En calquera sitio, as noticias que veñen na portada de LA OPINIÓN de onte (non todas, claro: as que teñen que ver coas administracións) serían para que a clase política e os medios de comunicación entrasen en estado de debate permanente (unha semana ou como moito un mes, que é o permanente para os políticos e os medios), e para que a cidadanía rosmase a feito nos bares e nos ascensores. Pero como son cousas que nos afectan, non haxa medo.

A primeira é que "Fomento logra enlazar Aragón y Navarra al Corredor Atlántico tras excluir a Galicia". A información destaca que o ministro de Fomento conseguiu incluír Zaragoza e Pamplona á conexión coa rede europea de transporte ferroviario de mercancías, a pesar de que a escusa para adiar ata 2027-2033 (e o que veña) a conexión con Galicia era que Bruxelas non permitía cambios no trazado. Agora resulta que a UE aprobou a conexión tal como lla pedira o goberno español, e pediulla sen Galicia, nin Asturias. Hai que ser desagradecidos. Por unha parte, en Galicia temos o presidente autonómico máis mandadiño de todos, e por outro, quen goberna Asturias é Javier Fernández, aquel que presidiu a xestora do PSOE que lle deu o goberno a Mariano Rajoy. Aínda que eu, no pelexo do Goberno central, presentaría tres argumentos contundentes: un, que no seu momento aquí apostamos polo AVE de pasaxeiros, pasando desa cousa antiga das mercancías. Dous, que xa meteron unha chea de cartos nesa infraestrutura de comunicacións que é o porto exterior da Coruña, que o aproveitemos. E tres, que despois de facernos a xogada de deixarnos reclamar o Laboratorio Europeo de Bivalvos, despois de saber que se ía pechar, e mesmo despois de votar a favor de que se pechara, xa quedou claro que aquí somos uns apandotes que cargamos co que se lles bote.

A outra cousa que me asentou mal, seguramente unha parvada sen importancia, é que os galegos que se xubilen en 2019 -uns 12.000- sufrirán xa un recorte das pensións dun 1%, algo que supoño que lle afectará tamén aos que non son galegos, e non digamos aos que se xubilen despois de 2019, se ese vicio de xubilarse e non morrer no traballo dura máis alá desa data. A esa rebaixa chámanlle "factor de sostenibilidad", da mesma maneira que aos roubos lles poderían chamar "factor de redistribución unilateral involuntaria con modalidad de interlocución explícita" se falamos de atraco a man armada, ou "con técnica de velocidades disímiles" se nos referimos a un tirón. O mellor factor de sostenibilidade tería sido que non meteran a man na caixa da pensións para gastar noutras cousas, algo que roza o factor de redistribución unilateral involuntaria, neste caso na modalidade de subtracción flagrante, porque ao contrario da crenza popular, cada vez menos estendida, eses cartos non nolos dá o Estado, senón que nolos garda -ou nolos gardaba- pero eran nosos, que nolos foron quitando aos poucos, ou aos moitos, do que ganabamos e do que deixabamos de ganar.

Pero, en definitiva, se eu estivera na pel do Goberno, diría con toda a razón que eles son precisamente a quen escolleu a maioría -máis ou menos pero si- para velar polos nosos cartos e polo noso futuro.