Carlos Martínez-Barbeito y Morás é figura imprescindible na historia da cultura coruñesa, caracterizado por aquel dandismo cabalgando sobre o humanismo, facendo honra a vellos herdos da Ilustración, perfumada de liberalismo. Singularidades dadas por unha cultura aberta a un porto e aos camiños. Algo que tamén lle viña de familia: fillo da innovadora pedagoga María Barbeito e do polígrafo Fernando Martínez Morás, secretario da Academia Galega, neto do astorgano Martínez Salazar, apoio incondicional da familia Murguía Castro en momentos de soidade. Circunstancias, parladoiros, que lle permiten vivir, moi de preto, as inquedanzas dos patrucios sobrevivintes do século XIX, igual que lle pasou a esoutra figura clave na consolidación de moitas institucións culturais coruñesas, Xoan Naya Pérez e aos que tamén lle tocou vivir a guerra, as censuras e os medos. Agradezo ter coñecido e tratado a estes sabios que seguían a abrir camiños.

Carlos Martínez-Barbeito é o polígrafo por excelencia, cunha sensibilidade exquisita, poeta, novelista, ensaísta, xenealoxista, innovador en eidos da museoloxía, á documentación, o coleccionismo, amante do gravado, que tanto aporta? aberto a eidos da Historia pouco tratados, sometidos ao risco de seren asolagados polas augas do Río do Esquecemento.

Lección transcendente foi o seu discurso de ingreso na Academia Galega de Belas Artes, lido un 24 de marzo de 1984 e ao que contestou outro ilustre historiador da Arte, Manuel Chamoso Lamas. Facíase lembranza das angueiras vividas no ano 1939, cando despois da guerra fraticida, se lle encarga a recuperación do patrimonio español, que o Goberno da República, con exquisitas medidas, puxera a salvo da contenda no Palacio das Nacións en Xenebra. O tema tratado por Martínez- Barbeito era Memoria de Mi Museo de América, discurso arredor dese singular centro, entre os catro grandes museos de Madrid, o do Prado, o Arqueolóxico e o Reina Sofia. Centro de obrigada visita cultural a Madrid e ao fronte do que estivo como director doce anos. Edificio deseñado polos arquitectos Luis Moya e Feduchi dende esa grandilocuencia que transluce os delirios da ditadura, un historicismo neocolonial en ladrillo e pedra de Colmenar. Enclavado na Cidade Universitaria, nas beiras da autoestrada da Coruña e a carón da Moncloa.

Idea de Museo nacido pola iniciativa de Juan Larrea e do Marqués de Lozoya, apoiado dende a Dirección General de Bellas Artes por Gratiniano Nieto e aberto no 1965 para exporpezas das coleccións reais en relación coas américas, entre outras dispersas e exóticos legados.

Xubilada a primeira directora, Pilar Fernández de Vega, Carlos Martínez-Barbeito é nomeado director en 1968, contando co apoio incondicional do lucense Ramón Falcón, entón Subdirector Xeral de Belas Artes. Coa sensibilidade que o caracterizaba asume, como poucos, a cuestión integral da nova museoloxía, canto implica a xestión do museo: dende a selección expositiva, con coherencia até os fondos en reserva, a investigación, divulgación, restauración, legados, novas adquisicións, cubrir os baleiros na secuencia espacial e temporal? sen faltar problemas, como a provisionalidade de compartir espazos, falla de medios, pois todo se centraba nas grandes institucións madrileñas. Asuntos superados coa paixón creada entre os traballadores, mesmo a través dunha pioneira Asociación de Amigos do Museo de América. O Museo atopou ademais en Carlos o mellor diplomático, incorporado a misións internacionais .

Carlos Martínez-Barbeito introduce á historia deste museo, idea nacida en tempos do Cardenal Cisneros, seguida por Felipe II, a de establecer en Alcalá unha mostra das culturas indíxenas, con artefactos e documentos que traían os conquistadores, aventureiros ou misioneiros. A idea propagandística do imperio estaba detrás. Ao cabo do tempo serán os "curiosos impertinentes"da Ilustración os que animarán á Coroa a retomar a idea e impulsar expedicións de coñecemento, económicas e conseguintemente de expansión política e militar ao alén mar. Carlos III e Carlos IV propician estas misións, inspiradoras de auténticos guións cinematográficos, con escenario en selvas, entre ruínas, templos incas, maias... Entre os intrépidos aventureiros faise sobranceira a figurado mariño da toscana Alexandro Malaspina, guieiro dunha exemplar empresa científica arredor do mundo hispánico, realizada por encargo da Coroa no ano 1789 e a bordo das corbetas Descubierta e Atrevida, tripuladas por experimentados mariñeiros galegos, acompañado de debuxantes como Branvila, Guio, Del Pozo, Ravenet, o cartógrafo Bauzá... recollendo datos xeográficos, etnolóxicos, botánicos, zoolóxicos... Martínez-Barbeito é considerado ore e descubridor de Malaspina, prototípico ilustrado que despois do seu éxito foi encadeado oito anos por Godoy no coruñés castelo de San Antón, silenciado e negado por desvelar as aberracións cometidas por algúns delegados gobernamentais nas Indias. Na entrada da Casa de Botes desta fortaleza-museo, puxemos unha placa de mármore de Carrara que lembra o paso de tan ilustre preso. Anos de cadea onde Malaspina aproveita o tempo e, quizais axudado por ilustrados coruñeses, escribe un tratado sobre o Quixote, outro de numismática e un sobre a beleza... Coleccións, debuxos, apuntes da expedición Malaspina que pararon e se incrementáron no Museo de América .

Entre os tesouros do Museo de América destaca a doazón que fixo o goberno colombiano do presidente Holguin no 1892 á rexente María Cristina con ocasión da celebración do IV Centenario do Descubrimento, como agradecemento polo papel mediador de España no litixio de fronteiras con Venezuela, o Tesouro dos Quimbayas. Máis dun cento de pezas de ouro descubertas na localidade colombiana de Finlandia, algo sen rival nos museos do ouro da cultura precolombina en relación co mítico El Dorado. Obxectos que permaneceron moito tempo gardadas nas cámaras acoirazadas dos subterráneos do madrileño Banco de España. Permanente reclamación colombiana. Martínez-Barbeito argumentou, a nivel histórico, xurídico e moralmente que este "regalo" seguise en Madrid.

Salas do museo que expoñen coleccións de cerámica, estelas, amuletos, adornos, cunchas... tecidos que poñen a proba a habilidade precolombina para o tear, pinturas cuzqueñas, mexicana, quiteña... códices con datos astronómicos, etnográficos... E entre estes o códice azteca que pertenceu á familia coruñesa Bermúdez de Castro, descuberto polos nenos da casa do Parrote e co que xogaban, familia que llo vendeu ao Estado: documento en papel "verjurado" con abundantes datos sobre a xente, o almanaque, os deuses, ritos, actividades, flora, fauna... datado en época colonial, a metade do s. XVI, ilustrado, seguindo tradicións prehispánicas, quizais na escola franciscana de México, por un tal Míguez, posiblemente coruñés. Sen saber como chegou a este porto galego. Primeiro coñeceuse como Códice Azteca da Coruña, despois como Códice Tudela por ser don José Tudela de la Orden quen o presentou no Congreso americanista de París no 1947, hoxe coñecido como Códice do Museo de América, unha das súas pezas máis cotizadas e, dalgún xeito, con orixes galegos.