Semella que as estreliñas artificiais, os luceiros led da campaña de compras do Nadal conducen ao Gran Bazar Chino. Na Rúa Maior todo vai tomando pinta de Soho ou Chinatown. Gran almacén con gran rótulo, sen escaparate, nin lle compre, soamente porta e corredores de andeis cheos de fantasías baixo a luz fría dos neóns: caixas de todo canto adorno compre pras festas nunha oferta permanente. Pagarase e despacharase axiña, sen envoltorios especiais, nin lazos, metese a mercancía nunha bolsa de plástico e xa está.

O Gran Bazar Chino ocupa e enche co espazo da que foi antiga librería e papelería, incluída aquela entrañable rebotica dos parladoiros e contubernios, ítem máis, sumando os pavillóns da que noutrora foi concorrida ferraxería, na que había canto trebello cumpría pra casa, pras obras, pro agro, pra caza, pesca... Agora, en calquera rúa real ou principal de calquera cidade galega medra o Gran Bazar Chino. Emporio da bixutería, todo é exótico por aquí, mesmo o nome, como un oriente esfaragullado en brillos e mostrario de luceiros con todas as cores e orgasmo de intermitencias. A mais o Gran Bazar Chino sempre estará de garda, esperando e atendendo ao cliente con toda a súa familia china, reverencia tras reverencia disposta a servir á alegría e á festa, cun sorriso permanente nos ollos. Grilandas de todas as cores, faroliños, bandeiras dun mundo aquí en democracia, aínda dos países máis estraños; máscaras de todos os anxos e demos.... O Gran Bazar Chino semella feito á medida da demanda do noso tempo, con todo tipo de artillería festiva, con disfraces do que se queira. Tanto é así que xa forma parte das novas tradicións deste país de encrucilladas e faros, sempre aberto, disposto de máis a recibir, sumar e aprender, fronte a outros tópicos que outros creen e espallan como país pechado e ensimesmado.

Hai que ver o espertar do dragón chino, daqueles que para nos foron nenos "infieis", pros que teimudamente pediamos espola no Domund, con huchas de porcelana con cabezas de coloreados chiniños cubertos co seu sombreiro cónico. Aínda que tamén deberamos saber que no pasado xa había predilección polas exóticas mercancías da China e do Oriente, chegadas a través dos portugueses e das expedicións. Os galegos construímos particularidades nosas sumando un aquel exótico das viaxes, por algo incorporamos ao traxe popular galego aderezos dourados e con filigranas da India, panos de Cachimir, mantóns de Manila... nos xardíns poñemos camelias, rododendros, magnolias... Somos unha cultura feita, ao longo dos séculos, nos camiños e por algures demostrámolo tamén.

Chinos e chinas, pequenos, miudos, de ollos atentos ás necesidade, afeitos a cumprir cos gustos dos demais, mesmo sacrificando e perdendo as súas tradicións e, experimento tras experimento, deron coas teimas dos clientes e coa súa oferta van cubrindo a insaciable demanda barroca destes confíns de curvas e contracurvas, de labirintos, de contrastes, dourados, luces, de horror vacui, de lembranzas acuguladas: marcos para fotografías, xerras e pratos de porcelana, xoguetes de antes e de agora, pirotecnias e foguetes de todos os estralos... e non soamente iso, senón de todas esas novas e televisivas mercancías, dende almanaques a imáns turísticos para neveiras con todos os tópicos e solicitados monumentos do mundo, escudos de equipos de fútbol... até faixas e máquinas para adelgazar, mochilas, material escolar.... E en todos eses bazares atópase o mesmo, e en todos téntase falar en todos os idiomas, quizais agás o galego. Cavilo na cuestión de competencia á que se refería Díaz Pardo, creador e animador das industrias de porcelanas do Castro e Sargadelos coa marca de identidade, da orixe, da orixinalidade, a creatividade e calidade, o esforzo experimental, identitario que hai en cada peza, tan distante do global e aséptico. O dourado gato chino da sorte substituíu na estantería á imaxe do San Pancracio e á restra de allos.

E velaí o éxito do Gran Bazar Chino, a máis da constancia na atención ao cliente a todas horas, parte dun corpo organizado en cadea, cos seus delegados, subministradores repartidos polo mundo, polo estado, as provincias até o local aberto estratexicamente por onde pasea a xente. Partindo da China máis oriental, da cidade piloto de Yiwu, capital do mundo da bixutería e da venta ao por maior, formigueiro arredor do seu concorrido mercado de Fautián, máis que de obrigada visita para os que se moven non soamente no sector, senón no comercio en xeral, pra saber preparar o futuro, con quen competir e o qué ofrecer. Aquí semella que si todo non está inventado estase no camiño de ofrecelo con tal de servir ao cliente. Móvense aquí miles de millóns de yuanes, uns en A, outros subterraneos, en B. Fluír de contedores de todos os cores, cargados en camións tráiler, en vagóns, en bulk carrier, até esfaragullarse en camionetas e paquetes a circular por todas as cidades do mundo.

Pousamos como moscas neste colorista negocio os que fomos educados entre lonxas, feiras e zocos, os que xa portamos entre as adicións do noso adn os telderetes, os mercados, precursores carrefours. Así que agora gañan os chinos, o seu mercado esténdese por todas as encrucilladas, en redes reais e virtuais. Aquel principio de que vale quen sirve da resultados e dividendos, como din os negociantes.

Campeóns da paquetería, do pago online é a empresa familiar china Alibaba Group consorcio, plataforma de plataformas que coutan e pechan, agado e ben atado todo o circuíto comercial no que cae o cliente, con empresas auxiliares, Taobao, Alipay, Talmall.com, Aliexpress, consumer to consumer... para subministrar por terra, mar, aire e electronicamente a pequenas e medianas empresas. Chinos de ollos atentos aos portais internáuticos, á relación vía directa do fabricante co comprador, que progresivamente entran, medran e espállanse na espiral comercial. Consecuencia da liberdade comercial, de influír nos gustos, nas estéticas e conseguintemente nas éticas.

Souvenirs de todos os tópicos nacionais e rexionais do mundo levan por algures pegada a etiqueta Made in China: estatuiñas exipcias, venus e iconos gregos, máscaras maias, torres Eiffel francesas, matrioscas rusas, cristos xerusalitanos, tapices islámicos, monecos de trapo de toureiros e bailarinas andaluces, gaitas e botafumeiros galegos, paraugas ourensás, navallas de Taramundi... Os chinos non perden comba, están atentos ao acontecer da demanda. A sensibilidade de cadaquén, afiada na roda da cultura, axudará a distinguir orixes e calidades.

Finaliza e ábrese o ano co Nadal, a mercancía dos fardos de Papa Nöel, Santa Claus, os Reis, olentzeros e outros tipos de perversos apalpadores comerciais, está xa disposta no Gran Bazar Chino... a vender, ao por maior ou ao por menor. Así é que cando espirran os chinos trema Wall Street. Cada festa en Occidente é festa maior naquel Oriente, mais ao Oriente destoutro achegado e conflitivo Oriente dos nosos queridos Reis Magos. Brilla o led das estrela chinas e miles de gatos chinos da sorte, dourados, a darlle á pata, feliz agoiro pros chinos.