Este periódico, como todos, ten días, pero o de hoxe estou particularmente orgulloso de escribir nel (e non, non me subiron a paga). Porque quen leu a edición de onte, quen viu a primeira páxina, puido informarse e sentir a plenitude da traxedia das Ramblas sen ter que ver unha exposición de mortos. Calquera xornalista ten moitas veces que escoller entre espertar a atención e non alimentar o morbo, e nunca é fácil e non sempre se atina, se se pode falar da atinar en cuestións éticas e deontolóxicas. Nas redes sociais estase producindo outra vez o debate -tamén se producen outras cousas, pero xa non son debates- sobre que imaxes se poderían dar e cales non. Cando hai debates é porque non todo é branco e negro.

Argumentan os que están a favor de publicar todo ou case todo que a realidade hai que mostrala, e non ocultala, e máis por informadores, e que así se conciencia a xente da maldade desas situacións. E poñen como exemplo as fotografías de guerra ou a do pequeno Aylan Kurdi, e tamén poderían citar as dos campos de concentración nazis ("Graven todo. Nalgún momento algún bastardo levantarase e dirá que isto nunca sucedeu", pediu o xeneral Eisenhower, trala liberación de Auschwitz). Se lles interesa a miña opinión, creo que hai ocasións nas que hai que publicar fotos duras, mesmo desas que che encollen o corazón. Exemplos como eses que puxen. Porque as guerras, e as matanzas, e os campos de concentración son realidades que hai que sacar á luz, entre outras razóns, porque hai moitos -normalmente quen as provocan- que non queren que se coñezan, como ben dicía Eisenhower. Pola contra, os terroristas o que pretenden é que se magnifiquen os feitos. Como non poden librar unha guerra (quitado en mentes deliradas como a de Isabel San Sebastián) o que fan é montar un espectáculo, unha performance mediática, desafortunadamente con fogo real e protagonistas de carne e óso. A única guerra que poden ganar é a psicolóxica, a xeración dunha crise.

A maiores, unha foto é unha selección da realidade, non a realidade, e esa escolla é a que define a un profesional. A realidade é que morre unha chea de xente nos accidentes de tráfico -moitos máis que en actos terroristas, mesmo en zonas como Israel- e ninguén argumenta que se deba fotografar os corpos entre os restos metálicos que lle serven de mortalla, por moito que se podería argüír que esa visión descarnada das vítimas serviría para incrementar a prudencia dos condutores. Iso quizá foi certo nun pasado bastante remoto, pero agora está comprobado que a reiteración deste tipo de imaxes o que fai é promover a indiferenza. Para sensibilizar sobre as consecuencias dun acto terrorista que ocasiona 14 mortos e unha chea de feridos non fai falta que vexamos a cara das vítimas.

Un máis que veterano foteiro coruñés, Pepucho Castro, contoume unha vez que no accidente do avión que caeu en Montrove cando tentaba aterrar en Alvedro, hai estes días 44 anos, viu o corpo dun home, perfectamente traxeado, e co maletín na man, deitado nun valado de pedra, como se descansara. Pero sen cabeza. E non fixo a que probablemente sería a foto da súa vida. Daquela non había debates públicos sobre ética xornalística. Agora si, mais nos medios hai unha chea de miserables que aproveitan as traxedias para levar auga ao seu muíño ideolóxico. Esas son as batallas que gana o terror.