24 de diciembre de 2017
24.12.2017
O labirinto do alquimista

Espolio e exilio do patrimonio cultural galego

24.12.2017 | 01:26
Espolio e exilio do patrimonio cultural galego

É sabido e debía selo máis, que este é un país de tesouros, roubados, vendidos ou acochados en adegas de castros, torres, pazos, clausuras, cuarteis, no fondo do mar... no exilio, nos centros galegos da emigración, pra animar espírito de Nós... descoñecidas raiceiras de Galiza.

Xa os cronistas da antigüidade deixaron referencias sobre o ouro dos galaicos, entre outras páxinas envoltas en mitos e lendas, como o Ciprianillo, guía de tesouros que fixo entoleirar a un xeito de quixotes buscatesouros. Contóusenos que Xelmírez amoreaba obxectos de ouro que lle ofrecían os paisanos, como que San Francisco e o seu discípulo compostelán Cotolai descubriron nunha fonte do Pedroso o tesouro que lle axudou a construír o convento do Valdedeus. Soubemos que os da casa de tal ou de cal enriqueceron por atopar na croa ou na trabe do castro a galiña cos pitos de ouro... que remexendo no chan da lareira bateuse cun púcaro de moedas de ouro... e dentaduras e xoias litúrxica fixéronse con ouro fundido dos tesouros dos mouros... Moito desas historias comprobámolas, ás veces coa fortuna de parar nun museo: o "casco" de ouro de Leiro, os toques de Xanceda, o de Orbellido... e canto aínda se oculta. Cunqueiro, a Rowling, Tolkien ou un Michael Ende inspiráronse nunha realidade que supera a toda fantasía e aquí, haber haina e, de cando en vez, pétase con ela.

Existe o que se enxerga, o que se ve, o que se palpa, se escoita, se cheira e se proba... o que se sabe. O qué se oculta debe mostrarse pra existir, non debe privatizarse en caixas fortes pra egos de clausuras, sancristías, nos cuarteis, despachos, nas vitrinas dos salóns... Chamoso Lamas creou e abriu os museos das Clarisas de Monforte, de Allariz, o de Arte Sacro da Colexiata da Coruña... e quedaron en iniciativa os de Viveiro, Tui, as cidades... por mor de que cambian as monxas, veñen de fóra, descoñecen o valor cultural dos bens... e entran as tentacións e as desaparicións. Se hoxe fixeramos inventario levaríamos tristes sorpresas.

O escultor xironés Frederic Marés, seguindo a tradición romántica catalán de coleccionista, coñecía a superficie e o fondo das antigüidades, acudían a il con ofertas, cambiaba as súas esculturas por pezas, por documentos, por fotografías pra formar o seu curioso museo e arquivo, con valiosas fotografías de Galiza, entre as esculturas que polos anos setenta faltaron do entón abandonado e espoliado mosteiro de Carboeiro nos recantos do Deza. Filgueira Valverde tratou co catalán sobre estes asuntos. Igual que o Museo Marítimo de Barcelona, de vello, preocúpase por documentación e testemuños navais galegos, namentres por aquí apampamos nas virtualidades, nas eventualidades e nas vaidades de carcasas baleiras.

E aínda quedan, á man de calquera, por parroquias do entorno de Compostela, esculturas do taller de Mateo, espolios do coro pétreo da catedral. A un tempo volvemos arredor dun vello tema, o das esculturas do contrapórtico da Gloria, obra tamén de Mateo que, entre outras, atesoura a familia Franco e algún outro... e conseguintemente cavilamos no "regalo" do pazo de Meirás, entregado en plena guerra ao xeral golpista, cando se triparon as leis. Encírrase o tema con canto arrodea Cataluña, país no que pola contra e respecto a outros nos que campa o esquecemento, o espolio e o roubo, tivo a sensibilidade de recoller, de fomentar o coleccionismo, de crear arquivos, museos, de estudar e documentar, mostrar e educar na súa cultura e no que outros abandonan. Por algo tantos artistas e artesáns emigraron cara a onde con teimosía segue a construírse, en tempos ateos, tamén con pedras e canteiros galegos, un templo catalanísimo de Gaudí. O tema toma novo cariz e multiplícase cando coñecemos a noticia de que se vende o Centro Galego de Bos Aires, con tanta historia, obras galegas...

