Non teñen mucha cancha nos medios. Nos xornais quedan esmagados por tanta bandeira como sae, tanta defensa e tanta declaración para a historia. Nas televisións saen algo máis, porque as imaxes son ben vistosas, pero tampouco é que abran os informativos, precisamente. Parece que a ninguén lle chama a atención que a mediados de outubro haxa unha chea de incendios. Ou chama tanto a atención como que haxa xente nas praias. Unha curiosidade climática. Pero onte, cando escribo isto, queimáronse 1.900 hectáreas, é dicir, unhas 2.600 veces o tamaño do campo de Riazor (a herba). No que levamos de mes, houbo 253 incendios, a maioría nas provincias de Ourense e Lugo. E a maioría orixinados de noite, co que o calor e a seca poden ter que ver coa propagación, pero non coa causa.

A Consellería de Medio Rural anunciou unha "investigación exhaustiva" para perseguir os incendiarios e levalos perante a xustiza. A intención é boa, que dúbida cabe, pero suponse que ata agora tamén investigaban todo o que podían. É máis, levamos unha chea de anos investigando e poñendo incendiarios a disposición xudicial, e quitando os vellos, ou non tan vellos, que se lles escapa o lume que prenderon, e os pirómanos, eses que prenden lume porque a televisión non os enche como espectáculo, seguimos sen saber por que lle prenden lume ao monte os que llo prenden. Incluso seguimos ignorando -polo menos eu, tampouco quero xeneralizar- por que o fan os que confesan. As cousas fanse por vicio ou por beneficio, e no segundo caso, por beneficio directo ou por beneficio inducido. É dicir, esas costumes rurais que tanto proclaman aos expertos urbanitas, como as vinganzas, a omertá, a produción de pastos e a cana verde son as que hai que incluír no beneficio propio (ou na desgracia dos outros, que para algúns vale tanto ou máis). Pero actuacións como a dese brigadista de Lobios que aproveitaba o desprazamento ao traballo para ir queimando en media ducia de sitios non parece que sexa para o seu beneficio directo. O de formar parte dunha brigada antiincendios non deixa de ser un traballo esforzado e perigoso, e correr o risco de que te collan prendendo lume para asegurar un emprego de 800 euros non parece que veña moito a conta.

Ou sexa que alguén saca ben máis beneficio de que haxa lumes. Os destes días son en lugares -O Xurés, O Caurel-, do que é difícil sospeitar que se queime para construír logo. Pero tamén se pode plantan outras cousas en sitios onde antes no se podía e logo de queimados si. E a loita contra os incendios é unha industria en si mesma. Quizais esa "exhaustiva investigación" que non dubido se poñerá en marcha, rendera máis se a enfocamos ao vello principio policial de, a maiores de trincar ao criminal, buscar a quen lle aproveita o crime.