Hai un par de semanas falábamos nestas páxinas dos pioneiros da dobraxe en Galicia. Un oficio que xurdiu na nosa terra hai agora trinta e cinco anos. Daquela foi a quenda deles. Agora tócalles a elas. Hoxe coñeceremos os traballos de catro mulleres que foron das primeiras en prestar a súa voz a outras actrices da grande e pequena pantalla: Ananda Español, Amalia Gómez, Isabel Fidalgo e Ivonne Ares. Elas son as nosas protagonistas. Con Ananda Español, non só compartín micrófono na dobraxe, senón tamén na radio e tiven a honra de dirixila, xunto ao desaparecido Gonzalo Martín Letamendía en O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca de Alvaro Cunqueiro, peza na que ela interpretaba á Raíña e Gonzalo ao Rei. Na dobraxe, Ananda, prestou a súa voz a Giulietta Masina en Hoy quizá, a Bette Davis en Un gangster para un milagre ou a Katharine Hepburn en Adiviña quen ven cear esta noite? Con Amalia Gómez, tiven o gozo de compartir escenario e tamén de dirixila en teatro, en lecturas dramatizadas e en recitais poéticos; ela dirixiu e interpretou o papel da Duquesa na serie A Duquesa da rúa do Duque, serie, na que os que participamos nela, coincidimos, que foi o traballo que nos desbravou neste oficio e nos fixo entender que era a dobraxe; iso foi posible polo carácter tolerante e o talento metódico que Amalia posúe; ademais foi a voz do personaxe de Lucy en Dallas, da Olivia de Popeye ou de Roxie de Fraggell Rock. Isabel Fidalgo, participou na primeira serie dobrada ao galego: A escrava Isaura. Foi Sue Ellen en Dallas, e prestou a súa voz a actrices como Sofía Loren en Matrimonio a la Italiana, Ingrid Bergman en Casablanca ou a Jane Seymour, no papel de Mikaela Quinn na serie A doutora Quinn na dobraxe en castellano. Ivonne Ares puxo a súa voz, esa voz cargada e sensualidade e de profundidades interpretativas a Carole Lombard en Ser ou non ser, a Catherine Deneuve en Un cuento de Navidad e á comisaria da serie Alerta Cobra, emitida por varios distintos canais de televisión. Hai moitas máis pioneiras, como Elina Luaces -Charo López en Os gozos e as sombras e Joan Crawford en Que foi de Baby Jane?- ou a magnífica actriz Luísa Merelas, -Marilyn Monroe en O príncipe e a corista-, pero este artigo só é un breve homenaxe aos XXXV anos da dobraxe en Galicia e non hai espazo para lembrar a todas, aínda que ocupen un lugar privilexiado na nosa memoria e nos nosos afectos, como o ocupan Xoán Guisán e María Romero, sen os que nada de isto sería posible.