As guerras afían o afán depredador, os botíns, referente foi a francesada na que se desvalixaron conventos, pazos, profanáronse templos e tumbas. Sumando na historia políticas como as leis desamorizadoras... e xa non digamos a reinterpretación parroquial do Concilio Vaticano II, no que a Igrexa, tan conservadora, puxo boa parte do seu patrimonio artístico en mans do mercado das antigüidades, pra gloria de escaparates da madrileña Carrera de San Gerónimo, galerías de París, Londres, Xenebra ou Milán. Aínda non hai moito o Museo de Pontevedra recuperou nun anticuario en Milán o tímpano románico, roubado nos anos setenta, na igrexa de Palmou... Quen se moven na historia da museoloxía galega sábeo ben.

Encheríamos varios tomos, novelas tamén, sobre historias de documentos, de pezas con cuño galego, desaparecidas e aparecidas, mesmo as que non gustaron e foron acollidas no exilio, como a Santa de Asorei, o testamento artístico de Castelao en Bos Aires A derradeira lección do mestre. Documentos galegos nas bibliotecas do Escorial, na Nacional de Madrid, de Simancas, no Viso del Marqués, nas casas de Alba, Medinaceli, Medina Sidonia....

Toques ourensáns e coruñeses no British, no Arqueolóxico de Madrid, entre esmaltes, cofres, obxectos litúrxicos e báculos bispais de Mondoñedo, orgullo do selectivo reino galaico-leonés. As diademas "célticas" de Ribadeo: no Arqueolóxico de Madrid e no Lázaro Galdiano, o modium e as placas de Ponte Punide... As catro columnas do altar do Apóstolo: no Arqueolóxico de Madrid, no Metropolitan de NY e.. onde está o orixinal da imaxe do Cristo gótico do Cebreiro, trocado por unha réplica?; o Cristo da Igrexa coruñesa de Santiago, hoxe na Rábida..., o Códice azteca da Coruña ( Códice Tudela) no Museo de América. A biblia hebrea da Coruña (Kennicott), en Oxford; como as laudas hebreas da coruñesa Palloza, hoxe no Museo Sefardí de Toledo ou a placa de mármore coa xenealoxía nazarí aparecida en Santa María de Betanzos, hoxe no granadino Museo da Alhambra... E o vituperio histórico da "venta" polo duque de Alba do tríptico da Adoración dos Reis de Monforte, obra de Van der Goes, hoxe xoia da Gemäldegaleriede Berlín... Os betanceiros leóns de mármore en Covadonga...

E tantas coleccións etnográficas con futuro incerto, cando apenas existen museos ao respecto, agás as iniciativas populares como a do Museo do Pobo Galego ou de Olimpio Liste, o de Meixido en Ortigueira... entre elas a de Benigno Eirís... xa en desguace... Arquivos e Bibliotecas con anos de especialización de eruditos, de profesores... Os tratados de Malespina escritos na prisión coruñesa de San Antón, hoxe en Mulazzo, Italia...

Que se fixo por reunir a obra cedida polo pintor Álvarez de Soutomaior e repartida por despachos e embaixadas? Que foi das coleccións de Antonio Romero Ortiz, da de Blanco-Cicerón, a de Xosé Solla en Arcade, a compostelán de pintura do Dr. da Porta... dos numismatistas Cuena, Orol...? Onde as obras de pintores galegos que nos anos sesenta decoraban os paradores de turismo?

Que foi da colección de arqueoloxía Industrial do Museo dos Faros na Torre de Hércules, da de Fenosa... da Fábrica de Tabacos da Coruña, de Portos, de Teléfonos e Telégrafos... da colección de Radio Nacional de España na Coruña, de cine... ulas? E difícil futuro para tantas coleccións galegas de filatelia, vitolfilia, escripofilia, das mellores do mundo.

O esperpento do Calixtino foi efecto con causas sociolóxicas. Tómese nota da musealización do Códice celto-cristiano de Kells na biblioteca do Trinite College de Dublín. Ítem moito máis entre as augas lamacentas do noso río Leteo.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine