Opinión | Si home si

Xosé Manuel Pereiro

Eclipse

Esta mañá (a de onte para vostedes, e case para min) foi case desas de Día-D. E todo polo eclipse. O elemento cativo da casa estaba tan emocionado co asunto, que ata estaba absolutamente convencido de que era día festivo non polo traslado do santo de seu pai -e de máis da metade da poboación masculina e parte da feminina da idade de seu pai- nin polo do día dedicado ao proxenitor macho, senón polo fenómeno celeste. Mesmo levaba días interrogando aos maiores da unidade familiar sobre se fixeramos acopio das lentes pertinentes.

Así que esta mañá, pese a que o festivo -fose fixo ou móbil, por santo, patrón ou fenómeno, pero festivo- permitía quedar na cama ou nos arredores, en canto deron as 8 estabamos todos en pé de guerra. Unha ollada polas fiestras fixo que o incrible pero certo debate familiar da véspera sobre por onde saía o sol quedase sen resolver. Estaba anubrado e non se vía o tal astro por ningures. A expedición da filla mediana ao exterior, de paso que sacaba o can, confirmou a ausencia. Pedín auxilio nas redes sociais, obtendo solidariedade e un par de "que esperabas na Coruña" (e unha foto do ceo de Málaga peor aínda). Saímos á desesperada, pero coa suficiente presenza de ánimo para parar a mercar o pan. Tiñamos a intención de unírmonos aos da Asociación Ío, en Santa Margarita, por aquilo de que, polo menos botar unhas risas, e para que o eclipsófilo comprobase que se non podía ver a cousa, non era por manifesta inutilidade de papá. Iamos, por suposto sen gafas. Unha batida do irmán maior a tarde antes por toda canta óptica había non tivo máis resposta que a conmiseración dos dependentes de que non se matara e deixase de buscar, que en todas estaban esgotadas. Afortunadamente, a cabeza de familia -en todos os aspectos- fixérase con dous anacos de vidro de soldadura grosos como lousas. E na panadería coincidiu cunha profesora de física que lle aconsellou ir ver a cousa desde o castelo de San Antón.

Alí estaba un rapaz que fixera un trebello semellante aos de mirar os fondos mariños desde as lanchas, "lo hice con un tutorial que bajé de internet", e no que o sol se vía ao revés pero as gaivotas ao dereito, e unha parella de mozos que polo acento eran franceses, e nos pasaron o seu sistema: uns CDs virxes. Nos aguantamos moito, amante do eclipse incluído, porque atereciamos co frío. Polo camiño tanto de ida como de volta, víase xente que miraba para o sol como quen busca a un coñecido nun concerto ou na praia, sen especiais precaucións, e outros con algo que parecía o móbil. Eu lembrei os eclipses que vin de pequeno, cando non se sabía que non se podía mirar (ou sabíase, pero non o dicían, ou se o dicían, non nos enterabamos). De feito, tampouco teño un especial recordo de que non se puidese, ou non se debese, mirar o sol. Ou quizais de pequeno non vin eclipse ningún, quitado o de Tintín en el templo del sol. O caso é que, na casa, Martin Pawley díxome polo WhastApp que o dos CDs era unha animalada, e o dos cristais de soldadura, depende. Desde entón non fago máis que fregarme o ollo dereito, que non sei que teño nel.

Tracking Pixel Contents