Mes tras mes o Barómetro do CIS consolida a corrupción e a fraude como segundo problema da sociedade en España, ocupando o primeiro lugar o paro. O barómetro do pasado mes de abril sitúa a lacra da corrupción moi por riba de cuestións tan importantes para o noso benestar como a educación, a sanidade ou mesmo os problemas de índole económica. Sen embargo, a Adminsitración de Xustiza non figura entre as principaispreocupacións cidadás.

Datos dos principais organismos e institucións internacionais denuncian o grave impacto que a corrupción supón, no só sobre a convivencia democrática, cuestión esencial, se non tamén sobre a propia dinámica económica. O Banco Mundial estima que o custo dos sobornos no sector público, tanto nos países ricos coma pobres, ascende ao billón de dólares ao ano. O Foro Económico Mundial calcula o impacto da corrupción na economía nun 5% do PIB global, incrementando o custo dos negocios nun 10%. A Comisión Europea chegou a cuantificar en 120.000 millóns de euros o importe perdido nos vintesete estados da Unión pola corrupción, equivalente ao orzamento total da UE.

En España, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia calcula que o sobrecusto causado por malas prácticas "anticompetencia" ascende a 40.000 millóns de euros ao ano, un 4,5% do PIB, porcentaxe que superaba incluso a previsión de déficit comprometida por España con Bruselas para 2015 (4,2%). Este dato significaría que España podería resolver os desequilibrios orzamentarios que sangan as contas públicas e deterioran gravemente os servizos de benestar con políticas decididas e valentes contra a corrupción e a fraude.

O informe de xullo de 2016 do Grupo de Estados contra a Corrupción (GRECO) do Consello de Europa supón un severo correctivo ante a inacción das autoridades españolas, ao concluir que o noso país non ten observado de maneira satisfactoria ningunha das recomedacións contidas no seu informe de avaliación de 2014.

Os gobernos do Partido Popular teñen buscado crear a apariencia de impulsar ambiciosos plans de loita contra a corrupción, pero a realidade social, política e xudicial é teimuda. Os escándalos, as tramas oligárquicas, o intereses cruzados entre dirixentes políticos, empresariais e grupos de presión, mesmo as interferencias denunciadas no ámbito dos órganos xudiciais, demostran cada día a falta de compromiso na erradicación da corrupción.

E Galicia non é allea, como habitualmente se nos quere transmitir, a este grave problema. Galicia non é unha illa no contexto xeral da corrupción. Galicia tamén dispón nas hemerotecas do seu relatorio de casos corruptos. Pero esta dramática situación non parece preocuparlle moito ao Goberno do Sr. Núñez Feijóo. Ou se lle preocupa é só desde a mera dialéctica, porque non parece estar disposto a asumir medidas reais e contundentes.

O Grupo parlamentario socialista ten presentado neste periodo de sesións sucesivas iniciativas para poñer coto a estas prácticas delictivas. Establecer un réxime específico de protección das persoas denunciantes da corrupción, regular a actuación dos grupos de presión ( lobbies) ante as distintas institucións e autoridades públicas, incrementar substancialmente as obrigas en materia de transparencia e goberno aberto, dar publicidade ás axendas dos representantes e cargos públicos ou incorporar de forma decidida as directrices da Comisión Europea para a avaliación sistemática dos riscos de fraude, son medidas que temos impulsado de forma clara na Cámara galega, pero que non contan polo de agora co respaldo do Partido Popular.

Vimos tamén de expoñer a xa inaprazable necesidade de suprimir o aforamento dos deputados e deputadas no Parlamento galego. A confianza real no poder xudicial debemos demostrala tamén na igualdade plena á hora de sometérmonos á xustiza ordinaria.

Se pregonamos contra vento e marea a tolerancia cero contra a corrupción, todas as forzas políticas deberán demostralo de forma contundente, efectiva e real.