O mito da Atlántida, as lendas de cidades asolagadas pesan na tradición galega, aniñan entre a fascinación e a razón pra incentivar á ciencia arqueolóxica. Enredada coas orixes da civilización occidental está omnipresente a quimera e a realidade arqueolóxica de Tartessos, a derradeira e máis brillante civilización urbana da protohistórica.

Mito arredor dun reino, dunha cidade, duns xerarcas, arqueoloxías que non son alleas á Gallaecia protohistórica, á das minas de ouro e dos ourives. Pois a través das navegación polo océano dos atlantes chegaban estas relacións e influencias do Oriente e alongábase o Oeste.

Tartessos, entre Fenicia e Britania, a carón das costas de África, a que abre porta ao Océano das incertezas, entre as columnas de Hércules ou de Briareo (Xibraltar gaditano e monte Acho ceutí). Referente pros argonautas, buscadores do pelexo do carneiro de ouro. Na ruta do paraíso das mazás de ouro, o Xardín das Hespérides ou das Moiras, divindades do destino, das que son herdeiras as galaicas mouras. Hai un antes e un despois desta real e mítica cidade do occidente do Vello Mundo, a través da que se introduce nel o alfabeto e o comercio. Un antes que se perde e estende dende o sorprendente Megalitismo da almeriense Cultura dos Millares pasando polo florecer metalúrxico no Argar, até o Algarve Portugués e más alá, con apoteose arredor do século VII a en Tartessos. Emporio florecente polo comercio dos metais, que esmorecería ao tempo que os portos fenicios de Tiro e Sidon pra dar paso aos gregos da Anatolia focense, os que non fixeron mais que seguir vellas rutas.

A bíblica Tarshish considerábase "País de prosperidade". No Libro dos Reis relacionada coa busca de prata polo rei Salomón, o primeiro en gabar as naves de Tarsich. Reino no que tamén negociaban co marfil, os perfumes até cos monos e os pavos reais. Evocada por Anacreonte, por Anastesícore de Himera, ambos do sec. VI a C ou por Heródoto do sc. V a.C. que relata o periplo de Kolaios de Samos, o que tras un naufraxio recala na beiramar de Tartessos, pra retornar enriquecido. Referida tamén no século IV a. C na epopea Ora marítima de Rufo Festo Avieno, a que, sobre contos máis antigos, alude tamén á Oestrimnia, quizais Galiza, invadida polos Sefes... Tartessos está nas páxinas dos cronistas da antigüidade grecolatina, entre eles e arredor do cambio de era en Posidonio, Artemidoro, Plinio, Apiano, en Estrabón, que xa a da por perdida no tempo e no mapamundi. Dende entón rebozada entre os mitos, como rico e feliz emporio, antiquísima e brillante civilización monopolizada por Fenicia, situada no fin do mundo de entón. O misterio medrou ante a incapacidade dos arqueólogos de atopar o seu emprazamento, pese á abundancia de artefactos, de tesouros, estudados por Juán de la Mata Carriazo, por José María Blazquez e polo pontevedrés Blanco Freijeiro, os que remiten o tempo tartéssico ao final da Idade do Bronce e a un comercio estendido a unha e outra banda das Columnas de Hércules, non so rumbo a Fenicia, senón perfilando as costas da Gallaecia,até as illas do estaño, as Kassiterides e ás illas Británicas. Base que conformou o orientalismo de iberos, como os celtas, os ligures, ou os etruscos.

