Opinión | O labirinto do alquimista
Felipe Senén
Principio e fin da torre eléctrica do Castro de Elviña
Cincuenta anos chantado na croa do castro, na acrópole, clamando ó ceo dende o altar, presidindo e mesmo diríamos que protexendo como un patriarcal Mazinger de ferro e de alta tensión ó asentamento que foi orixe da Coruña, e algo así como dous milenios despois punto estratéxico na batalla napoleónica de 1809, o Castro de Elviña. Antolóxico xacemento arqueolóxico castrexo, declarado Ben de Interese Cultural por decreto de 20 de xullo de 1962 tras os esforzos e a poética arqueolóxica de don Xosé María Luengo Martínez, astorgano da saga de Martínez Salazar. Trece anos despois daquela declaración e ó ver como se afundían os proxectos prometidos dun Museo Céltico internacional, complementado con escavacións arqueolóxicas, escribía que nos seus degoiros estaba "converter o castro nun museo vivo, establecendo nel, previa restauración, a vida con todo o ambiente céltico, arrodeándoo dos cultivos que tivera na época prerromana, sendo este o primeiro ensaio que se ía facer en España, mais o que estivo abocado a ser unha gloria coruñesa, parque arqueolóxico modélico, é hoxe un montón de ruínas vergoñentas...non obstante as sentencia do Tribunal Supremo e ter sido declarado BIC..." Poste eléctrico erguido e mantido, contravindo unha sentencia de Contencioso de 2 de novembro de 1965 interposta pola Dirección Xeral de Belas Artes, a instancias do arqueólogo Luengo á todopoderosa Fenosa. O que acontecía nos tempos do desenrolismo do Caudillo. Texto e discurso que repetimos con teimosía, por entender que marca un fito nesa parte inseparable da Arqueoloxía de hoxe que é a xurisprudencia, a que garante as escavacións arqueolóxicas e o futuro do monumento. Dende 1975 e dende o Museo Arqueolóxico de San Antón, recollendo o desacougo de Luengo, pese a todo, defendemos a retirada do xigantesco esteo de ferro, incluso autoridades municipais, polo baixo, empurrábannos a facelo, o que nos deu que desconfiar. Pasado o tempo entendemos que asexaban a esa Elviña que protexía baixo o paradoxo dunha tea da araña de alta tensión intereses inmobiliarios. Témosllo contado a quen sempre se sentiu como privilexiado elviniense, Manolo Rivas, e teno escrito tamén.
Elviña era e sigue a ser área periurbana na que acouga o futuro dunha cidade conxestionada, istmo de entrada e saída á Coruña, entón de agras e sólidas quintas, que comezaba a ser invadida na desprogramación urbanística entre lazos viarios, factorías, pavillóns empresariais e na mente outras torres que logo iriamos vendo polas diferentes "fases". Eidos para todo, industrial, comercial, campus universitaria, residencial...
Co poste xa posto, irremediablemente entendemos que había outras prioridades na salvagarda do xacemento arqueolóxico, educativas e case policiais, como a vixilancia continua cando comezaban a invadirse as súas abas e o sobcastro mesmo polo urbanismo do Campus universitario que ocupa o que sería na antigüidade unha rica braña por apozamento dos regueiros de Someso e Monelos, entre as antigas congostras con longos tramos de rodeira de carro marcadas e que foron asfaltadas. Prioritaria aínda segue a ser a expropiación de terreos de toda a área castrexa, que é moito máis que a tonsura da que quizais foi a Brigantia que vixía ó Magnus Portus Artabrorum; o mantemento continuo das estruturas atopadas nas escavación arqueolóxicas iniciadas a fins dos anos corenta, intervención de Monteagudo e continuadas, co premio do tesouro, por Luengo. Programa de preferencias no que entraba a revisión dos materiais atopados, deica entón repartidos na Universidade de Santiago e almacenados no Castelo de San Antón, o que no 1968 iniciaba a súa andadura como Museo Arqueolóxico. Algo que axudou, aínda en tan limitado e característico espazo, a seguir mantendo a tradición de humanistas pioneiros da Arqueoloxía galega, educando, creando e documentando artefactos e mesmo axudando a formar nestas penurias ós museólogos, entre os que me conto para contalo agora. Asuntos sobre os que predicamos en discursos, como o de ingreso no Instituto Xosé Cornide de Estudos Coruñeses, serodio na súa lectura, precisamente agardando pola contestación de don Xosé María Luengo, quen gustoso aceptou, pero non puido rematar e que agora estará entre os seus papeis e bens que os herdeiros deixaron pro museo coruñés que creara. Aquel discurso, lido na Sala Capitular do Concello un 11 de Novembro do 1989, publicado, titúlase Cuestións Arqueolóxicas e Museolóxicas: revisión dende o Museo Arqueolóxico da Coruña. Trataba expor ese programa de prioridades que comezaba polo estado da cuestión do museo en San Antón, dun centro coutado, que aproveitaba a rehabilitación dunha pequena fortaleza feita nunha illa dende o século XVI, tanto para servir á defensa, como para prisión, limitada para a funcións de museo de hoxe: expoñer, documentar, estudar, conservar, educar, así como vixiar as realidades arqueolóxicas inmediatas, a Torre de Hércules, o Castro de Elviña, as escavacións de urxencia na urbe...
A escola onde se forman arquitectos, pese estar erguida dende os anos setenta, como un fungo de formigón e de abrir fiestras á lección daquela vella parroquia de San Vicente de Elviña e do seu Castro, enxergamos como, de vagar, se degradaba tan singular conxunto rural de grande valor etnográfico arredor da igrexa románica, descrito no 1607 nas Memorias do Arcebispado de Santiago polo Cardeal Jerónimo del Hoyo, coas súas quintas, as fontes, os hórreos con celeiro, característicos da beiramar brigantina. Eran aqueles escenarios para as pinturas de cabalete de Xosé Fernández Sánchez, quen en cada súa exposición homenaxeaba a egrexios galegos. Elviña viña a ser un xeito de locus amoenus do que sempre se gaba Manolo Rivas, privilexiado paraíso aldeán, con microclima, aberto a vellos e novos camiños. Por iso e máis incluso tentamos mercar unha desas quintas labregas, para salvala e inicialmente complementar as tarefas de control e estudo do Castro, pero non nos fixeron caso.
Dende 1997, na secuencia da titoría e investigación de Elviña, o arqueólogo Xosé María Bello Diéguez, director do Castelo de S. Antón, asumiu a cuestión e intermitentemente tivo ventos favorables. Incluso proxectouse un museo de sitio, a Casa da Historia, segundo deseño do arquitecto Manuel Gallego Jorreto. Ó tempo que un equipo de xestión arqueolóxica, coordenado por Felipe Criado, elaboraba un plan de futuro e un comité de sabios artillaba o plan director. Namentres, a arqueóloga Ana Isabel Filgueiras recollía e publicaba, denantes de que se perderan, as lendas e a microtoponimia. O Concello miraba pra outra banda e valorou outros asuntos en relación coas virtualidades das ciencias. Na teoría pouco lle faltou e Elviña e o acontecer foi o que é.
Agora celebramos, como se dunha batalla gañada se tratara, nesa outra guerra de Elviña, o derrube e desaparición da desafíante X de alta tensión, cando xa era un histórico vestixio de arqueoloxía industrial que reconfirmaba a calidade estratéxica do asentamento. Bello Diéguez colgou na rede o vídeo do seu desmantelamento e mesmo tombou, morta, a esquemática torre da maqueta do Castro.
Sabemos que o que está de ser será, que a Arqueoloxía e a Museoloxía son ciencias de futuro e que o humanismo e o pasado servirán para construír mellor futuro. Namentres a sensibilidade de cada tempo deixará pegada de si.
- Alegría para los conductores en España: no tendrán que pasar la ITV a partir de 2025 si su coche está en este listado
- Así serán las bajas médicas a partir de 2025: Un nuevo sistema que evaluará la situación de cada trabajador
- Lucas Pérez se irá al Rayo si pacta su salida del Dépor
- Ikea recupera la estantería para el baño que arrasa entre los jóvenes: menos de 6 euros y se monta sin obra, ni agujeros
- Qué es el mieloma múltiple, el cáncer incurable que sufría el presentador de TVG Xosé Manuel Piñeiro
- Una influencer madrileña se deshace en elogios con 'el restaurante más icónico de A Coruña': 'Menos de 15 euros por cabeza
- Un soltero de 'First Dates' abandona la cena tras conocer la confesión de su cita: 'No podría tener una pareja que hace eso
- El Como sube la oferta por Yeremay pero el Dépor se aferra a la cláusula