Xulio, temos un problema. Ou máis ben téñeno todos os coruñeses, mesmo os que non se senten concernidos polas decisións municipais e xudiciais, pero logo queren, con toda a razón, festas rumbosas, rúas limpas e prazas lucidas e de aí para arriba. Temos un problema, tivemos un e teremos máis. O que tivemos foi un de 20 millóns de euros polo polígono de Someso, alegremente construído mediante unha expropiación de interese público que logo resultou ser de beneficio privado. O que temos é o do edificio Fenosa. Estaba moi ben contado no editorial deste xornal do domingo pasado, así que permítanme que recunque.

O edificio de Fenosa era, como saberán e se non o saben, é de supoñer, a sede da compañía eléctrica, e ademais unha excelente mostra da arquitectura dos 70 (época que non me presta especialmente, pero é un problema meu). Cando Fenosa se foi, segundo a prensa da época para mellorar, o edificio foi a menos, e pouco antes do cambio de século a empresa quíxose desfacer del. Conseguiuno vendéndollo a outra empresa que despois tamén se foi, Fadesa. O problema era que dun edificio destinado a equipamento non era tan doado facer un residencial, non por cuestións técnicas, senón legais. Pero sendo quen eran vendedor e comprador, todo foi á velocidade do raio. Antes de que comezaran as obras, un arquitecto recorreu a licencia porque non respectaba o plan xeral de urbanismo. A resposta da empresa só se podía dar aquí e arredores: non facía falta porque xa se sabía que ía cambiar. Algo que constitúe un delito, aquí e en todas partes (non cambiar o ordenamento, senón que se saiba, e máis por unha construtora).

Efectivamente, tiñan razón. Cambiou. Pero aí se lles acabou a razón que tiñan. Quitáronllela toda unha sucesiva restra de sentencias que coincidían en que había que devolver o edificio á situación orixinal. Foise Paco Vázquez, o alcalde responsable da decisión municipal, e veu Javier Losada, aínda que se mantivo a corporación. Seguiu Losada, con distinta corporación. Veu Carlos Negreira. Foise el e o seu equipo e apareceu Xulio Ferreiro co seu. Pero o edificio Fenosa (que esta altura, a familia, do conde de Fenosa, xa pedía que non se chamase así) e a súa situación xudicial non cambiaron. Puido ter non cambiado, pero si atenuarse hai uns anos, pero o Concello preferiu resistir co de sempre. Agora estamos nunha destas situacións no win, nas que ninguén gana. Os residentes no edificio, porque non saben se van ter que deixalo, aínda que sexa indemnizados. O concello, porque se ve obrigado a cumprir unha sentencia en esencia case imposible (non se pode volver a poñer o edificio como estaba). A cidade porque a broma lle pode custar medio cento de millóns de euros. Nin sequera gana de todo a xustiza, porque non sei se esta será unha desas sentencias que terán que acabar declarando inaplicable.

Aínda que ben pensado, si que houbo a quen a cousa resultou win win, ganancia por todos lados. A corporación e os funcionarios que deron a licencia aí están, ou aí estiveron, tranquilos como Amancio (o futbolista). O que vendeu os pisos, cobrounos. Iso de que a actuación dos políticos queda sancionada nas eleccións queda moi bonito na teoría, pero na práctica, debería haber outro tipo de consecuencias. Penais, administrativas ou de cumprimento de servizos sociais. Aínda que fose a colocación dunha placa. No canto diso que tanto lles gusta de "Este chafarís foi inaugurado sendo alcalde...", unhas que poñan: "Este edificio foi construído cunha licencia ilegal que concedeu a corporación municipal presidida por X, cos votos de A, B, C e D. Custou 50 millóns de euros ao erario público". A min esa sentencia paréceme moi doada de facer executar.