O vacío, Nada, A páxina do escritor zen, Luz branca, Neve. Todos son títulos de cadros que, nalgunha ocasión, contemplei nunha exposición. Efectivamente, é o que están supondo. Trátase de óleos, acrílicos ou gravados onde non se gravou ou se pintou nada. Dito doutra maneira, unha tomadura de pelo. Agás no caso de A páxina do escritor zen que, cando menos, aínda pensou un pouquiño no título. O peor non son os artistas que fan isto, senón os críticos que apoian este arte. Mais estamos a falar dun caso extremo dentro das vangardas pictóricas ou da arte actual. Isto non é o habitual, por moito que algúns se empeñen en dicir que si para non acudir ás galerías ou aos museos de arte contemporánea, porque, simplemente, no fondo, a cultura horrorízaos. De igual xeito, tampouco podemos admitir a estas alturas da evolución da pintura que se siga pintando cadros como no século XIX, facendo gala que se trata de cadros de bo gusto e dunha magnífica reprodución do natural. Veume á cabeza un texto do pintor Luís Seoane ao respecto. Nel o pintor galego-arxentino, explica, nidianamente, a necesaria presenza que nun cadro debe ter a personalidade do artista. Faino nun texto dialogado e titulado Para os que organizan unha exposición sen saber nada da arte. Texto que reproducimos a continuación:

O pintor, falando para un interlocutor invisible:

Vexa vostede, esta paisaxe é idéntica ao natural, aquí está o cadro, aí está a paisaxe. Olla esas casas coas chamineas fumeantes e aquelas rochas e o muíño e as montañas azuis no horizonte? Vexa vostede que o copiei todo. Todo no cadro é igual. Ata a herba. E esa árbore?

A árbore dirixíndose ao pintor:

Ah, si! Ti, señor pintor, pensas que non crezo, que non me saen polas, que non florezo, que os paxaros carpinteiros non me fan buratos e que non me abraza o acibo e xorden liques no tronco? ¿Non ves como na miña copa nos teitos das mesmas casas de día van e veñen paxaros, sobe el gato e de noite por entre ela se pasean morcegos e as bruxas?

O interlocutor invisible:

Moi ben, señor pintor. Si, son exactamente iguais cadro e paisaxe. Vese. Déixame vostede perplexo. Pero, que hai seu en todo isto?

O enfrontamento entre realismo e modernidade é absurdo. É Antonio López un pintor antigo? Non. O que é absurdo é que os pintores contemporáneos pretendan defender como pintura do seu tempo os modelos doutras épocas, que cos anos foron derivando en cadros rancios para colgar nos salóns das casas e que non teñen máis mérito cunha figura de Yadró ou uns brincos de bisutería mercados nun comercio chinés. E os comisarios de exposicións, xa o saben, o mestre Seoane, observa.