Tras as lendas e os mitos existen pobos idealistas, capaces de maxinar e fabular, en boa parte cunha base histórica e uns escenarios reais: praias batidas por ondas fecundadoras, continentes perdidos, reinos fantásticos de superhomes, amazonas, ananos, trasnos, compañas de espíritos ou demos, pobos rexidos por tiranos ou santos, con princesas, príncipes e magos; insuas e illas asolagadas, castelos ou templos fantasmagóricos, labirínticas terras, triángulos máxicos? Nostálxicos contos sobre paraísos perdidos, sobre o Edén, fantasiar que parte de mitos orientais, protagonizados por un deus creador do universo en sete días. Fábulas avivadas polos persas, reinterpretados na Teognía de Hesiodo, protagonizada polo semideus Perseo, alegorizado na pasaxe bíblica do Xénese centrada pola Árbore da Vida e da Sabedoría, do Ben e do Mal. Non faltan as lendas arredor da desaparecida Atlántida, de Tartessos, de arriscadas odiseas en busca das Hespérides, da pelica do Castrón de Ouro... As conquistas imperiais de Alexandro abriron a un mundo exótico sobre o que non se deixou de experimentar, a comerciar con produtos e saberes: rutas de especies, do incenso, da canela, do ouro, da prata, das pedras preciosas, das perlas e arredor diso o inesgotable universo da literatura fantástica. Sagas sobre santos trotamundos, novos Ulises, como o navegante Brandán, buscador do Edén?

Da idea da terra plana, rodeada de abismos, pasouse á da esfera entre o sol e a lúa. Polo cambio de era Ptolomeo elaborou un mapamundi, situando á Terra no centro do Universo e mil trescentos anos despois Copérnico determinou o movemento planetario arredor do sol... sería condenado por herexe. Os mapas fanse máis precisos e do esoterismo pásase ao exoterismo, a ciencia vai soterrando uns mitos e co consumo nacen outros.

No medievo o medo aniñou entre as sombras e as siluetas de castelos e de catedrais, máis inda nos invernos. No século XV, cos novos saberes tecnolóxicos, seméntase a confianza, pero, entre novas cruzadas, medra a insatisfacción e prodúcese o nacemento doutros medos. Os mapas perfecciónanse coas viaxes de Marco Polo, despois coas de Colón, coñecedor de saberes grecolatinos, das pescudas de Isidoro de Sevilla, de Beda o Venerable, de Escoto e doutros sabios, aínda así cavilaba que a terra tiña forma de pera e que na cima estaba o Edén?

Dende o XVII, os ilustrados, curiosos impertinentes, detectives, trotamundos, crean equipos de sabios pra recorrer o mundo: o galego Francisco de Mourelle estará entre os pioneiros, para ser seguido por James Cook, logo mellorado por Malaspina, despois por Humbold? Galiza, país de mitos é lugar preferido, de expertos mariños, onde elevar áncoras...

Entre os reinos da fantasía ocupa un lugar preferente Camelot e a illa de Avalón, situada no setentrión, país envolto en brétemas, reino de Arturo, novo celta, señor da espada máxica Excalibur, presidente da Táboa Redonda, nacido mirando ao mar no castelo de Tintangel, en Cornubia, onde tamén tiña cova Merlín. Cabaleiro buscador do Grial o que soamente podían ollar os máis puros, como o cabaleiro Lancelot. Ascese, camiño, Xogo da Oca, andares de loita e xenerosidade, sorteando os poderes da meiga Morgama, filla da hermanastra de Arturo, o odio de Modred, namorado de Xenevra... Arturo, morto, é enterrado no corazón de Avalón, en Glostombury? hoxe meca de peregrinación céltica. A lenda alóngase, toma outros xeitos cabaleirescos. Mesmo Arturo e os seus moveranse pola Galiza, pola Antela, entre os penedos do Pindo, por Milamanda e o Cebreiro... Lendas célticas que empatan coa de Lyonnesse, asociada coa Atlántida, situada en Cornualles, en relación cos amores de Tristán e Isolda, illa asolagada, como a bretona de Is, como a cidade fisterrán de Duio, milagrosamente castigada por apresar aos dous discípulos que trasladaban o corpo santo do Apóstolo para darlle enterramento... Lagoas de Valverde, na Cha as do Ollo, o Pozo do Lago en Maside, Doniños... das que se di que asolagan cidades que faltaron á xenerosidade... as que, polo San Xoán, déixanse escoitar aos máis puros, lenda semellante á da illa fantasma de Frislandia.

