Á miña filla Carmen que me suxeriu este artigo

Esta semana celebramos o noso San Xoán, as nosas lumeiras, as nosas fogueiras, as nosas sardiñadas e xureladas. Saltamos sobre o lume e bañámonos no mar. Lavamos a cara con herbas. Pedimos os nosos desexos e sobre todo mudamos de ano. Porque esta celebración non deixa de ser un cambio de ciclo, de solsticio, de ano para os pobos que miran ao Atlántico. E o certo é que vimos de pasar unha semana moi quente. As redes sociais e os medios de comunicación arderon coa moción de censura presentada por Podemos no Congreso dos Deputados. Unha moción que xa se sabía que non ía a ningunha parte pero que lle permitiu a Pablo Iglesias ser o centro de todas as tertulias radiofónicas e televisivas, ademais de ocupar un bo número de portadas de xornais de papel e xornalísticos. Irene Montero fixo un desglose pormenorizado do que é a corrupción do PP, e aínda berrando en exceso, estivo mellor que o seu líder. Ambos falaron en demasía, pero Pablo foi máis cansino. Pódese dicir que é un bo tertuliano pero non é un bo deputado. Gaña nas distancias curtas e pérdese nos espazos alongados. Tamén se podería afirmar que Podemos acerta no diagnóstico da doenza, pero que non aporta vacinas axeitadas para mellorar ao enfermo. Angela Oramas, dixo o que pensaba na súa replica a Iglesias, un pode ou non estar de acordo coa súa opinión, pero o que non se pode é tomar as redes sociais e prender o lume con insultos, ameazas, comentarios soeces, etc., contra a deputada canaria. Non gusto deste comportamento. O anonimato protexe aos covardes. Como Estrasburgo protexeu a delincuentes comúns perigosos e agora nos encontramos con que "o violador de la Paz" era "o violador do estilete". Din os psicólogos que o tratan e os responsables da súa excarcelación dúas cousas, os primeiros que xa non era unha ameaza porque se encontraba moi recuperado das súas "inclinacións", e os segundos que se comportaba ben no cárcere. O primeiro, sabemos que é difícil, pois un pederasta e un violador ten unha recuperación e reinserción moi complicada, que hai que estudar con gran detemento. Sobre todo se ademais de pederastas e violadores son asasinos. E o segundo, en fin, estamos parvos? Como se vai comportar no cárcere se quere saír canto antes e é un individuo intelixente? Tamén as redes sociais arderon con este caso, aínda que a moción de censura levouse a palma, porque todos os partidos políticos perderon nesta moción, e Iglesias queimou unha das súas naves. Pero os máis queimados fomos nós, porque, amados políticos, a cidadanía está moi queimada con vostedes. Así que intentemos consolar ás vítimas e ás familias das vítimas da besta do violador excarcelado e celebremos o noso San Xoán con ledicia e prudencia, porque hai que alonxarse do queime do Congreso, mais tamén ser prudentes para non queimarse nas fogueiras cando saltemos o lume, cumprindo deste xeito coa nosa tradición, unha tradición milenaria e marabillosa.