De vivir don Antonio Meijide Pardo hoxe cumpriría os cen anos, por iso compre lembralo e celebralo agora máis. Aínda que, dalgún xeito, está moi presente nos que tratamos en temas históricos que son os da memoria. Facemos memoria pois. Pese a que este noso país é o que se dixo do Rio Leteo o das augas do esquecemento. Esquecemento, propensión galega que tamén se consigna e cantamos en Himno "...non des a esquecemento": proclives pois a perder memoria do Nós, plural, neutro, maxestático, arcaico e sempiterno que nos identifica. Nesas estamos aquí, en facer memoria de quen daba a coñecer os arquivos da memoria, o profesor e o rigoroso investigador don Antonio Meijide Pardo. Senlleiro, integralmente senlleiro, en todas as acepcións da verba, que quere dicir singular, distinguido tamén illado e solitario, algo de todo iso tiña e máis, os problemas de audición axudaban a apartalo do mundanal ruído, sumando ese seu espírito kantiano e hegeliano, metódico, científico pois. Coa rutina de ir e vir da casa aos arquivos coa carteira na man, sempre con presa para acougar sobre os documentos, na investigación. Amigo dos seus amigos, poucos, e os máis os que compartían inquedanzas históricas, reducidos faladoiros arredor do concreto, as bases históricas do máis inmediato, por onde hai que comezar, pola cidade na que se vive, na proximidade das fontes. Don Antonio era un historiador galego que atopa na Coruña, na Ilustración, nos séculos XVIII e XIX as bases da súa contemporaneidade. Pragmatismo total pra un ser que lle tocou vivir república, guerra, ditadura e buscas democráticas.

Naceu no Barco de Valdeorras un 3 de abril de 1917, formado, en anos de guerra na Universidade Compostelán, en Filosofía e Letras, obtendo no 1940 a cátedra de Xeografía e Historia que lle permite pasar ao instituto da industrial e proletaria Avilés e no 1941 ao instituto coruñés de Eusebio da Guarda, de tan longa e meritoria historia. Polas clases do profesor Meijide, mestre de mestres, pasaron moitos alumnos que o lembran como un sabio, "no bo sentido da palabra un home bo", como suxeriría o seu homónimo Machado. El que puido ser catedrático en calquera universidade atopa refuxio na Coruña, base para a tranquilidade que requiren as súas pescudas entre papeis, cartafoles, atados e ácaros: ir e vir aos arquivos municipais, do Reino de Galicia, militares, hemerotecas de xornais, onde se lle esperaba, quería e tiña sitio de seu, mesmo até a súa xubilación no 1985 e despois mellor.

Meticuloso, metódico, pragmático, hábil en artillar a secuencia histórica, xeneroso en abrir camiños, en ofrecer temas aos seus colegas e alumnos, de convidalos á investigación e a compartir datos. Necesariamente as súas obras están entre as fontes documentais e bibliografía dos historiadores do seu tempo e de un hoxe que se alongará.

As publicacións, especialmente os artigos de Meijide Pardo definen o camiño marcado, as predileccións, as teimas, os seus intereses que pasan pola Economía (así en maiúscula), como infraestrutura, onde entran as forzas e as relacións de produción en termos marxistas... Como curiosidade e faro as súas primeiras publicacións entre 1952-1955, editada polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas foi La URSS Geografía Economía e Industria e Brasil, gran potencia del siglo XXI algo máis que dous países, dúas contrapostas querenzas de don Antonio e base permanente para as súas pescudas, a economía.

