Naqueles tempos no que Martín Villa era ministro de Interior, aínda que Franco xa morrera, politicamente, seguíase vivindo na clandestinidade. Sobre todo determinados partidos. Miquel Roca, xa saben o avogado da Infanta Cristina na actualidade e incansable criador de partidos políticos no pasado, vivía nese tempo de Martín Villa, en certa clandestinidade. Un día asistiu a unha reunión con outros membros de partidos clandestinos.

A reunión era na Praza do Diamante, en Barcelona. Roca tardaba en chegar e os seus camaradas de intrigas comezaron a impacientarse, ata que, de súbito, saíu pola porta dunha igrexa aquel polo que agardaban. Un dos que esperaban comentoulle ao outro: "Mira, aí sae Miquel Roca de enganar a Deus". Roca, foi quen de criar con Narcís Serra o Partido Obreiro Catalán. Un partido que contaba con só dous militantes Narcís e Miquel. Con isto quero chegar a que non deben enganarnos os políticos desta nova lexislatura que comeza. Nin deben facelo coas florituras do seu verbo, nin cos seus chistes facilóns, nin tampouco con grandes xestos simbólicos. E explícome. Ana Pastor, debeu darlle a palabra a Pablo Iglesias cando este pediu aclarar as afirmacións de Hernando sobre a súa persoa. Tiña dereito a esa quenda de réplica porque así o recolle o funcionamento parlamentario. A mal intencionada interpretación do regulamento por parte de Ana Pastor propiciou unha reacción desmesurada do grupo de Podemos, que abandonou o hemiciclo para regresar catro minutos máis tarde para votar.

Foi todo excesivo. O ton do portavoz popular, a actuación de Ana Pastor e o número dos parlamentarios de Podemos. Ademais, a falta de cintura da Presidenta do Congreso, o único que produciu foi un efecto chamada a participar na manifestación que rodeou o parlamento 48 horas despois. Por iso, debemos permanecer en alerta para non deixarnos enganar, porque os discursos duros, os chistiños e os xestos simbólicos serán constantes nesta lexislatura. Tempo ao tempo. E por certo, a folga dos estudantes de ESO e Bacharelato da pasada semana está máis que xustificada. Os estudantes deste país levan sufrindo os caprichos dos ministros de Educación demasiado tempo. Cada goberno entende a Educación desde criterios ideolóxicos e non académicos. Os rapaces e rapazas desde hai xeracións levan sufrindo a adaptación a novas leis de educación. E así non se pode. E aquí, teñamos tamén coidado.

Están repetindo como un mantra que a xeración actual é a máis preparada da historia recente de España. E non é así. Isto é algo que aos políticos lles convén dicir para buscar un posible achegamento á mocidade. Pero eles saben que aos rapaces se lles privou de determinadas materias fundamentais para a súa formación e que se lles priva cada día de medios para levar adiante as súas capacidades de estudo.

Estes políticos que alardean dos logros do ensino actual deberan asistir ás manifestacións convocadas pola mocidade, como eu o fixen, como pai responsable que sabe que os nosos fillos se xogan moito coa actual lei. Se asistisen verían pancartas onde "reválida" ou "votar" se escribían con B. Polo que se ve en ortografía as cousas non pintan moi ben, a non ser que Miquel Roca tome cartas no asunto e nos convenza a todos de que, realmente, ambas palabras se escriben con B. El é quen diso e de moito máis.