Vivimos un momento atribulado. En parte porque somos un país atribulado. Sempre queremos parecernos a outros. Queremos o mellor de cada nación para aplicala á nosa. Poñemos exemplos de países nórdicos, meridionais, ou de alén mar. Queremos ser competitivos como os xaponeses, punteiros en tecnoloxía como os americanos, ter o civismo dos finlandeses, o espírito ecolóxico dos daneses, o amor polas tradicións dos habitantes das illas británicas, o sol de Chipre e o horario laboral dun suízo. Non nos decatamos de que hai que optar por un modelo e non por xeneralidades. Hai que elixir o tipo de sociedade que queremos ter dentro da civilización á que pertencemos. E iso non é doado, nin inmediato. Leva o seu tempo e os seus sacrificios. Sacrificio e esforzo, palabras que denostamos porque as relacionamos cos recortes dos últimos catro anos; e o sacrificio e o esforzo son cousas completamente distintas ao que sufrimos neste tempo pasado. Ao confundir cousas todo comeza a imaxinarse e a verse diferente. Falamos das dificultades que supón ter un país ingobernable porque catro partidos non se poñen de acordo nalgúns puntos mínimos para investir un presidente. Pois non debemos poñernos nerviosos. Dinamarca, esa nación que tanto admiran algúns dos nosos compatriotas, leva décadas votando un parlamento con catro forzas moi distintas e ningunha maioritaria. Islandia meteu ao seu primeiro ministro no cárcere e aí seguen, cos seus irredutibles volcáns ensombrecendo ao mundo. Só pasou unha semana desde que coñecemos os resultados das pasadas eleccións e xa saltaron as alarmas. Paciencia. En dous meses podemos ver moitas cousas. Algunhas, se cadra, inesperadas, de inicio. O que parece claro é que, como sempre, o mapa que debuxan os resultados obriga a algúns movementos curiosos, pero esperables, porque os partidos tradicionais e os emerxentes teñen débedas co electorado que lle deu o seu apoio. Aínda así non debemos esquecer que cando se fala de "altura de miras" e de "sentido de estado" se fala de algo moi tanxible, moi próximo. Como din os franceses: "Un pai ten dúas vidas, a súa e a do seu fillo". Pois iso. A pensar nisto. A pensar na vida do fillo. No país que lle queremos deixar. Iso é altura de estado. Pensar en decisións para hoxe que cren o benestar do maña. Non se trata de tapar buratos. Non se trata de facer política de xestos ou postureo. Trátase de que na vindeira década nos xogamos que imos ser en Europa e no mundo. Precisamos de intelixencias limpas, de mentes non contaminadas pola procura do poder. Construír unha gran nación non é cousa de vagos e memos. Demasiado iletrado en política. E demasiadas persoas que nos toman por parvos. Ter que repetir unhas novas eleccións non é un drama. O país non se vai parar. O que pasa é que é caro e, sobre todo para os votantes, moi pesado. Montouse unha boa co de "Indecente" de Sánchez a Rajoy. Insulto que se produce nun debate insultante para a intelixencia media do español. Un debate que demostra que os políticos van a unha velocidade moi lenta con respecto a cidadanía. O que si me parece indecente é que siga habendo desahucios. Como indecente resulta que os cargos públicos se conxelen -cando non os soben- os seus salarios en lugar de baixalos. Atribulados. Vivimos nun tempo atribulado.