Opinión | O labirinto do alquimista
Felipe Senén
1 de abril, Día das artes galegas
No 1188, a primeiro de abril foron asentados os linteis do Pórtico Principal da Igrexa do benventureiro Santiago, polo Mestre Mateo, quen dirixiu a obra dende os seus alicerces" así consta, en latín, no epígrafe baixo as lumieiras do Pórtico da Gloria. Data pra non esquecer, día para celebrr por rematarse a abertura de paso dun singularísimo pórtico na extremeira occidental da vella Europa, onde converxen tantos camiños. Resultado dunha terra e dun tempo, cos seus mecenas, un rei, un arcebispo, os seus coengos e todo un pobo, tempo de cantigas e trobeiros, de sabios mestres construtores, dun feudalismo galaico-leonés obcecado no expansionismo imperial, abusando da imaxe militar dun apóstolo cabaleiro abandeirado que se dicía aparecido no ano 844 na batalla de Clavijo. Pórtico na fachada occidental da catedral, aberto pois á luz do solpor, parte harmónica, simbólica dun todo, dun templo grandioso que serve de cofre pra gardar e venerar o que se di ser o sartego dese apóstolo, "Fillo do Trono". Obradoiro continuo polas obras dos canteiros, fachada románica que comeza a modificarse no século XVI ó tramar novos accesos, no século XVII coa gran escalinata deseñada por Ginés Martínez e no 1738, revestido co florecer barroco, como si dun gran retablo se tratara, obra do saber do mestre Casas Novoa. Pórtico da Gloria que ansía abrirse á eternidade, contando a historia bíblica que fai posible o Verbo. Inspirada pois no Apocalipse de San Xoán, no intre en que nos catro cabos do mundo, catro anxos trompeteiros anuncian o Xuízo Final. Mensaxe de ascese cara á Luz: do Caos ó Cosmos, iniciado na escuridade da cripta, soamente iluminada polas lámpadas de aceite, na súa bóveda as labras do Sol e da Lúa, anuncio de esperanza... seguimos por unhas portas laterais que furan e ascenden, entre as tebras e a pedra, a un balcón do sobrenatural, da Xerusalén Celeste. Todo paralizado, petrificado no intre da Parusía, do Xuízo Final. "Á súa luz camiñarán as nacións, e os reis da terra renderanlle o seu esplendor". O pobo de Deus convocado, todos ascendendo dende o Xénese, entre o mato das silvas, superando mitos, a adoración de ídolos, monstros, creando normas, relixión, o Verbo, entre as estatuas-columnas dos profetas, dos evanxelistas e dos apóstolos, todos espreitantes para trunfar quen todos semellan esperar, "a El diríxense anxos coas almiñas dos defuntos, o Mesías liberador. O profeta Daniel, avogado dos nenos hebreos condenados polo rei de Babilonia a seren queimados, sorrí, semella prometer a eterna mocidade. No arco da esquerda asoman dez figuriñas apreixadas por un bocel, alusión ás dez tribos de Xudá, oprimidas pola antiga Lei Mesiánica. No arco da dereita, segundo miramos, á esquerda do Cristo Xuíz", represéntanse ós condenados, entre monstros, diaños, serpes que non os deixan rematar os seus vicios. No centro do tímpano preside o Cristo Mesías, da estirpe de David, faro de luz, triunfante sobre a morte, que mostra as chagas, "El é o que foi, o que é e o que será. Baixo os seus pes anxos portan os instrumentos da Paixón, buscadas e veneradas reliquias. A unha e outra banda os evanxelistas, Tetramorfos, como os catro principios da Vida. E sobre iso, pechando o arco, nas doelas, a Palabra feita Música, os vintecatro sabios anciáns, preparados para entoar un canto de loanza. Sobre a columna do parteluz a imaxe patrucial do apóstolo titular do templo, que apoiado no seu caxato, recibe ou despide ós peregrinos. No cimo do cumio desa fachada-estela o Deus feito cosmogonía, a xeometría do rosetón, pola que entra e se desfai a luz do Occidente para dar no Altar do Oriente. Obra interactiva, de arquitectura, de escultura, de pintura, que enxalza a palabra e a música, as artes todas, feita con saberes de tradición e innovación, cun senso de servir sempre, de dar paso a todos. Monumento e autor estudados en todo tempo, Villaamil y Castro, López Ferreiro, Camón Aznar, Vidal Rodríguez, Angulo, Kingsley Porter, o marqués de Lozoya, Chamoso Lamas, Filgueira Valverde, Otero Túñez, Serafín Moralejo, Izquierdo Perrín... Algo así cómpre sabelo, espallalo e celebralo, asumir luces e sombras de Nós.
