Xa quixeran moitas desas nacións que presumen da súa historia, ter no tempo e do xeito que se fixo un mapa como o que de Galiza elaborou o cartógrafo pontevedrés Domingo Fontán Rodríguez. Tema digno de abrir a canto puidera significar o gran Museo de Galiza. E á forza cavilamos neses espazos malnacidos, fracasados e aínda atoutiñantes no seu obxectivo de ser, acollidos baixo o rimbombante, aséptico e pouco creativo nome da Cidade da Cultura.

Gábanse os posuidores deste mapa de ter, a pulo dunha ollada, Galiza enteira, e así campa nalgúns dos pazos de Galiza, mansións de señores propietarios de latifundios, de viñedos, soutos, carballeiras e greas de gando, de curtidoiros, fábricas de papel, ferrerías? tamén de xornaleiros, caseiros, criadas, privilexios e foros aínda feudais... Estará, gastado, de cor sepia, a carón dos andeis de bibliotecas cargadas de tomo afrancesados da Ilustración. Mesmo temos o mérito de rescatar, a tempo, para o Castelo de San Antón, un que pertenceu a Fenosa e outro pro pazo de Mariñán, que veu das terras do Deza, do Pazo de Trasfontao? Pero quizais, entre os mapas de Fontán, ao que máis froito se lle ten sacado, foi ao da Casa Grande de Trasalba, mapa que inspirou a don Ramón Otero Pedrayo e mesmo lle deu obxectivo á súa vida, velaí pois a novela de Arredor de si (1930). Don Ramón, ao se erguer, en cada alborada saudaba a aquel mapa, igual facía denantes de deitarse, despedíase del, para logo soñar coa grandeza da Historia e da Terra, fonte de cavilares.

A figura de Domingo Fontán faise propia para unha novela ou guión cinematográfico, eslavón dunha máis longa historia na ansia de trazar mapas. El da continuidade a toda una saga de cartógrafos, exploradores e humanistas que sempre caracterizaron a Galiza e xa non digamos a Portugal, de xeito especial na Ilustración e no romanticismo, onde radican os alicerces da nosa contemporaneidade. Intentos que se perden no primeiro mapa coñecido de Galiza, o da autoría do dominico ourensán Fernando de Oxea, 1690; no 1789 seguiulle o xeógrafo da corte Tomás López de Vargas e que recolle a división da sete provincias, baseado no catastro do Marqués da Ensenada e no censo de Floridablanca. Anos da Ilustración, caracterizados por ansias de saber integral, de humanismo, entre os que sobresae o egrexio profesor da Universidade Compostelán, Xosé Rodríguez González, "o Matemático de Bermés", teimudo en cartografar o país con técnicas de triangulación, non caerán en van os seus debezos, pois o seu alumno Domingo Fontán seguirá aquelas leccións, así que, entre o 1817, fai agora dous séculos e o 1834, dezasete , pola súa conta e risco, cos pes no chan, realiza un meticuloso traballo. Conta coa inestimable axuda do seu amigo o enxeñeiro Alejo Andrade Yañez, que, entre outras, sería o proxectista do modélico lazareto da illa de San Simón ou da fermosa capela do cemiterio coruñés do Santo Amaro. Tamén contará coa axuda do seu irmán, Andrés Fontán, encargado de cálculos barométricos, de presión e temperatura. Nos seus primeiros dez anos de traballo non contou con financiamento de ninguén. Para esta obra montou 467 estacións xeodésicas, 43 delas repartidas entre Asturias, León, Zamora e 3 en Portugal.

Domingo Fontán foi fillo dunha casa boa, de tío crego, naceu no 1788 en Porta do Conde do concello de Caldas de Reis, para estudar en Noia, cidade de grandes ilustrados, baixo a tutela do seu tío crego, despois licenciase en Filosofía e Letras, en Teoloxía e en Matemáticas na Universidade de Compostela, cidade na que, dende 1828 sería catedrático de Matemáticas Sublimes, alternando como propietario dunha fábrica de papel tamén en Noia. Con grande actividade en Madrid e finar en Cuntis no 1866, despois dunha cistite. Recibiu sepultura no cemiterio compostelán de Bonaval e unha vez clausurado este camposanto, os seus restos, como debera ser, leváronse ao inmediato Panteón de Galegos Ilustres.

