Otempo, enigma que envellece e aniquila todo. Medido en arte de trebellos, pero tamén compendio de saberes e técnicas que poñen a proba a cultura dun pobo. Facer considerado "arte menor" que preocupou ao polígrafo Filgueira Valverde e a un deses seus discípulo, contaxiado polas ansias do estudo das clepsidras, dos reloxos de area, de sol, até das máquinas con corda, rodas, péndulo e outros inventos, Xosé Luis Basanta Campos, autor de Relojeros de España y Portugal (Museo de Pontevedra 1972/75/95).

Diminutas maquinarias pra colgar da leontina, outras decorativas, centros de aparador ou os grandes artefactos, cimo de churrusqueiras torres, encadrados en retablos ao gusto de cada tempo. Moitos encargo de filántropos para petar os badalos e contabilizar as horas da vida .

O reloxo presídeo todo e xa foi máis do que hoxe é: no peto ou no pulso de cadaquén, na casa, na praza pública, co tic-tac e a petar contundentes na conciencia. Nas fachadas dos concellos, na parroquial, nos mosteiros, nos cuarteis... obras de sabios e hábiles artesáns ferreiros, mecanismos que presupoñen xeometría, matemáticas, debuxo e lupas por medio. Corazóns mecánicos asociados ás navegación e á astronomía... Cousa fina, tanto para os que practicanesta arte como pra os que a coidan , coleccionan e defenden.

Galiza ten aínda importantes coleccións, asociadas á sensibilidade dos seus promotores, como a dos museos de Pontevedra e Lugo, a de Antonio Río Mosquera, do Concello da Coruña, a Botas, a de don Luis Quintana Lacacci e puidérano ser tamén as das catedrais, cuarteis, conventos e pazos... merecentes de atencións especializadas que van escaseando. Londres, París, Neutachel, Porto, Sevilla, Bizkaia, Cádiz, Astorga, Luarca, Ferrol, Mondoñedo, Compostela, Ferrol, Vigo e a Coruña, son referentes dunha fabricación que despunta co racionalismo ilustrado, afrancesado e mesmo masón.

Nas últimas décadas sucumbiron moitas destas maquinarias, maltratadas, a trousar a deshora, cando non esnaquizadas, na ferralla, substituídas por outras eléctricas... Parte da Arqueoloxía industrial galega en mans inexpertas. Namentres medraba o interese dos anticuarios.

Aburriríamos cunha lista interminable de apelidos de reloxeiros establecidos nas cidades portuarias ou arredor das catedraisgalegas, historias de novela, filósofos, magos oualquimistas. Coñecidos por encargos, catastros, crónicas ou dando voz e asinando o seu facer.

Xa no 1265 o por algo Rei Sabio, Alfonso X, dentro dos seus Libros de Astronomía dedica cinco aos reloxos. Sabemos que no 1395 Xoan Avarqua actúa, entre outros que o secundan, como reloxeiros en Compostela e que o navegante pontevedrés, Bartolomé García de Nodal no 1574 elabora as Táboas para saber as horas do día. No século XVI Compostela florece en negocios de reloxería, como os dos flamenco Xoan Tonelero e Xoan Van Gorpe. Temos noticia que no 1504 dende Ourense encárgaselle reloxo pra súa catedral a Lopo Rojas. Polo 1577 encárgaselle o reloxio da torre da catedral de Lugo a Baltasar Ruiz. Anos nos que tamén ten taller en Compostela o reloxeiro francés Guillen Bourse Maestre, taller no que se fai o reloxo do Hospital Real, o de Monfero e un, entón moi gabado, pro Conde de Monterrey. Tempos que denotan a influencia do prestixioso ourive e reloxeiro leonés Juan de Arfe e Villafañe, quen no 1585 -e por algo será- dedica un tratado ao prateiro de Ribadavia Domingo Rodríguez de Araújo. No 1597 en Pontevedra é sobranceiro Francisco González, coidador do reloxo da Praza da Ferrería. No 1613 Pedro del Canto será parte dunha saga de reloxeiros composteláns, coidador do reloxo de Fonseca. No 1644 Alberto Formental fai o da catedral de Mondoñedo. O franciscano coruñés frei Gregorio Bravo no 1688 traballa para a Catedral de Santiago. Entre tantos mestres reloxeiros. Consta que na metade do século XVIII o mindoniense Xosé Díaz Rosón é mestre do reloxeiro Francisco Xavier Méndez e Neira de Saavedra, natural de Ramil e párroco de Ladrido, construtor de cotizados reloxos de caixa alta que competiron cos ingleses, a súa vezmestre de Xosé Nicolás Rouco Alvelo que traballa para os conventos de Viveiro. Mesmo Xosé Furial é competente autor dun sobranceiro exemplar de sobremesa con música e autómatas, na colección do Seminario de Estudos Galegos. Na metade do século XVIII sobresaen os Lombardero, Antonio, Manuel, Francisco Antonio e Juan Antonio, procedentes dos Oscos, amigos do ilustrado Raimundo Ibáñez, artífices de reloxos de sala para as catedrais de Lugo, Mondoñedo e pra Porta de Ribadeo... Así como a saga de Antonio de Castro, Domingo, Fulxencio, Pedro, autor este de reloxos pra San Lourenzo e Fonseca de Compostela. Cidade na que, entre outros, traballaban os franciscanos Frai Xosé Fernández, con sona de arranxar reloxos difíciles, entre eles o de Rianxo, como Frei Manuel del Río, formado no Porto, autor de A arte de reloxos de rodas para torres, sala e faltriqueira.