A predicación e a translatio do Apóstolo creou unha espiral de lendas cos seus sitios: o Pedrón, o Castro do Faramello, o Pico Sacro, o bosque Libredón, arredor da tumba apostólica, a que deu orixe a Compostela e á peregrinación.

Galiza, como ningún, confín de cidades e cemiterios con lendas de magos e meigas, de alquimistas, de paraísos perdidos, de fontes de bagoas e da eterna xuventude, sanadoras, como as da Devesa da Rogueira e tantas asociadas a ermidas e romarías? País de tesouros escondidos, de covas de serpes, de lobas , do Rei Cintolo ou das Xoias, das xianas, das xacias ou dos guimaros, seres míticos. Labirinto da beiramar con antros e furnas, con illas flotantes sobre un mar tenebroso, escuro e de perdición, onde se conta habitan sereas que deron orixe á casta e rango dos Mariños, como Sálvora e as Lobeiras? Encrucilladas abeiradas de infernos e "fornos" nos que se conta se martirizaron santas como Santa Mariña de Armeá? País de magos, onde os Tres Reis Magos teñen a mellor devoción e representación, monarcas do afastado Reino de Preste Xoán (de Armenia e Irán), reinos bíblicos dos malvados Gog e Magog...

Lendas que dan pe a outras, onde non faltan heroes: a da illa fantástica de Antilia coas sete cidades, situada no Atlántico, no extremo occidente de Iberia, quizais cara á desembocadura do Guadalquivir, segundo da a entender no século III Plutarco e que algúns relacionaron cos Campos Elíseos, Terra Icógnita que os portugueses relacionan coas Azores, como as illas do estaño, as Casiterides... asuntos sabidos por Colón. E aqueloutra lenda referida á princesa britana-romana, filla dun rei de Cornualles, Santa Úrsula e as Once mil Virxes, concedidas aos soldados pola súa lealdade ao rei? santa "expulsada" do canón católico polo papa Paulo VI. A lenda do doncel leal dos Andrade, o namorado Roxín Roxal...

Puzos do inferno e do demo, altares como Teixido, San Guillermo de Fisterra, Pena Fiel no Pindo, Pena Corneira, Novelle, San Trocado, o Seixo, o Cadramón... bosques furados por minas como o Montefurado ou San Xoán da Cova sobre o Ulla, as Médulas, as do Irixo... Penedas labradas polo tempo, como as de Cans, as de Rodas, a Corneira, o Pindo, fendidas ou pisadas, insculturadas coa marca da ferradura do cabalo de Santiago, coa pisada de Roldán, entre ríos do esquecemento, con tentadores remuíños, nas proximidades de Ourense a Fonte de Ana Manana e no Miño o Puzo Meimón. Escenarios pra monstros que xorden do noso subconsciente para levarse a representacións infernais, a canicelos, gárgolas?

Castros que se din coutados e atravesados por trabes nas que se acochan tesouros encantados: sete poliños e a galiña de ouro, habitadas por mouras que saen a peitearse. Terras onde tivo corte a Raíña Lupa? Lugares de santos ermitáns que nin foron recoñecidos pola Igrexa, domesticadores de lobos, de cervos, de corvos? As encrucilladas, os pontes do Pasatempo, outros dos que se conta foron erguidos nunha noite polo Demo ou sobre pasos honrosos, nos que, na media noite, se bendice ás preñadas? Castelos ensombrecidos entre pantasmas, envoltos en lendas de encadeados, de coroas e mitras de ferro ardente? Os camiños enguedellados que levan a Compostela andados por santos e mesmo por rufiáns, por trobeiros e titiriteiros, onde asoman as tentacións e as bendicións. Sitios enmeigados nos que quedou engaiolado trescentos anos Ero de Armenteira... Abonda sobre o que seguir a crear.