Como tantas veces acontece faise tan importante o xeito de facer como o produto feito e no Mapa de Fontán conxúganse os dous aspectos: no 1817, axudado dun sextante que hoxe conserva o Museo de Pontevedra, fixa a posición na Torre do Reloxo, a tan sonada Berenguela da Catedral compostelán, todo unfito e un símbolo. Deseguido, en 1820, fixa unha base nentre os barrios de Formarís e a Lomba de Boisaca, tamén en Compostela e calcula os lados do triangulo inicial, así como a latitude, lonxitude e altura dos vértices, proceso que vai repetindo, inicialmente, pola banda occidental de Galiza. Para as medicións emprega varas casteláns (2.291 m), valéndose de listóns de "pinabete holandés" e mesas de apoio para teodólito marca Tougthton&Gambey. No 1826, rematada esta parte, publica os datos parciais no Diccionario Geográfico Estadístico de España y Portugal de Sebastián Miñano, collendo sona internacional polo que consigue apoio institucional e novos encargos que, pola contra, retrasan a finalización do mapa . Para a Galiza oriental, a dos lindeiros con Asturias, León e Zamora, pon base no Corgo lucense.

Domingo Fontán tentou, sen éxito, algo prolongar algo semellante para toda España. No 1834 escribe a Memoria sobre la formación de los planos topográficos de las provincias y carta del Reino? O Goberno apúrao a xustificar os gastos das axudas de 1829. Con data de 1845 imprímese o mapa, que non chega a Galiza até 1847. Elaborado a escala 1:100.000, repartido en doce follas, cada una de 58 X 72 cmts, en conxunto de 2,16 X2´32 mts. Na cartela que o encabeza dedica a obra á reina María Cristina de Borbón, e fai constar os títulos de "director del Observatorio Astronómico de Madrid, deputado a Cortes. Individuo de la Academia de la Historia y de la Sociedad Geográfica de París, exprofesor de matemáticas sublimes y de mecánica industrial en la ciudad de Santiago? Grabada bajo la dirección del autor en 1845 por L. Bouffard, en París", impresor coñecido do seu amigo coruñés Ramón de la Sagra quen, alí imprimía a súa Historia física y política de la Isla de Cuba, xa que en España non había nivel. Engade devandita cartela que "No se grabo la división de partidos y Ayuntamientos en razón de su interinidad, Ecrit por L. Bouffard, imprente Lemercier" e finalmente, no medio, Santiago. No lugar pontevedrés de Porta do Conde, deixa constancia de ser a "Patria del Autor", así como no lugar ourensán de Casdemiro pon "Patria del Padre Feijoo", o seu admirado. A tiraxe oficial foi monopolizada polo goberno, pese a negarlle a súa case nula colaboración, motivo polo que lle negou a condición de mapa oficial. No 1847 da primeira tiraxe chegaron á Coruña 500 exemplares, tres anos despois outros 300 e pouco despois 250 máis. Pola amizade con Ramón de la Sagra e do impresor, Fontán contou para si con 96 exemplares. No 1850 o autor recuperou as pranchas e gardounas inicialmente en Compostela.

No 1917 o Capitán Xeral de Galicia Antero Rubín Homet fai del unha versión fotográfica, engadindo novas estradas e o ferrocarril de entón. A obra de Fontán no foi superada até 1955. No ano 1974, patrocinada polo Corpo de Topógrafos fíxose una edición facsimilar, con prólogo de Otero Pedrayo. Agora, ao cumprirse douscentos anos do inicio de aquel plan, o editor galego Teófilo Comunicación, atento á figura e ao acontecer, pon a disposición de todos un libro-mapa, novo xeito de ter a man os planos de Galiza . En Portas creouse un museo sobre Domingo Fontán; o Museo de Pontevedra reúne unha importante colección ao respecto, o Museo de Ourense non faltou a tal celebración, así como varios investigadores e divulgadores da ciencia tampouco esqueceron a efeméride e con ela celebraron novamente ao catedrático de Matemáticas sublimes e cartógrafo.