Decía Sigmund Freud que a diferenza entre cómico e o humorístico, entre a comicidade e o humor, é que a primeira rise dos demais e o segundo rise dun mesmo; algo co que Bernard Shaw estaba completamente de acordo. Sen considerar esta máxima como un dogma, si penso que ten moito de certo. Non é o mesmo rirse do gran que un amigo ten no nariz que rirse do humor que provocan os grans nos aconteceres dos humanos. É unha liña sutil, pero é unha liña que existe.

E ben todo isto a conto, porque o que non foi nada sutil, foi o chiste sobre os xudeus do señor que ía ser concelleiro de cultura por Ahora Madrid na capital de España.

Non quedáramos en que había tolerancia cero sobre certos temas? Non quixera poñerme transcendente pero alguén pode concebir a historia, o pensamento e a civilización occidental sen a aportación da comunidade xudía á mesma? Chistes como estes son como a negación da existencia do holocausto por parte de certos grupos neonazis. Ninguén que goce dun mínimo de sensibilidade pode pasar por diante do drama dos campos de concentración sen sentir un arrepío porque algún ser humano idease contra outro ser humano semellante maquinaria de exterminio.

E tampouco vaiamos ao sinxelo que é confundir o sionismo ou as posicións radicais dalgunhas formacións políticas hebreas co conxunto do pobo xudeu e o seu legado milenario. Tampouco valen as desculpas do señor Zapata. Que está ben que dimita e que está ben que se desculpe, pero unha persoa da súa idade que aspira a levar unha concellería de cultura ten que ter acadado ao longo da súa vida certa mesura e saber estar que, cando menos, neste caso non amosou.

Isto é como o chiste de Gila, aquel no que aparece un señor morto no chan cun coitelo cravado no peito e dous homes que o contemplan, e vai un deles e dille ao outro: "E agora vas onde a súa viúva e lle pides perdón".

Un pensa na morea de escritores e músicos, xa non falo de pensadores, pintores, científicos, investigadores, etc., que os xudeus teñen dado ao mundo, só cos escritores e músicos, un fica abraiado.

Non debemos seguir dándolle pábulo ao humor que se rí do diferente, do distinto, e moito menos, tomarse a chirigota un dos actos máis vergoñentos que o xénero humano ten ideado para torturar e asasinar a uns semellantes.

Sempre sostiven que o que berra moito só ten razón cando cala, así que o señor Zapata xa está facendo o que mellor lle senta, ficar calado, polo menos unha tempadiña.

A chamada nova política está aí para endereitar o que outros torceron. Non vale falar agora dos casos de corrupción do Partido Popular. O e ti máis, non valeu nunca, e agora, tampouco. Sei que outros moitos deberan dimitir ou ser cesados, pero non se trata diso, se trata de evitar que a vulgaridade, o zafio o rastrero, o ruín se instale nas nosas vidas.

A xente, a cidadanía, a nación, se merecen políticos cun sentido do humor máis sensible e intelixente.