Realmente a pasada semana foi un terremoto continuo de barbarie. Os ataques nas redes sociais a Bimba Bosé, con comentarios irreproducibles polo noxo que provocan ter que volver lelos, nos deixaron a todos sumidos nunha profunda tristeza e incomprensión. Crin que despois do de Zapata e o millón de xudeus no cinceiro, e o de Irene Villa visitando as nenas de Alcáser, a estupidez e a vulgaridade humana acadara a súa máxima expresión. Pero non. O de Bimba volve a poñer enriba da mesa o uso indiscriminado das redes para insultar, ás veces desde o anonimato e outras, como neste caso con nome e apelidos. Dada a experiencia sufrida en anteriores ocasións, onde os culpables nunca son condenados, a solución pasa pola infracción económica. Igual que se lexisla o tráfico, a condución e conduta polas redes debería lexislarse. E todo pasa pola cantidade da multa. Evidentemente, se aos imbéciles que escribiron sobre Bimba Bosé, lles aplicasen unha multa de 20.000 euros, o resto de imbéciles que fan comentarios soeces nas redes, deixarían de facelos ou pensarían moito se lles paga a pena publicar os seus vómitos. Todo, neste caso, é cuestión de pasta. Algo parecido ocorre coas palizas que menores dan a transeúntes sen mediar palabra. Se os pais deste rapaces, reciben unha multa nas súas casas de 30.000 euros polo comportamento delictivo do seu fillo menor, as cousas empezarían a cambiar. Porque a educación non se aprende só na escola, a familia ten que ser a base. Logo esta o matonismo. Os nove matóns que lle pegan unha malleira a unha moza de 19 anos. Que valentes. E por riba cunha desculpa ideolóxica por medio. Que está pasando? Unha nena morreu preto de Girona porque unha ambulancia pedriática non chegou a tempo. Tiña que ser pediátrica? Nun caso así, que a recolla calquera ambulancia. Isto é como o do hotel sepultado por un alude en Italia. Como é posible que os responsables do estabelecemento mandasen correos electrónicos pedindo axuda desde 48 horas antes da avalancha de neve e non descolgasen o teléfono? Desde cando é máis rápido un correo que unha chamada? Estamos aparvados con internet. Incluso cando nos encontramos nun perigo eminente non reaccionamos coa lóxica da persoa que quere sobrevivir, non, confiamos a nosa vida a un trebello informático. Confundimos realidade e ficción. O que me fai lembrar unha anécdota do actor José Manuel Cervino, actor que se fixo moi popular pola súa interpretación na película Sete días de xaneiro, onde daba vida a un dos asasinos dos avogados de Atocha. Cervino, era militante do partido comunista, e ese ano, o 1 de maio, acudiu a unha das manifestacións sindicais de Madrid. Os asistentes comezaron a imprecalo e insultalo, acabando por chamarlle asasino. Confundiron a ficción coa realidade e pensaron que aquel individuo, aquel actor, era o verdadeiro protagonista do crime de Atocha. O dito o mundo anda aparvado polas redes, pero tamén, leva tempo aparvado coa ficción. Bimba Bosé, descansa en paz. Cando menos, onde esteas non terás que aturar tanta estulticia.