Hai uns días un grupo de persoas presentaron no Centro Galego das Artes da Imaxe, en A Coruña, Dor, un corto baseado nunha experiencia real que un dos membros do equipo viviu nun país sudamericán. Non querían contar unicamente a anécdota do atraco que sofre a protagonista do filme, senón contar a historia de varios personaxes que percorren a cinta. Retratar o mundo no que se moven os atracadores e o mundo dos que sofren o seu atraco. Os diálogos que teñen lugar durante o mesmo están recollidos da escena que o propio membro do equipo escoitou. A fin última da curta non é outra que denunciar o asasinato de milleiros de nenos por violencia no mundo. A cifra é aterradora: cada cinco minutos morre no mundo un neno asasinado. Isto é o que querían contar. Non falar dos nenos escravos, nin dos nenos que morren de fame, nin dos nenos que morren en conflitos armados; se falaran de todas as mortes producidas por estas continxencias, a estatística sería aínda máis aterradora. Eles falan só dos nenos asasinados violentamente no mundo cada cinco minutos. Coa crueldade que isto supón e significa. Dor é aventura de poder contar en cine historias que suceden noutras latitudes, que non son as nosas, pero que nos afectan como cidadanía do mundo. E nos afectan porque temos construído un mundo que asasina nenos. A nosa primeira derrota é o primeiro berro inxustificado que no propio fogar damos a un cativo. Aí, algo se racha. Sabemos que se as crianzas ven como un home mata a outro home, o valor que teñen da vida se desdebuxa. Sabemos que se lles ensina matar o valor da vida para elas deixa de ter valor. O ensino da violencia xera violentos. Ensinar a matar xera asasinos e nenos soldados. O gran fracaso da nosa civilización é non ter buscado para a nenez un lugar de amparo contra a brutalidade. Cría brutos e terás bestas. A cultura, o deporte, o amor son os grandes antídotos contra o terror. Dalgún xeito temos que evitar que cada cinco minutos morra un neno asasinado no mundo. O exemplo debe comezar nas nosas casas. No día a día é onde o terror pode ser vencido. Eduquemos ben aos noso fillos e, se cadra, o planeta abrigará unha esperanza fronte aos bárbaros.