Parece que os católicos na Coruña están perseguidos. Ou iso lle escoitei a unha señora en Radio Coruña. Pilloume un tanto descolocado, e o primeiro que se me ocorreu era alertar do asunto á miña sogra, por se ten idea de vir pasar uns días. O segundo foi informarme dos motivos e circunstancias concretas da persecución. De entrada, se afecta aos católicos en xeral, ou hai grados de acoso segundo o nivel de observancia relixiosa, e tamén se hai persecución aos católicos na Coruña, ou soamente aos católicos da Coruña, co que a miña sogra quedaría fóra de perigo e eu entraría na condición de xenro visitable. A señora non especificou moito, pero saquei a conclusión de que as ameazas que se planean sobre os seguidores do Vaticano proveñen dun dos carteis do Entroido, o debuxo de Alberte Guitián dun disfraz de Papa ou máis exactamente, un disfrace de papamóbil con ocupante incorporado.

Parece ser que a polémica veu por un comunicado do Arcebispado de Santiago, que sinalaba que a imaxe do Papa "ni se corresponde con la realidad ni guarda relación alguna con la celebración lúdica que se publicita" e que "los símbolos religiosos no deberían ser nunca objeto de utilización o manipulación, ni siquiera bajo la excusa del divertimento". Se a imaxe non se corresponde coa realidade non sei a que vén o comunicado, e non deixa de ser raro a Igrexa como gardiá da pureza do Carnaval. É lóxico que vexan mal a utilización dos símbolos relixiosos, pero tarde piou a institución: o símbolo da cruz foi bastante utilizado en todo tipo de guerras -moitas instigadas precisamente polos antecesores dos queixosos- incluso unha que houbo aquí hai uns 80 anos. E coa escusa do divertimento saen á rúa nestes días unha chea de curas -é dicir, xente disfrazada de cura- con adminículos licenciosos, monxas pouco recatadas e coas pernas considerablemente peludas e outros diversos tuneos da clásica iconografía relixiosa.

Con sentido común, o Arcebispado non pide a retirada do cartel, pero sempre hai máis papistas co Papa (nunca máis axeitadamente dito, aínda que estes non están moi de acordo co criterio do Espírito Santo cando escolleu o actual). Neste caso, o PP (tampouco sei en que grado ou extensión, pero polo menos non se limita ao grupo municipal) que si a esixe, co argumento da ofensa dos sentimentos. Alguén podería contrarrestar dicindo que algúns carteis de Semana Santa ofenden a sensibilidade dos que consideran que son unha exaltación da dor e a tortura a un ser humano. Tamén son unha chea de xente, aínda que non sexan un grupo de presión tan organizado como o dos católicos profesionais. Ofenderse é como comer ou rascarse. Produce vicio. E está ao alcance de todo o mundo.

De feito, outras figuras representadas parecen ser Enrique VIII de Inglaterra e María Antonieta, e raíña de Francia. A Coroa británica pode ofenderse porque un monarca apareza retratado coas pernas dunha corista, e mesmo Sir John Moore pode estar remexéndose na tumba do xardín de San Carlos. A María Antonieta descabezada pode ferir os sentimentos dos lexitimistas franceses, ou dos decapitados en xeral (das súas familias, vaia). Non se me ofendan os das queixas, pero con este nivel temos Entroido todo o ano.