A finais do século XVIII aparecen establecidos na Coruña varios franceses, entre eles Baltasar Brueba, o marsellés Maifren Maper, os alemáns Xoan de Emery, Minch, Foltet, Lavinay e Xoán Hefler que emparenta cos Mayer, os italianos Bernetti, Savaglio, Vercelli, o Suizo Louard. Momentos do eloxiado reloxeiro ferrolán Xosé María Baleato, bolseiro en Londres e que no 1799 monta o farol da Torre de Hércules, construído na capital inglesa, baixo a dirección de Mendoza. No 1798 Xoán Gonzalez de Samos é autor do reloxo do Santuario da Virxe do Cristal. Por este tempo é moi solicitado no Ferrol o alemán Lorenzo Mayer Coppin, raiceira da saga de reloxeiros, prateiros e acibecheiros, emigrantes tamén á Arxentina. No 1786 ten sona na Coruña o reloxeiro de Grado, Álvarez Peñaflor, condenado a morte por afrancesado, autor dun reloxo de peto de ouro e brillantes, asinado cun Ignacio Penaflor de la Corogne agora xoia no Museo de Arte Antiga de Lisboa. No 1798 o presbítero da catedral de Lugo Matías Fernández de Lozoya recibe o encargo do reloxo pra súa catedral. Pero quen destaca na Coruña é o profesor da Escola de Fareiros, Agostiño Antelo e da súa mesma saga o ferrolán Andrés Antelo Lamas enxeñeiros e reloxeiros da Mariña, autor de reloxos de torre, como o da Catedral de Lugo, Santiago e os dos mosteiros de Celanova, Betanzos, Sobrado, Oseira... e tamén autores de pezas de pe e de sobremesa. Talleres que son escola de aprendices como o do ferrolán Robustiano Rey Escolano e sobre todo polo 1820 o compostelán Ramón Antonio Iglesias, establecido na Coruña, formado co seu pai e en Neuchâtel, autor de reloxos de peto, de sobremesa e grandes de catro esferas, dos concellos de Ortigueira, o Carballiño... A estancia na Coruña dos franceses Lavinay, Bailly, Jazmin, Cappy, Bennet a quen no 1844 encárgaselle un novo farol pra Torre de Hércules. Outra figura sobranceira da metade do século XIX é Antonio Canseco, de Rabanal del Camino, artífice dos reloxos da catedral de Madrid, do Palacio de Oriente e do Escorial... No XIX o pontevedrés Xosé M. Rodríguez de Cea reloxeiro da Casa Real, e o gran Xosé Rodríguez Losada, da veciña Cabrera berciana, vida de cine: ovelleiro nas Médulas, soldado liberal, emigrante, aprendiz nos talleres do Big Ben londinense, fabricante de artefactos pra Mariña, de caixas de música, reloxeiro de Cámara Real, autor do reloxo da Porta do Sol que solemnemente e ideoloxicamente dende o Quilómetro 0 abre cada ano. O gran Juan Francisco Suárez Parda, de Xinzo de Limia, autor dun Tratado vulgar sobre la construcción de cuadrantes y relojes de sol. Os vigueses Xoan Agostiño Domínguez e Evanxelino Taboada que traballou pro astrónomo Aller Ulloa. Entre tantos anónimos e perdidos na relatividade do espazo e dese tempo que teimaron en medir.