Opinión

Lino Braxe

Depresión

A depresión, ai, a depresión. A depresión convive con nós todos os días. Palpita arredor de nós. É propia do ser humano. Non vou falar desta doenza desde o punto de vista médico porque, servidor, non é doutor en nada. Mais si quixera romper unha lanza no nome de todos os depresivos e depresivas do planeta. Coñezo unha persoa que sufriu un terrible desengano amoroso e padeceu unha forte depresión por tal motivo. Pasados os anos, non lle podes mentar o asunto, nin sequera comentar que te encontras algo baixo de ánimo ou que outra persoa do noso entorno sofre unha depresión.

E por que non se pode mentar a bicha? Pois simplemente porque para el non existe tal cousa. "A depresión é unha chorrada que se inventa a xente". Daquela, el, foi un chorras. Eu creo que xa non se lembra ou que non se quere lembrar. É como o caso dunha coñecida que, en voz alta, pontifica desde a barra do café todos os días: "Eu non podo permitirme o luxo de ter unha depresión porque teño moito traballo". Da parte do traballo, alégrome. Está ben que teña traballo. E se é un bo traballo, pois mellor. Pero seguro que se tivese un traballo ingrato, onde os seus xefes non a valorasen e onde os seus compañeiros lle fixese a vida imposible, pois ao mellor non estaba tan segura de que a depresión fose un invento.

Pero como non vai a existir a depresión, se estamos vivindo á inversa de como deberíamos, se a civilización que construímos nos obriga a vivir nesa contradición? O cerebro humano é ingobernable. Tentouse ao longo da historia gobernalo desde o poder, desde as relixións e desde as manipulacións afectivas e, aínda así, o moi ladino, rebélase. Somos vítimas de nós mesmos. Da máquina desabrida e fría na que temos convertido o noso mundo. As receitas de saúde, afecto e crenzas ou non poden ser iguais para todos. Somos animaliños racionais que camiñamos polo sendeiro da vida individualmente. O ego dun, non é o doutro. Os valores morais se fracturan. Reaccionamos de maneira diferente ante sucesos idénticos.

Dise que todos evitamos a morte como un acto de supervivencia ao longo da nosa existencia. Sen embargo, o suicidio está aí. Ao igual que a depresión convive con nós. Tamén imos bufar contra os que se suicidan? Imos negar tamén a existencia do suicidio? Non será que non queremos mirar cara onde hai problemas? Non será que é máis doado negalo todo para que a dúbida non entre nas nosa vidas? Como esas persoas que prefiren non enterarse de que hai fame no mundo, porque así viven máis tranquilas. Parece que xa só somos quen de celebrar o nacemento dun ser humano, pero non as súas exequias. As cerimonias de morte non interesan. Pero, amigas e amigos lectores, mentres poida dirixirme a vostedes desde estas páxinas de opinión, saiban que desde esta columna sempre defenderei a dignidade dos depresivos, dos suicidas e dos cadáveres.

Tracking Pixel Contents