Cando escribo este artigo descoñezo que pasou onte en Cataluña, pois sempre entrego o meu traballo a mañá do domingo, e non vou cambiar de costumes. Esta nave só se para por motivos de causa maior. Isto é: porque o columnista se encontre enfermo ou faleza de repente. Daquela, deixarían de ler os meus escritos e pasarían a ler a miña esquela, que espero sexa bonita e digna de min. A cicatriz está aberta é supura. Supura sangue, dor, desconcerto, infamia. Sangue dos que querían votar. Dor dos que querían votar e dos que non querían votar. Desconcerto de toda unha sociedade que ve como se resposta de forma violenta a unha actitude pacífica. Non esquezamos que diante dos colexios electorais e no seu interior había programados concertos, recitais de poesía, conferencias, xogos tradicionais, competicións deportivas. E por último infamia. Porque é unha infamia levar a represión a unha xente que non a merece. O PP perdeu a oportunidade de non gañar un referendo legal en Cataluña. Hai cinco anos, incluso hai dous anos, terían gañado os que desexaban seguir dentro de España. Pero foron covardes. Sobre todo o goberno. Moitos militantes eran doutra opinión. Outro tanto lles pasará coa monarquía. Senón levan adiante axiña un referendo sobre se o pobo español quere vivir baixo unha monarquía ou unha república, volverán a perder se o referendo se celebra dentro de dez anos. O touro hai que collelo polos cornos. E Rajoy amosou neste asunto ser un pésimo toureiro. Non se pode estar orgulloso do comportamento das forzas de Seguridade do Estado onte. Eses corpos teñen moita máis historia e dignidade. Unha orde cúmprese ata certo punto. Pódese manter a orde e non ser cruel na execución da túa obriga. Se hoxe se celebrase unha votación con todas as garantías, dubido que os independentistas non o gañasen. Porque de todo o ocorrido na xornada do domingo saen reforzados. E con razón. Rajoy fixo oídos xordos diante dun problema grave. Agora xa é tarde. O soño da razón cría monstros. Así titulou Goya un dos seus gravados. E ese monstro que criou o goberno coa súa actitude inflexible creou á súa vez unha cicatriz que non deixa de supurar dor por toda Cataluña. E Cataluña non vai esquecer esta xordeira de Don Tancredo. Sempre tarde, sempre tarde. E por riba con violencia. Mal, moi mal. O mundo non esquecerá as imaxes de xentes sangrando, os golpes, as pelotas de goma. Non esquecerá. Xente xubilada tirada polo chan vítima da barbarie. Desde o franquismo, Cataluña non sufría unha represión igual. Vaia Marca España. Que erro tan grande. E todos instalados na fatuidade. Toda conexión civilizada con Cataluña está rota. Unha amiga de Barcelona espetoulle un día ao seu amante francés varias frescas á súa maneira, que era moi mediterránea: "Jean Pierre, vai para Francia. Se ves que Cataluña non che gusta, marcha para Francia. A casa deixaría de ulir a queixo podrecido e a viños gaseados. O champan é un viño que se vos danou. E a túa cidade é unha tarta de merengue para sentimentaloides que descoñecen o verdadeiro sentido do amor. Ninguén se namora en París. En París téñense aventuras, pero ninguén se namora en París. Como vas encontrar un amor de verdade nunha cidade falsa? Que non é falsa? Escoita, os parisienses e os seus gobernantes, cargáronse todo vestixio romano, o París medieval e o renacentista. O único que quedou foi esa inmensa tarta de merengue cargada de decadencia". Pero a miña amiga barcelonesa, de seguir as cousas como onte en Catatuña, terá que pedirlle a Jean Pierre asilo político en París. De verdade somos parte de Europa? Négome a pensar que Napoleón tiña razón cando dicía que "África comezaba nos Pirineos". Cordura, paciencia, diálogo, altura de miras, sentido común, responsabilidade. É pedir moito aos que cobran tanto? Penso que non, que é o mínimo que lles podemos pedir, a uns e outros, senón a cicatriz non deixará de supurar dor. E reflexionen sobre o da monarquía. Reflexionen, por favor, ou perderán.