Segundo parece estas próximas eleccións mudarán moito o panorama político do Estado español. O que quere tamén dicir que mudará moito o panorama do reparto do poder no Estado español. Ou se cadra, non. Porque cambia o empapelado, a pintura, se reforman los baños, incluso hai partidos que se compran novos traxes e novas casas pero non mudan as ideoloxías. Cambian as formas, mais non os mensaxes. No fondo, a maioría dos votantes xa saben cal é o coche que van mercar. Por iso, ás veces, resulta excesivo o desembolso de cartos e de traballo por parte dos partidos na súa campaña. Nunha sociedade onde os debates televisivos e radiofónicos e onde as redes sociais están a tomar un gran protagonismo, as pegadas de carteis, os coches con altofalantes, o mitin, o buzoneo, o reparto de propaganda pola rúa, perde sentido. O millón e medio de indecisos non se conquista aí. Nun tempo de crise, calquera papel impreso, soa a despilfarro. Sei que non é así, pero soa así. A maioría das papeletas e papeis de propagandas repartidos acaban no lixo, se o cidadán é educado, se é maleducado, acaba no chan. Ademais, hai un dato que se lles está escapando ás vellas e novas formacións políticas: o número de votantes de menos de cuarenta anos xa é case o 35% do censo. Son persoas nacidas en democracia. Non se moven polo mesmo resorte que os nacidos durante a posguerra, o desarrollismo dos sesenta ou a chamada dictablanda. Van votar sen complexos, sen medo. É unha das cousas que non se están tendo en conta e que eu creo é fundamental. É un voto sen pasado. Un voto que mira cara adiante. Non é un voto cautivo do medo. Durante anos, a sociedade española votou coa sensación de que cada pequeno avance cara as liberdades podía resultar provocativo para o exército. Iso estaba aí. Pero xa non está. E se está, ás novas xeracións impórtalles un bledo. O que queren é un país do que non teñan que emigrar e que lles permita desenvolver unha vida. Ter algúns dereitos e algunhas pequenas cousas. Por iso lles molesta esa xente que pola rúa lles di: "Non votes á dereita", "non votes á esquerda", non votes aos de sempre, "non votes, son todos iguais", "hai que votar, non se pode quedar un na casa". Moléstalles porque non lles gusta que lles digan o que teñen que facer. Estas eleccións deberían cambiar moitas cousas no Estado español, pero desde logo deberían cambiar que os españois nos metamos sen ningunha impunidade no territorio político persoal do noso veciño. Un territorio individual que non debe ser alterado por ningunha influencia allea ao seu propio desenvolvemento. Tamén me gustaría falar dalgunhas forzas de esquerdas ou de algunhas forzas galeguistas que non acoden unidas a estas eleccións, pero prefiro facelo despois dos resultados, porque creo que algunhas van saír mal paradas, e non quixera pecar de profético. Aínda que a bo entendedor sobran as palabras e todos e todas poden sospeitar por onde vou. Mentres tanto celebremos que non vivimos, nin votamos Cautivos do medo, gran película, por certo, aínda que non acade a mestría daquela outra Cautivos del mal, dirixida por Vincenti Minelli nos anos cincuenta.