Opinión

Plácido Lizancos Santos

Os diálogos. Da vellez (Cicerón)

Estiven lendo un fermoso tratado "que non só lle quitou ó escribilo todas as molestias da vellez, senón que se volveron doces e agradables" .

Admirados os seus interlocutores da resignación con que leva Catón a súa vellez, pídenlle que os ensine a soportala para cando eles cheguen a vellos, e aquel respóndelles elocuentemente refutando un por un os motivos polos que a vellez soe considerarse como un estado miserable (que exclúe dos negocios, que diminúe a memoria, que embota a intelixencia, que priva da fortaleza, que impide os deleites e que se aproxima á morte).

A argumentación de Catón ten como bases fundamentais que as privacións que a vellez impón ós homes non soen ser consecuencia da idade senón dos costumes; os vicios da mocidade, cando esta foi libre e desarranxada, son os que entregan o corpo quebrantado á vellez; e se a vida se considerase como unha preparación para a ancianidade, ó chegar esta nin faltarían ó home enerxías, nin tería queixa algunha no seu estado como lle sucede a el.

Examinando os defectos achacados á vellez considera absurdo dicir que resta actividade para os negocios, xa que hai numerosísimos exemplos que demostran o contrario, e temos visto vellos gloriosos que defenderon a república romana co seu consello e autoridade; os que negan á vellez o manexo dos negocios son semellantes ós que dixesen que o piloto non fai nada na nave porque está sentado na popa do barco só co temón, mentres soben ós mastros, manobran nas pontes do navío ou traballan na bomba. Respecto á diminución da memoria, afirma Catón que só se dá nos que non a exercitan ou son rudos por natureza; pero que, por regra xeral, dura a súa intelixencia nos vellos tanto como dure o seu coidado e cultivo, e isto non só nos homes ilustres e que tiveron empregos públicos, senón tamén nos que viviron quedos e retirados. En apoio da súa opinión cita ós nomes de Hesiodo, Gorgias, Homero, Pitágoras, Platón, Dióxenes, Estoico... os que a vellez non obrigou a enmudecer.

Polo que se refire a falta de forzas di que só lamentarán os que non se acomoden ás leis da natureza e pretendan cousas imposibles; pero non os que comprendan que a vellez nin pide, nin necesita forzas físicas extraordinarias para nada. Ó vello san non lle faltarán forzas para poder ensinar a instruír ós mozos nas súas obrigas nin para ocuparse -coma el- da curia, o tribunal, os amigos, os dependentes, hospedes. O exercicio e a vida moderada -afirma- poden conservar ben na vellez algo do vigor e robustez antigas; os corpos se deterioran co cansazo e o traballo; pero, en cambio, os ánimos adquiren novo vigor cultivándoos. Eu máis quixera durar pouco na idade de vello que facerme vello antes de selo. O que vive en estudos e traballo -remata- non sente cando lle chega a vellez pouco a pouco e sen matalo a verdade envellecendo e non se quebra de súpeto senón que a forza de moito vivir acábase.

En canto os deleites móstrase Catón de acordo con Arquitas, quen dicía que "a natureza non dera ós homes enfermidade máis fatal que os praceres do corpo". Cre que non tendo depositado en nós a natureza ou algún deus cousa máis grande que o entendemento, non hai inimigo máis temible dese don divino que o deleite, impedimento do bo xuízo, ofuscador da razón e da intelixencia, e sen relación nin comercio algún coa virtude.

Tracking Pixel Contents