Quizais lle cheguen tarde estes consellos, porque se chegaron incólumes a estas datas é porque superaron con éxito os obstáculos das ceas de empresa e de círculos de amizade máis ou menos temática que se celebran previamente. De todas formas, non é o mesmo. Nos ámbitos de traballo e de relación entre colegas, próximos ou non tanto, as diferencias e as afinidades, políticas e/ou deportivas, están máis filtradas, máis puídas, e serven mesmo como base, ou como estribo para as bromas e para as picadas. No fondo, a ninguén lle ten por que molestar que o departamento de contabilidade estea cheo de culés (e a maiores todos os anos se pode facer o chiste de "la pela es la pela") ou que no de proxectos calen as propostas (sic) de Cs. Pero as inclinacións e querencias familiares, obviamente, son outra cousa.

En calquera familia extensa que se prece, con cuñados, concuñadas, tías políticas, sogras e consogros, curmáns en diversos graos de proximidade, elementos novos que se incorporan con tanta timidez como evidente espanto e unha requitropa de pequenos, hai unha claras liñas vermellas en canto a conversas ou debates. Liñas que se respectan ou a tal unidade familiar extensa simplemente non existe, ou recomponse mediante un esforzadísimo labor de mediación e transacción entre partes, na que os líderes das faccións irredentas son reconvidos polos achegados e illados nas súas posturas. Máis ou menos, hai que levar a cabo o proceso de pacificación de Irlanda do Norte,un "Acordo de Venres Santo", ben no decurso de todo o ano, se a cousa rematou como o rosario da aurora nas festas do Nadal anterior, ben nesa cea concreta, se asexa o perigo de cismma. Ao cabo, todos temos un cuñado ou sogro que pensa ou razoa como o reverendo Ian Paisley.

Por exemplo, cando a Ian Paisley da miña familia política, despois dun longo, plácido e opíparo xantar, cando xa se retiraban, derrotados e esquilmados, os restos dun cocido, deslizou: "A mí Rajoy me parece todo un caballero", ninguén proferiu ningún comentario distinguible dos sons de deglución dos restos porcinos. Nin siquera cando me espetou a min, con claro ánimo de animar a conversa: "A ti no te lo parecerá porque eres del PSOE". Eu limiteime a asegurar as miñas preferencias pola tarta de Santiago, cando un adolescente, coa irresponsabilidade dos poucos anos, irrompeu desde o outro lado da mesa: "¡Abu, ¿quién le dio la bofetada?". "¡Fue por encargo de Pedro Sánchez, ese maleducado!", saltou a interpelada, mentres unha concuñadaterciaba: "¡Pero se iso lle deu votos!".

Houbo que arrefriar a cousa inextremis. Non é doado. Derivar cara o asunto fútbol é tremendamente arriscado, porque Paisley é do Barça a morte, pero estamos en territorio claramente merengue. E máis celtista ca deportivista. Hai un do Atleti, pero faltou a esa comida. E tampouco queda elegante saír dunha crise polo método de atopar un apandote que as leve de todos.

Non é raro que haxa xente, como a amiga dun amigo, que lle pediu o ano pasado unha relación de temas para sacar na cea familiar de Noiteboa. Non, non estaba de coña. Levábanse mal, ou máis ben non se levaban moito, e a muller precisaba unha relación de temas de conversa. El deulla, pero no medio da noite, entre a chea de whatsApps que se reciben, apareceu un da súa amiga: "Esgotei os temas, manda máis, urxente!". Cando dicían o de que de grandes cenas están las sepulturas llenas non se debían referir ás dixestións.