Contaba o outro día aquí mesmo o que foi un dos primeiros edís conservadores da Coruña (tanto que o foi de Coalición Democrática, predecesora de Alianza Popular, logo PP), Emilio Quesada, as aventuras daquela cidade da súa nenez e xuventude, nos 40 e 50 do século pasado. O que me chamou a atención foi cando, falando das festas, lembraba os desfiles de carrozas con batallas de flores, "nas que algúns, en vez de tirar flores, tiraban pedras". Estaban de cheo no franquismo puro e duro, e non sei que lles pasaría aos lapidadores, caso que colleran a algún. Pero estou seguro que a somanta que de seguro apañarían das autoridades pertinentes sería moito máis levadeira que a que se montaría hoxe, no que desfiles e cabalgatas son alta e moi delicada materia política.

O ano pasado, ou hai dous, foi aquilo de "¡No te lo perdonaré jamás, Manuela Carmena. Jamás!" logo de que os Reis Magos da cabalgata oficial madrileña aparecesen vestidos como de Ágatha Ruiz de la Prada e non como é habitual, ao xeito dos reis da baralla española. Este ano tamén hai polémica cos Reis Magos en Madrid, desta vez porque nunha das cabalgatas, a de Vallecas, van ir drag queens. Neste país é noticia nos informativos da televisión que chova e se produzan inundacións en Madrid, ou que haxa atascos, ou sexa que non é de estrañar que algo de alcance local capitalino marque a axenda política española e se poña en primeira liña do debate. Xa estamos afeitos. O que parece un pouco infantil -nunca mellor dito- é que a causa sexa quen vai ou deixa de ir nunha cabalgata de reis, algo que nin sequera ten que ver coas crenzas relixiosas. Os reis astrónomos de Oriente aparecen na Biblia, pero de personaxes moi secundarios, de extras con frase practicamente. Nin sequera pon cantos eran, nin de onde viñan, fóra diso de "Oriente", o que dada a situación de Palestina vén sendo toda Asia.

Tampouco é que os Reis Magos sexan, como a primeira comuñón, ou os bautizos, ritos relixiosos que están converténdose cada vez máis en actos sociais, cuns banquetes e uns regalos máis cuantiosos que a maioría das vodas de antes. O dos Reis será festa relixiosa, pero quitando algún cadro clásico no que aparece a famosa escena do alpendre de Belén, en realidade Melchor, Gaspar e Baltasar debían ser os santos patróns dos grandes almacéns e a súa imaxe actual é a dos anuncios publicitarios. Nos seus desfiles figuran marcas comerciais, personaxes de Disney e majorettes, e a tradición é só un argumento contra a dura competencia do gordo de barba branca e pixama vermello, moito mellor situado no calendario escolar, e moito mellor publicitado.

Se os defensores das tradicións queren conservar de verdade o dos Reis Magos, poñan a volta ao cole a mediados de xaneiro, e vístanos dos Simpson ou dos cabaleiros do Zodíaco ou do que corresponda. E reserven a política para cousas algo máis serias, e deixen de portarse como nenos pelexando polo xoguete.