Nunha ocasión preguntáronlle a Dalí como se podía saber se un home era un xenio ou non o era. Pregunta á que o artista contestou deste xeito: "Pois é moi fácil. Se naceu en Figueres e se chama Dalí, seguro que é un xenio". A aparición en Italia da chamada Comedia da Arte, causou un impacto imperecedeiro nas artes escénicas, pois, como xénero teatral, séguese a practicar. Partindo duns cantos personaxes tipo, os actores improvisaban os seus diálogos. As historias acostumaban a ser as mesmas, pero as funcións eran moi diferentes. Había certo acomodo nos temas, e no actor, que tendo adquirido un enorme talento como improvisador, vivía nun confort absoluto, pois sempre había facer o mesmo personaxe. A Comedia da Arte tivo unha gran influencia en Francia e en España, e a ela debemos todos os intérpretes do mundo a profesionalización do noso oficio. Foi en Padua, xa avanzado o século XVI, cando se redactou e se asinou o primeiro contrato profesional entre unha compañía de teatro e un empresario. Pero aquilo tiña que evolucionar para que o teatro medrase. Goldoni, loitaría para que os actores aprendesen os seus textos, renacendo así o teatro de texto e de creación do autor. Máis tarde, baixo a protección de Luis XIV, o Rei Sol, Racine e Moliere, deron os primeiros pasos para o que sería a Comedia Francesa, ou o que é o mesmo, o nacemento da vinculación do estado coas artes escénicas e coa cultura en xeral. Tanto foi o prestixio acadado polos autores daquel tempo e polas súas obras, que Moliere, logrou ser enterrado en sagrado, prohibición que se mantivo en moitos países, entre eles España, onde os actores eran enterrados fora dos cemiterios. Naceron os teatros, e a diversión, a intriga, o drama moderno, as grandes escenografías, a riqueza do vestiario e o nacemento do deseño lumínico. É curioso que os nosos políticos, que tan axiña entenderon o da profesionalización da política, non entenderan tan ben o abandono da improvisación. Son malos actores. Repítense. Interpretan sempre os mesmos personaxes, sen matices, sen luz. Aínda tendo unha posta en escena impresionante e gozando de edificios magníficos para as súas representacións resultan dunha mediocridade patética. Son curiosos, da igual que sexas Floriano ou Monedero, ambos falan mal dos titiriteiros -nobre oficio, agás cando o practican irresponsables-, sen caer na conta de que eles son uns actores, pequeniños, diminutos, case invisibles. Que podemos esperar dunha nación cuxos líderes políticos semellan personaxes de tebeo? Pablo Iglesias, Superlópez. Mariano, Don Pantuflo. E Sánchez e Rivera, os seus fillos Zipi e Zape. Ambos uns trastes que non se decatan do que teñen entre mans. Pero que resultan os máis simpáticos. Porque non o dubiden, aínda que un é moreno e o outro roibo, como ambos tentan poñerse de acordo para as súas trasnadas, pois son os que caen mellor. A anécdota de Dalí sería aquí parodiable, se lle désemos unha volta. Imaxinemos a alguén preguntándose: "Como se pode saber se hai algún lugar do mundo onde os malos actores decidiran dedicarse á política?". E imaxinemos a alguén respostando: "Vaia vostede a España e acuda ao Congreso dos Deputados, encontrará aló unha morea de malos actores dedicándose á política, e cobrando por interpretar ma o seu personaxe".