06 de marzo de 2017
06.03.2017

'Manar'

06.03.2017 | 00:32
´Manar´

Por fin, chega Manar á cidade da Coruña. Un espectáculo que ten tido máis funcións fóra de Galicia, que na nosa comunidade autónoma, sendo, curiosamente, a súa produción galega. Manar, ademais, é unha produción absolutamente privada, non goza de ningunha subvención, axuda ou apoio económico de ningunha institución galega ou estatal. Foi unha aposta dun grupo de artistas que, impresionados polo drama dos refuxiados, quixeron contar a historia dunha muller, como tantos milleiros, que a guerra condenou a fuxir da súa casa, do seu entorno afectivo e da súa profesión. Escoitábamos a políticos e a medios de comunicación preguntándose, onde están os artistas, porque non falan disto? Pois, nós, levamos falando disto desde hai dous anos, e agora nos preguntamos, onde están os políticos e os medios de comunicación que non falan desta montaxe? Manar é o título do espectáculo de Teatro Proscrito, que será representado no Fórum Metropolitano da cidade da Coruña o vindeiro martes, protagonizado por Sabela Hermida baixo a dirección de quen isto escribe. Manar, é un nome árabe de muller que, desde o poderío da súa sonoridade, nos convida a penetrar na vida da protagonista. Unha muller árabe, vítima dunha guerra que golpea o seu país, sobrevive nun campo de refuxiados sirio, mais podería tratarse de calquera outro campo de refuxiados, poñamos por caso os campos de refuxiados saharahuis en Tinduf. Desde ese espazo de dor e pobreza evoca o seu pasado, a súa xuventude, a felicidade perdida, a súa familia, os seus amores, os seus anceios, as súas esperanzas, a danza, a música, a poesía. Unha habitante da dor. Sabela Hermida, actriz e bailarina, foi elixida polo autor e director da obra para encarnar a Manar, por considerala a intérprete máis axeitada polas súas dotes vogais e dramáticas para dar vida a unha muller sensible e forte que busca sobrevivir en medio dos duros avatares que a as derrotadas lles agarda nun campo de refuxiados. Danza e música en directo, a cargo de Hames Bitar, laudista sirio e do percusionista navarro, Luis Taberna, formado en Creta, Turquía e Túnez. Teatro Proscrito recupera con Manar o mundo do monólogo que xa experimentara, con grande éxito, na posta en escena de Home frouxo de Jenaro Marinhas del Valle. Ah, moi importante, a compañía vai a taquilla. Un dato a ter en conta. Como tamén é un dato a ter en conta que o día seguinte á representación é o Día da Muller Traballadora.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook