Preferimos aos creadores cos que nos identificamos, os que nos enriquecen, que nos transportan no espazo e no tempo. Igual que a boa viaxe ou unha boa lectura leva a outras e prolóngase nas lembranzas e abre a novos rumbos. Os sentidos póñense a funcionar, medra o sentimento, florece a sensibilidade, ese cimo das civilizacións que é o humanismo.

De vello estou prendido na literatura de viaxes, en canto ela supón de iniciático, así pois na obra de César Antonio Molina. Coruñés de ida e volta, dos de Monte Alto, camiño do cemiterio de San Amaro, da rúa Miguel Servet, nome dese outro "mártir da intolerancia". Toda unha metáfora. Leo, releo, viaxo e volvo a viaxar a lugares xa vistos pra enxergalos co sentimento posto, coas lecturas que os envolven nunha espiral infinita, O infinito viaxar de Magris.

A arte de contar é herdo da xente desta cidade que abre portos nun Cabo do Mundo, que mira ao Océano dos atlantes, a que por algo ten por símbolo e insignia, dende fai dous mil anos, un faro. Quizais tamén cousa dos ventos toleiráns que arrodean tal península, celebrados en pretensioso cataventos coroando un reloxo sobre un obelisco chantado no seu corazón urbano. Non pode ser esta outra que a Coruña, esoutro Dublín noso, a que fixo posible personalidades como a Pardo Bazán, Madariaga, Fernández Flores, Martínez Barbeito, Mariano Tudela, entre os que nela tomaron asento e afondaron raiceiras, Murguía, Martínez Salazar... e tantos polígrafos con mentalidade aberta, tolerante, democrática e liberal.

Compre saber enxergar tal acontecer, manter e innovar sobre os ventos do humanismo. César Antonio Molina está nesas. Pese ao tempo inicial que nos tocou vivir, a ditadura, sabendo beber na exemplar lección do seu seu tío avó, César Alvajar, intelectual, masón, republicano, liberal, activista, periodista, exiliado en París até o seu pasamento no 1965.

A busca da persoa entre os demais latexa na súa obra. Velaí un definitorio manual pra políticos e intelectuais, La caza de los intelectuales (2014), ensaio experimentado nas vivencias, sobre a difícil relación entre o poder e a cultura, a insistencia na educación. Obras inspiradas en intres mortos, quizais nos mesmos avións, a cabalo dun mapamundi en devalar. Ringleiras nas que, a través de estralampos da Historia, da cultura retorna á Filosofía, á Ilustración, ao poder da razón, á educación na tolerancia.

A obra de César Antonio Molina está construída arredor da itinerancia, da peregrinaxe a lugares desexados, algo ao que os galegos, empuxados polo genius natalis, afeitos aos portos e ás encrucilladas, xa o levamos no ADN colectivo.Odisea, viaxe, periplo e como referente e onfalos, a súa Itaca, o ceo, a claridade, as brétemas oceánicas que envolven en misterios lugrisiáns a Brigantia. Noutra banda o seu Madrid vivencial. Idas e voltas arredor de si e do mundo, con parada e fonda, si pode ser, pra recuperar o espírito no corazón volcánico da Campania felix, capital Nápoles, cidade ameazada polo Vesubio, onde a redor de cráteres e Campos Flégreos aniña tanta inspiración clásica, sereas, sibilas, San Genero e tanta real fantasía de cidades sepultadas por Vulcano ou asolagadas por Neptuno. Versos ou prosa cargada de sal, da beizón da luz dos faros, en contraste co asfalto e as intermitencias dos semáforos. Poesía preñada de "magmatismo épico e a potente suxestión simbólica" que dela dixo o seu amigo e poeta da Galiza asturicense, Gamoneda. É na raiceira do sentimento, na poesía, onde agroma o galego, "A fin de Fisterra" ou en "Eume", esa fraga animada.

