11 de marzo de 2017
11.03.2017
Si home si

Rafael Bárez

11.03.2017 | 01:08
Rafael Bárez

O xoves este celebrouse no Teatro Rosalía da Coruña unha homenaxe a Rafael Bárez, o que fora primeiro concelleiro de Urbanismo da Coruña na democracia recuperada, e tamén -creo- o primeiro concelleiro do PCG, xunto con Antonio Remeseiro. O gallo para o acto foi, é, a publicación dun libro de poemas inédito Poemas del 10 de marzo, que el escribiu na prisión da Coruña, encarcerado polos sucesos daquel día de 1972 en Ferrol, cando a policía disparou contra unha manifestación de traballadores de Bazán, matando a dous e ferindo a ducias. Pero con ou sen haber libro, Bárez debería ser homenaxeado igual. Supoño que el, como todo o mundo, debeu deixar algún mancado no camiño, pero poucos políticos lembro que suscitasen tanta unanimidade sobre a súa bonhomía. De feito, foi o goberno de Paco Vázquez o que decidiu darlle o seu nome a unha rúa da cidade, aínda que o homenaxeado posiblemente preferise que lle respectasen o Plan Xeral de Urbanismo que redactou. Non vou competir en loas cos que interviñeron no acto, nin coas numerosas persoas quen as referendaron coa súa asistencia, pero gustaríame sinalar co dedo, aínda que estea mal, dúas cuestións.

Unha. Bárez non aceptou ser xuíz, tal e como lle propuxeran no seu día. Era por aquel sistema do "cuarto turno", concibido para que entraran avogados de prestixio a equilibrar unha xudicatura herdada do franquismo, e franquista en boa parte. "A lei está feita para xente coma ti", contoume que lle dixeran. "E por que non aceptaches?", pregunteille, case botándollo en cara. "Porque ser xuíz quitaríame liberdade, non podería estar como agora estamos, tomando unhas copas, por exemplo". Sei que era certo, pero conxecturo que tamén había unha certa reticencia ao feito de revestirse da capacidade de xulgar xente -con efectos prácticos-. Vénseme á cabeza aquela conversa moitas veces, todas e cada unha nas que me fago cruces con determinadas sentencias, ou máis ben con determinadas condutas, tanto de maxistrados de carreira como dos que si aceptaron propostas similares. Como se sentiría "a súa señoría Rafael Bárez" neses casos?

Dúas. Logo do acto lin o caso do novo presidente de Nuevas Generaciones, Diego Gago, concelleiro do PP en Vigo, do que agora se lembra unha intervención no extinto programa Vía V na que dixera que a Guerra Civil foi unha consecuencia da República, e non precisamente como a Alta Idade Media é unha consecuencia da Idade Antigua, ou o Mesolítico do Paleolítico. "Una guerra civil no empieza así como así, hubo una República, hubo una serie de confrontaciones sociales que llevaron a una guerra civil", dixo o mozo que comeza a que sen dúbida será unha frutífera carreira política (presidente de NNGG e concelleiro nada menos que en Vigo).Efectivamente, unha guerra non empeza así como así. Esta comezou cun golpe de estado. Pero iso que para o líder xuvenil parece que empezou como unha lea tabernaria, na que "hay dos bandos y que evidentemente uno gana y otro pierde" non xustifica que 33 anos despois se ametralle á xente pola rúa ou se teña baixo interrogatorio tres días enteiros de pé a un avogado (ou a calquera) ata que cae desfalecido. Como llo xustificaría o mancebo vigués ao seu homólogo do concello coruñés?: "Rafa, tío, entiéndelo, unas veces se gana y otras se pierde".

Ben pensado, non sei se a Bárez lle gustaría moito esta época.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook