Opinión
Lino Braxe
Non todo vai ser marisco, que tamén
Esta fin de semana celebráronse as eleccións andaluzas. E durante dúas semanas, incluso dous meses, os medios de comunicación estatais prestáronlle a estes comicios unha cobertura informativa, ao meu xeito de ver, desmedida. Non vou negar a importancia que nas variables sobre a intención de voto de cara unhas eleccións de ámbito nacional os resultados de Andalucía poidan ter. Aínda que ningunhas eleccións son comparables a outras. Non é o mesmo votar para Europa, para o Estado, para a comunidade autónoma ou para o teu municipio. Pero o fenómeno Podemos e a irrupción de Ciudadanos na campaña andaluza espertou o interese das redaccións de xornais, radios e televisións do estado. Sexa por este motivo, ou por calquera outro, o que se ven observando desde hai tempo é a existencia de eleccións autonómicas de primeira e de segunda. Nas de primeira están Madrid, Cataluña e Andalucía, e xa algo esvaídas, as do País Basco. Madrid, porque son moitos e é Madrid; e os de alí consideran que todo o que lles pasa a eles interesa aos demais moito máis que o que lle pode pasar a un aragonés. Cataluña porque son moitos e resulta que se senten moi cataláns. Andalucía porque son moitos. E Euskadi mantén a súa cota de atención por parte dos medios porque a sombra do terrorismo é alongada, aínda que non sexan moitos. Na segunda liña aparece o País Valenciá, as dúas Castelas, Navarra e Galicia. Murcia, La Rioja, Asturias, Extremadura, Aragón, Canarias, Baleares, Cantabria, Ceuta e Melilla, xa son terceira división. Iso da solidariedade entre nacionalidades históricas, comunidades e cidades autónomas, comeza por tentar coñecernos un poucos máis, e se aqueles que contan coa posibilidade de facilitalo non o fan, estamos vendidos. Galiza non chega aos tres millóns de habitantes, pero son tres millóns de habitantes moi importantes dentro do Estado ou, cando menos, tan importantes como calquera cidadán doutro territorio. Ademais, tradición, gastronomía, paixase, cultura, temos todos, pero unha lingua propia moi poucos. En España hai catro: o castellano, o galego, o euskera e o catalán, e tamén un monte de dialectos. É a riqueza diso que se chama Estado español. Pois ben, se nós formamos parte das tres nacionalidades históricas e temos un dos catro idiomas do Estado español, esixamos que nos presten a atención debida. Non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco menos. Temos os nosos problemas e o noso corazonciño. Aquí tamén hai eleccións de cando en vez. E pódolles asegurar que nos informativos nacionais e nas televisións autonómicas non lles conceden aos nosos comicios a importancia que lle están a dar estes días aos de Andalucía. Por non falar do acento galego. Aquí calquera humorista ou actor con acento de Andalucía, Murcia, Extemadura, pode actuar nunha cadea estatal, pero un actor galego non. Admítese o catalán e o basco, pero o galego, non. Só fan uso del para mofarse de nós. Desculpen este arrebato de orgullo, pero non me parece xusto que se lembren de nós só polo Camiño de Santiago, o albariño e o marisco, que tamén. Mais penso que somos algo máis que iso. Non si, Prisciliano, Cunqueiro, Seoane, mestre Mateo, Gaos, non si?
- Qué es el mieloma múltiple, el cáncer incurable que sufría el presentador de TVG Xosé Manuel Piñeiro
- La borrasca Éowyn supera las previsiones en Galicia: ya se registran vientos de más de 150 kilómetros por hora
- No más pan rallado: esta es la alternativa para empanar sin carbohidratos
- Cristina Piñeiro, trasplantada de médula: «A mi ‘Don German’, que es como llamo a mi donante alemán, le debo la vida»
- Así serán las bajas médicas a partir de 2025: Un nuevo sistema que evaluará la situación de cada trabajador
- La DGT activa un nuevo radar en una carretera que une Oleiros, Cambre y Abegondo
- Así es el plan de mercado del Deportivo sin Lucas: recuperar a Rubén, un ariete y un lateral izquierdo
- Arantxa del Sol, exconcursante de 'Supervivientes', ficha como colaboradora por este programa de TVE