Este ano cúmprense 35 anos da chegada da dobraxe a Galicia. Aló polo ano 1982, un grupo de empresarios e dous mestres extraordinarios -María Romero e Xan Guisán- puxeron en pé os alicerces do que había de ser unha nova profesión na cidade da Coruña e máis tarde no resto de Galicia. Arredor daquela aventura, un grupo de persoas, unhas vinte máis ou menos, iniciaron aquel primeiro curso de dobraxe. Este artigo tenta honrar e celebrar a chegada da dobraxe á nosa terra e as figuras daqueles pioneiros, hoxe poderíamos dicir clásicos, que conformaron as primeiras fornadas de dobradores e dobradoras. Hoxe, falaremos dalgúns deles, e, en próximos días dalgunhas delas. María e Xan, ensináronos que non éramos actores de dobraxe, senón actores, cuxo xénero dentro da interpretación era a dobraxe. Moitos serían os compañeiros que terían que compartir o protagonismo deste artigo, pero a vida consiste en elixir e eu, nesta ocasión tiven que facelo. Será unha elección máis afortunada ou menos afortunada, pero é a miña e asúmoa con todas as súas consecuencias e con todo respecto polos que non están, pero aos que teño na miña memoria e no meu corazón. Mais vaiamos coas persoas que tedes que coñecer. Eles son Javier López, Juan Ignaico Borrego, José Antonio Jiménez e Roberto Reboiro. Javier López é un actor marcado polo periplo da serie Star Trek, serie que dirixiu e dobrou en galego e castelán. Na mesma, foi o Comandante Data en galego e en castelán o vulcano Tubok. Agora dirixe para o castelán o lanzamento mundial de Star Trek: Discovery, un dos traballos que máis lle está apaixoando logo de tantos anos. Tamén dirixiu The Wire e dobrou a Michael York en Justine. Juan Ignacio Borrego foi no seu día o director de dobraxe máis novo de España, con 21 aniños. Participou en series como Magnum ou Dallas, onde facía o papel de Boby, o irmán bo de X.R. Dobrou a actores como Richard Gere ou John Travolta e a Stephen Fry en Los amigos de Peter. José Antonio Jiménez, tamén actor de teatro, garda un especial recordo da serie O mundo de Beakman, unha produción de catro tempadas durante as cales recibiu 25 premios internacionais. Tamén marcouno moito a dobraxe da serie The Wire, coma a todos os que participamos nela. Roberto Reboiro dobrou a Carlos Larrañaga en Os gozos e as sombras, a serie baeada na novela de Gonzalo Torrente Ballester, e na que traballou como supervisor Marino Dónega, daquela secretario da Real Academia Galega. Foi o capitán Kirk en Star Trek, Charlon Heston en 55 días en Pekín, onde tiven a honra de compartir con el atril interpretando a David Niven, e Charles Ingalls en La Casa de la Pradera. Como ven, nomes de series, películas e actores que teñen marcado as nosas vidas e formado parte delas. Porque iso é a dobraxe unha artesanía que se introduce nos nosos fogares e no pulso das nosas existencias e que xa non nos abandona. Este artigo non sae hoxe para erguer ningún tipo de polémica entre a versión orixinal ou a dobraxe, é, simplemente un espazo para a celebración, o aniversario no 2017 dos 35 anos desta máxica, intrépida e marabillosa profesión que é a dobraxe. Parabéns para todos. Continuará.