a actividade chamada Venres de Cantautar trasladouse definitivamente ó Baba Bar, onde o primeiro venres de cada mes homenaxéase a un famoso cantautor e os cantautores participantes presentan tamén os seus propios temas. Isto foise levando a cabo desde hai máis de un ano, cando os promotores da actividade, os cantautores Xurxo Mares, César de Centi e Paris Joel, acordaron que, como de feito, xa estaban funcionando como unha asociación, o mellor era formalizar a situación creando o mencionado colectivo a devandita Asociación Cultural Venres de Cantautar, que xa é un feito.

A xunta directiva da Asociación Cultural fórmana César de Centi, tesoureiro, Xurxo Mares, secretario, e Paris Joel, presidente, e ata o momento participaron nas súas actividades cantautores de Galicia, como Fátima Baña ou Gustavo Almeida (Pontevedra), David Prado Viña (Lugo), Miguel Castro e Marcos Mella (Ferrol), María González, Tato López e Xosé Constela (Santiago de Compostela), Jorge Bau (dilecto e recordado alumno), Carlos Valiño, Robert Pier, Mou, José Luis Paz, Pablo Rubén Fernández e Richi García (A Coruña). Tamén participaron cantautores do resto de España como os madrileños Jarvier Bergia, Javier Alía, el Kanka ou Manuel Cuesta, o navarro Javi Martí ou Ramón Tarrió desde Ceuta.

De cando en vez daremos a coñecer na comunicación dos seus actos unha microbiografía destes heroes anónimos. Comezaremos hoxe por Xurxo Mares, quen naceu na Coruña en 1950 e desde pequeno estivo implicado nisto da música. Contan que en 1964 caeu nas súas mans unha guitarra, que axiña se puxo a tocala e que en canto soubo tres acordes compuxo a súa primeira canción. Cóntanolo Kathy R Kirrin na presentación do seu libro-disco Abierto. "O neno Jorge -Xurxo-, que correteaba polas rúas, co irrepetible Nano, coleccionaba discos e subíase ás árbores, acaba de se converter no mozo cantautor Jorge Mares".

A partir de aquel día a vida de Xurxo estivo totalmente vencellada á música: tocou en varios conxuntos musicais; participou en todo tipo de festivais; contribuíu á formación do Movemento Popular de Canción Galega -con Miro Casabella, Benedicto, Bibiano, Emilio Cao, Rodrigo Romaní ou Antón Seaone-, cantou ós grandes poetas galegos, compuxo as súas propias cancións; gravou un primeiro disco con 10 temas en galego ó que titulou Mareas Vivas e participou na creación da plataforma colectiva de cantautores galegos na que interviron César de Centi, Gabriel Encinar, Jorge Bau, José Luis Paz, Manu Clavijo, Pablo Rubén Fernández, José María Herrero e Patricia Vázquez.

Xurxo é un entrañable ser humano moi cercano ós que o tratan, coa súa cercanía e naturalidade, como é el con cariño e vocación, polo que fai de gran mestre e cantautor.

Rematarei con fermosos versos do cantautor Paris Joel: "Pai, nunca xamais me explicaches // que o tempo non é de ninguén // xogamos a cara ou cruz, // pai, hoxe necesito cantarte".