Abunda a bibliografía e os documentais sobre este atractivo enigma, en relación coa historia máis antiga de occidente. Teñen influído por estas cuestións a paixón do alemán Adolf Schulten (1922) e a de Juan Maluquer de Motes (1970), autores de cadanseu libro titulados Tartessos. Pescudas arredor dunha teima xa mantida no Medievo, recuperada no Renacemento, medrada cos curiosos impertinentes da Ilustración e máis aínda co historicismo romántico, impoñendo as teorías difusionistas con zona nuclear no Crecente Fértil, en Mesopotamia e Exipto... Entre esas naceu e madurou a ciencia da Arqueoloxía. Schulten quixo emular a Schliemann, o descubridor de Troya e dende os vinte catro anos, sendo bolseiro do Instituto Arqueolóxico Alemán e axudado por mediterranistas cataláns, dedica o resto da vida a unha entón arqueoloxicamente virxinal Iberia. Pasa por Numancia, engancha na figura de Viriato e no Mediterráneo e finalmente na busca da soñada cidade-estado de Tartessos (Cincuenta y cinco años de investigación en España de Adolf Schulten (1953). Referente secundado polo arqueólogo Antonio García Bellido.

Os abundantes, ricos e delicados tesouros atopados na franxa que vai entre Cartaxena e Lisboa, con epicentro no Guadalquivir e con base arredor da riqueza mineira da Serra Morena, fan que se fale dunha exótica civilización de amplos dominios, cunha adiantada organización política e relixiosas, culta, avanzada. Pobo xerarquizado, coñecido tamén como Reino de Xerión, propietario de greas de bois ou Reino de Gargoris, descubridor das propiedades do mel, avó do seu herdeiro Habidis, domador de touros, inventor do arado... E finalmente reino do lonxevo, sabio e bo Argantonio. Paraíso asociado cos argonautas, comandados por Jackson, en busca da pelica de ouro, como cun Hércules nun ascético periplo pola incerteza do Océano.

Sur de tesouros, dilatados no tempo e no espazo, os que estimularon a investigación arredor de Tartessos: o de Villena (Alicante), os bronces de Carriazo (Sevilla), o tesouro da Aliseda (Cáceres), a paleta de marfil de Medellín (Badaxoz), o de Benca rrón en Mairena de Alcor (Sevilla)..., xoias semellantes ás que locen imaxes de sacerdotisas ibéricas. E e sobre todo o sorprendente tesouro atopado (1958) no campo de tiro do Carambolo, Camas (Sevilla). Conxunto datado no sc.IX a.C, formado por placas en forma de pelica, colar con sete selos colgantes, brazaletes en ouro cuñado en semiesferas (Museo Arqueolóxico de Sevilla). Enxoval litúrxico en relación cun santuario a Baal e Astarte e avistando o río Guadalquivir, fronteira e camiño vertebrador. Xacemento con planta en forma de pel de touro e que nos remite a fenicia e Creta. Os candelabros de Lebrija no Museo Arqueolóxico de Madrid, o tesouro do Cortijo de Ébora en San Lucar de Barrameda, as xerras a xeito de pera con bicos representado cabezas de gacela da necrópole da Joya ( Huelva), as máscaras, os braseiros... conducen a unha sociedade refinada e cerimoniosa. E xa non digamos as placas de marfil, con representación de exóticos grifos, monstros protectores dos defuntos, o tema do león de influencias mesopotámicas, asirias. Relacións que pasan por Exipto, asimiladas e transformadas polos fenicios

A investigación di que Tartessos desaparece sobre o ano 500. A C, descoñécense as causas, asócianse con cataclismos, coa Atlántida platónica e coa Esqueria homérica. Schulten ligou a localización cunha illa asolagada na desembocadura do Guadalquivir. Entre Xerez e Trebujena, asoman as ruínas de Astigi, entre outros asentamentos de carácter tartésico das ribeiras do Guadalete e do Guadalquivir, como Tejada la Vieja en Escarcena, Niebla en Huelva...

Tartessos tócalle á Gallaecia, como ponte, porto necesario nas orixes das navegacións de cabotaxe, nesa expansión na busca dos minerais, a casiterita, cara ás illas británicas, furando polas incertas tebras e horizontes do Mare Tenebrosum. Xa insistían os cronistas e xeógrafos clásicos que aos confíns dos kallaicoi, antes que iles xa chegaran fenicios e gregos... e que mesmo teñen rituais como eles. Os tesouros protohistóricos galegos póñennos en relación con aqueles herdos orientais. Alianza co Sur, Galaico gaditana, turdetana, que non é nova.