Licenciado en dereito pola Universidade compostelán, doutor en Ciencias da Información pola Complutense, especialista na prensa literaria española, tema da súa tese. Profesor de Teoría e Critica Literaria na Complutense e na de periodismo da Carlos III. Crítico, tradutor ao español de grandes da poesía, como do seu admirado Cunqueiro. Ensaísta sobre a literatura da vangarda, mesmo nas artes plásticas, e entre elas a música, o cine... comisario de exposicións, coordinador de cursos, membro de xurados por todo o mundo. Non esquezamos a súa posta en valor dun momento sobranceiro da creatividade coruñesa e galega, La revista alfar y la prensa literaria de su época (1984).

Por algo César Antonio Molina foi Director do Circulo de Bellas Artes de Madrid (1996-2004), avivando a institución adormecida nos seus loureiros orixinarios. Director do Instituto Cervantes (2004-2007) Ministro de Cultura (2007-2009), parcial respecto a Galicia, rescatando unha teimosa reivindicación coruñesa, a declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade. No 2008 deputado no Congreso. Responsable da sección Culturas de Diario 16 e dende o 2012 Director da Casa do Lector no dinámico Matadero madrileño. Sempre dando chanzo aos creadores de Galiza, ofrecendo embaixada onde il está. Nomeado Cabaleiro da Orde das Artes e das Letras de Francia, entre outros premios e doutorados honoris causa.

Lembramos -con moito agradecemento- a César, sempre acompañado de grandes creadores, mostrando o Castelo de San Antón. Coordinando dende a Deputación, nos momentos do mellor facer desta, o premio de novela Torrentre Ballester, artillando á cidade co panorama literario actual. Preocupado polo futuro do legado europeísta de Salvador de Madariaga a súa cidade, como mesmo il fixo coa súa biblioteca, documentos, premios, doados á Biblioteca da Deputación da Coruña; mesmo ofrecendo solucións de futuro iberoamericano ás incertezas funcionais da Cidade da Cultura. Estudoso e militante da latexante cuestión Sobre el Iberismo (1990), sentimento rescatado de Unamuno, Teixeira de Pascoaes, Madariaga, Pessoa e sobre todo do poeta Miguel Torga e de Saramago. Moitos dos seus proxectos de vincular a Galiza co mundo, polas intromisións e as mudas nos gobernos, quedaron truncados. E como pasa sempre, o encamiñado atufouse e esvaeceu entre os incensos e as liturxias de, por outra banda, ben merecidos recoñecementos: a Xunta outorgoulle a Medalla Castelao e a súa cidade nomeouno Fillo Predilecto...

Obra que fai real aquilo de Heródoto de que "viaxando aprendín a filosofar". Bagaxe da que da conta nas súas Memorias de ficción, cos suxestivos títulos de Vivir sin ser visto (2000), Regresar a donde no estuvimos (2003), Esperando a los años que no vuelven (2007), Lugares donde se calma e dolor (2009) ou Donde la eternidad envejece (2012). Mesmo Fuga del amor, novela esta de viaxes, de memoria, de amor e morte, que ten como escenario os seus lugares favoritos, as diferentes facianas de Buenos Aires,o altiplano de Bolivia, Corfu, Roma, Florencia, París, Londres, Peruxia, Budapest, Oaxaca , Amsterdam, Damasco e sempre a Costa da Monte, Compostela e a súa Coruña... locus amoenus, onde se calma a dor e envellece a eternidade. Paseos enredados coa vida dos creadores, as casas, os cemiterios...

Obra culta, nutrida e cosida con aportes clásicos, tradicións e contemporaneidade, coa arte, co cine de Antonioni, de Truffaut, cos misterios da vida entre as negras sombras da morte. Humanismo integral, de arqueólogo que non se para unicamente nos artefactos, senón tamén no ambiente. Páxinas que poñen a proba a capacidade cultural do lector pra enxergar paisaxes e paisanaxes, como diría Unamuno, vidas, sentimentos cadrelados coas súas mesmas palabras... e cun obxectivo: a educación e a cultura, cuestións da que depende o entendemento, a tolerancia, a convivencia e a liberdade.