Pese a todo ignórase a identidade do Mestre Mateo, escultor e director das obras con outros escultores. Parece ser que tivo a súa orixe como construtor de pontes, denótase o seu paso e o seu toque pola Ribeira Sacra do Sil, por Carboeiro... e mesmo con similitudes na igrexa de San Vicente de Ávila. Posiblemente viaxeiro, en todo caso coñecedor por ilustracións dos beatos, de canto se fai arredor do concorrido Santo Sepulcro, da Terra Santa, de remotas tradicións orientais, dos seus bestiarios e mesmo das técnicas de traballo e policromía... Sábese polos contratos que traballa na catedral compostelá dende 1168, ben compensado polo rei de Galiza e León, Fernando II, con rendas anuais de prata e ouro, con boa casa e taller nunha banda da mesma catedral. E mesmo velaí como, tras o Pórtico, mirando ó altar, autoretrátase axeonllado, co seu cabelo rizado, acrocado, ó xeito oriental, babilónico, polo que fai que se lle coñeza como "O Santo dos Croques", sobre o que os peregrinos e os estudantes, en rito iniciático, de pasaxe, dan un golpe coa testa.
Entre as obras que se conservan realizadas baixo a dirección de Mateo está o coro pétreo que até o barroco ocupaba o centro da nave da catedral compostelá, cos seus sitiais e todo un repertorio simbólico, daquela desmontado e trasladadas algunhas pezas para enmarcar a Porta dos Vintesete ou Porta Santa. Coro do que se fixo unha reconstrución parcial que se mostra no museo catedralicio. Tamén da autoría de Mateo existen outros dous profetas, David e Salomón, colocados ó remate da escalinata do Obradoiro; outros dous no Museo de Pontevedra, e dous máis, Abrahaam e Isaac, que o alcalde compostelán Otero Aenlle regalou á familia Franco, hoxe no pazo coruñés de Cornide.
A presenza de Mateo faise tamén patente no Panteón Real da catedral, nos sartegos de Ramón de Borgoña, así como no do seu benfeitor o rei Fernando II. Tamén o seu estilo deixase ver no claustro de Santa María do Sar. Autor e obra que seguen a xerar estudos, mitos e máis arte .
A Real Academia Galega de Belas Artes, pioneira entre as academias galegas, con cerna orixinal no Real Consulado da Coruña, onde foi creada no ano 1849, a que fixo posible unha prestixiosa Escola de Belas Artes, arrodeado de grandes mestres e distinguidos alumnos, creadora de museos, animadora de exposicións, do coleccionismo, do asociacionismo de artistas, hoxe presidida polo pintor compostelán Manuel Quintana Martelo, na súa asemblea de 31 de xaneiro de 2015 decidiu instituír o día 1 de abril de cada ano como Día das Artes Galegas. Neste seu primeiro ano dedicado ó Mestre Mateo, a quen foi capaz de conxugar todas as artes, para interpretar neste cabo do mundo un eterno Pórtico da Gloria. Por algo o académico, recoñecido debuxante e historietista, Miguelanxo Prado, entre os académicos que animou a instituír esta celebración, foi o encargado de facer o cartel divulgativo, no que recolle a Mateo esculpindo o seu autorretrato como "Santo dos Croques".
O Día das Artes Galegas quere ser unha xornada coa que enmarcar un ano para enxalzar as artes na Galiza e faise, marabillados, ante as limeiras dun Pórtico da Catedral, "sempre aberto, nun día perpetuo", no Obradoiro compostelán. Créase tamén un Regulamento para a dedicación cada ano a un creador ou creadora de calquera das artes, da música, mesmo da crítica ou do mecenado que serán propostas pola cidadanía ou pola mesma Academia. Unha data máis para a a normalización cultural galega.
- Así es el armario de Ikea que conquista a los clientes por práctico y por su precio: solo 15 euros
- Así es el 'agradecido' hobby de Rosa, la concursante de A Coruña de 'Pasapalabra': 'Mi familia dice que se me da bien
- Renfe cambiará los trenes del Eje Atlántico por otros más lentos y con menos asientos
- El Sergas detecta que el 67% de bajas no están justificadas
- El chubasquero de Lidl para los días de lluvia y frío que está arrasando en ventas y está rebajado a 12 euros
- De las BBC en Arteixo a la Panorama
- Calma tensa por Yeremay
- La lluvia subterránea que no cesa en O Burgo