Asentado na Coruña complementará as pezas do crebacabezas histórico da cidade e de Galiza. Seleccionamos: no 1960 La emigración gallega interpeninsular en el siglo XVIII; No 1964, La Refinería de Petróleo de La Coruña- Nuevos factores de industrialización en el Noroeste de España; no 1965, Aportación a la historia industrial coruñesa. Las fábricas textiles de Sada: 1675-1762; no 1966, Correos marítimos entre Falmouth y La Coruña: 1689-1815; no 1968, Hombres de negocios de La Coruña diecochesca: Jerónimo Hijosa; no 1976 "Censo de comerciantes coruñeses en los años 1830 a 1845". No 1977, La primera industria coruñesa del vidrio 1826-1850; no 1981, Artífices extranjeros en La Coruña del siglo XIX. El orfebre suizo. En 1985 , La Antigua minería del cobre en el valle de Valdeorras. No 1986, La fábrica de jarcias y cordele ría de La Coruña: 1770-1823; Se instala en La Coruña el alumbrado de gas: 1850; Datos biográficos sobre artífices extranjeros de relojería en la vieja Coruña. No 1988, La fabricación de loza fina en la parroquia coruñesa de Dorneda: 1799-1812; no 1989, La Academia y Escuela de Bellas Artes de La Coruña: 1850-1875.

A investigar apréndese investigando e ábrense outros insospeitados vieiros, así que a capacidade de Meijide Pardo, as relacións, os méritos e intercambios científicos, pese á súa humildade e aparente timidez, lévao ás mellores tribunas, como membro dos máis prestixiosos xurados de premios de carácter cultural, poñente en congresos por Río de Janeiro, Estocolmo, Londres, Lisboa, Porto, Aix en Provence, Múnich, Viena, Moscú... distinguido en diferentes institucións. Aínda que non era tendente á praxe e ao emprego do idioma galego no 1963 é proposto e recibido na Academia Galega como numerario e farao co discurso Origen y progresos de la Escuela de Náutica de La Coruña: 1790-1825 ao que da contestación gabando o seu saber Otero Pedrayo; pola súa calidade e perseveranza mesmo sería elixido tesoureiro desta institución galega, presidida entón por Sebastián Martínez-Risco. Membro da Sociedade Geográfica de Lisboa, da Real Sociedad Geográfica de Madrid, correspondente das Academia de la Historia, fundador e activo compoñente, que da senso de ser ao Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses. Recibe innumerables premios: miembro de Honor de la Academia Iberoamericana y Filipina de Historia Postal; da Real Sociedad Económica Matritense de Amigos del País; vocal de diversos padroados, entre eles da Biblioteca do Real Consulado, ese tesouro da ilustración coruñesa, da que era perfecto coñecedor e na que tivo base para moitos dos seus traballos. No 1957, condecorado polo presidente do Brasil coa Orden Nacional do Cruceiro do Sul; e no 1970, polo Ministerio de Educación coa medalla de Alfonso X El Sabio, tamén no 1996 a Xunta de Galicia outórgalle a Medalla Castelao. Don Antonio fina na Coruña o 25 de xuño do 2004, moitos dos seus documentos quedaron para o Arquivo do Reino de Galicia.

O Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, sabedor da súa misión, o 23 de decembro 2017 convocou a un acto de memoria e agasallo do senlleiro profesor e investigador, cerimonia que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello da Coruña. Alí, a historiadora Ana María Romero Masía e José Luis Alonso Álvarez, que tanto beberon nas súas fontes bibliográficas e compartiron saberes, fixeron a merecida e sentida lembranza; o seu sobriño Fernando Rubín Meijide, en nome da familia agradeceu o acto. Reunir a obra de Meijide nun ou varios volumes entraría na ansia práctica que el mesmo quixera e que a súa humildade non lle permitía. Conformábase con publicar en boletíns. Teño a ben o poder contribuír, no 1997 e dende a Deputación da Coruña á publicación Temas y personajes de la Historia Contemporánea Coruñesa. Un xeito de non deixar perder eses traballos, os que, agora, unicamente se atopan nos andeis de arquivos nos que tan ben sabía escudriñar tan senlleiro investigador e persoa. E quen desvelou tantas biografías de senlleiros ideólogos e empresarios ben sería merecente da súa propia.