Creo que foi Abraham Lincoln -polo menos así llo atribúe Google, e ninguén reclamou- quen dixo aquilo de que "podes enganar a todo o mundo algún tempo, e podes enganar a algúns todo o tempo, pero non podes enganar a todo o mundo todo o tempo". A todos se nos ocorren excepcións que confirman esa regra, quizais porque nos tempos de Lincoln non había televisión. Durante un tempo, quizais bastante, a administración autonómica, o goberno galego, ou o poder en xeral, amparándose niso de que estivemos vivindo por riba das nosas posibilidades e de que o privado xestionase mellor que o público enganou non sei se a todos co que o mellor sistema para construír o novo hospital que precisaba o suroeste de Galicia era facelo mediante un deses apaños público privados.

Eu sempre pensei que a boa ou mala xestión dependía do xestor, non da propiedade, porque morrer morren empresas dun sector e doutro, e por riba, no mundo da sanidade, da educación, ou da policía, non entendo o criterio da rendibilidade. De aplicalo, o que lle interesaría ao sector privado sería que a xente estivese enferma, fose ignorante e delincuente, para facturar máis. E se administrar un hospital lle convén a unha empresa é que obtén un beneficio, que supoño que obterá de pagarlle menos ao persoal médico, de darlle menos servicios aos pacientes, de ter peores medios, ou de cobrarlle de máis á administración. Pero non me fagan moito caso, porque eu de xestión só sei gastar máis do que gano, e de sanidade, para o único que vallo é para poñerme enfermo. Tamén me chamou a atención como a obra pública está decote como mal rematada. Cando que vén algo de vento, o que voa é sempre o tellado dun polideportivo ou dun colexio. É raro que as empresas non se esmeren máis, coa chea de encargos que lles fan as administracións.

Indo ao noso, a xente de Vigo e contorna tragou durante un tempo, ata que se fartou de que no hospital do trinque se sumasen chambonadas. Nestes tempos en que che fan contribuír solidariamente ao gasto farmacéutico que fas, en moitos casos por vicio, a xente cóllelle manía a detalles habituais na contratación pública, como que quen aceptou unhas condicións de xestión logo esixa (e consiga) cambialas e reducir 600 camas porque se non, non lle saían as contas. Ou usos sociais tradicionais como gastar tres veces o previsto na posta en marcha dun edificio, agora, o tempora o mores, están mal vistos. E sempre houbo aspergillus nos centros hospitalarios, ou sexa que o normal é que os haxa no Álvaro Cunqueiro se se integra na rede sanitaria viguesa. Pero ese tempo no que a maioría da xente tragou rematou este xoves pasado. Polo menos para un de cada dous habitantes de Vigo e arredores. Non se sabe se o outro vigués, o que quedou na casa, sigue enganado (xa saben, hainos que están enganados todo o tempo) ou quedou a ver a cousa pola tele, ignorando que unha manifestación de 200.000 persoas hoxe, non é practicamente noticia quitado que pase en Madrid (polos atascos) ou en Barcelona (porque a culpa téñena os independentistas).