Mañá 19 cumpriranse 15 anos desde que o Prestige, despois de seis días de agonía e vertidos, se despedira cun un arroto final de dez mil toneladas de fuel. Non quero contribuír ao bombardeo conmemorativo -os medios de comunicación son temibles cando se poñen a conmemorar-, aínda que neste caso pouca memoria me parece que hai, pero si confiarlles o que máis triste me pareceu de todo. Emocionáronme moitas cousas, pero o que é triste púxome a imaxe de que, despois de tanto esforzo e tanto disparate, tanto carto gastado e tanto drama, a conclusión xudicial era ter no banquillo a tres vellos de pelo branco, ningún baixando dos setenta anos: Apostolos Mangouras, o seu xefe de máquinas de nome impronunciable e o exdirector da Mariña Mercante, José Luis López Sors. A culpa era do barco, como dixo Ana Botella?, deses tres vellotes? Ninguén máis tivo responsabilidade por activa e por pasiva, polo penal ou polo civil?

Xunto coa permisividade cara os pantalóns masculinos que deixan ver as canelas e a legalidade do raguetón, unha das cousas que peor levo desta sociedade é o aliñamento. Se es dunha opción política, o do Prestige estaba de Dios, e non había que facerlle e quen protestaba era que non quería a Galicia, e se es de outra, o que había era unha conspiración internacional. Agora co xuízo que se celebra en Pamplona á rapaza violada nos sanfermines parece que pasa o mesmo. Que ninguén é dono da súa opinión. Tena adxudicada en concesión aos seus. Para moitos, ou polo menos a min parécenme demasiados, deses que se definen politicamente incorrectos, parece que o que se xulga é quen ten máis razón, se a rapaza ou os cinco tipos, non se houbo delito ou non. Todo o mundo ten dereito a unha defensa, mesmo a unha boa defensa se pode pagala. E creo que hai máis violacións falsas que ese 0,01% que se demostra que o son. Porque non se investigan todas. Pero isto non presupón que detrás de toda acusación que non acabe en condena hai unha denuncia falsa. O que non se puido é probar sen xénero de dúbidas. Por esa regra de tres, despois de cada absolución dun delito deberíase iniciar inmediatamente unha instrución por prevaricación ou denuncia falsa.

Eu non prexulgo se en Pamplona se cometeu ou non un delito, pero está claro, por esas probas que o xuíz non admitiu, por gravar os feitos e polos seus antecedentes, e non só penais, que os acusados son uns indesexables (que por certo nalgún caso tiña acceso oficial a armas). Ser un indesexable non é un delito, pero para ser vítima tampouco hai que ser presidenta da Adoración nocturna. Vítimas de violación poden ser, e sono, rapazas, e prostitutas, e señoras de setenta anos. Éo toda aquela muller obrigada a facer o que non quere, teña a conduta que teña antes ou despois, vista de monxa ou de cabareteira. O delito pódese poñer en cuestión, e dado por demostrado ou non, segundo as probas, non segundo a percepción que se teña da vítima. Por dicilo rápido e claro: aquí non se está xulgando á rapaza. Reitero que non prexulgo a sentencia, pero si teño claro que unha total e completa violación é difundir o vídeo dos feitos, como parece ser que están facendo eses programas televisivos coa escusa de que é información.