A preguiza é a arte aniquiladora das ideas. Combater a preguiza é necesario e fundamental na sociedade actual. Os medios que a ciencia está a poñer o noso dispor invitan a imaxinar un mundo no que todo o poderemos manexar desde o noso ordenador portátil ou desde o noso teléfono móbil. Craso erro. A primeira larva do estanque encerra no seu interior máis estirpe que un ordenador de última xeración. Calquera ser vivo sempre será máis perfecto que unha máquina. Logo dunha explosión nuclear é posible que o xénero humano e as súas máquinas non sobrevivan pero certos animais, si que o farían. E crearíanse mutacións entre eles inimaxinables polos deseñadores de programas. Os seres vivos precisamos o contacto real, sexa físico ou visual. O que non resulta satisfactorio para o noso cerebro e a nosa espiritualidade é o contacto exclusivamente virtual. As redes sociais son unha ferramenta que pode ser extraordinariamente eficaz e bela ben usada, pero que tamén se pode transformar na maior bazofia e inutilidade á que teñamos asistido. É máis interesante crer na intelixencia sensible que na intelixencia fría. A clonación non é o futuro. Ao mellor alguén pensa que me sitúo nun plano irreal, nun lado da batalla na que serei derrotado. Lamento decepcionalos. Cando unha cabeza está chea de bolboretas é porque antes, nela, aniñaron milleiros de eirugas. Desconfíen das persoas que non teñen paxaros na cabeza. Seguro que non saben voar. Unha pantalla en Tres D nunca superará a nosa imaxinación. Un robot está programado para sentir o que unha mente exterior deseñou. Porque, os robots, terán sentimentos ou algo semellante, pero serán aqueles que o seu creador considere que debe ter. De aí a súa imperfección. Para ben ou para mal, nos nacemos co pack enteiro: odio, vicios, debilidades, ira, agarimo, humor, fortaleza, amor e pensamento, reflexión, creatividade. Esta última, a creatividade é a gran diferenza dos humanos coas máquinas. Construímos civilizacións, coa complexidade e grandeza que iso supón. Somos arte viva e creamos a vida nas artes. Un cadro, un poema, unha cantiga son plasmacións da alegría de existir. Sen perder de vista que a intelixencia dos humanos e a das bestas teñen como meta a morte, evitemos a preguiza, esa arte aniquiladora das artes e da condición humana. Si, tal vez un sexa humano, demasiado humano; pero é que é o único que posúo: pertencer a esta especie. É gusto de que coidemos de nós, da nosa mente e o noso corpo, do planeta e dos seres vivos que o habitan. A preguiza distáncianos de todo isto. E lembre que a peor das mentiras é chamar mentireiro a un fabulador, e que o que berra só ten razón cando cala. Miren un programa do corazón -que palabra tan bela degradada polos platós televisivos- e verán, nidio, ao que me refiro. Que importancia recorre ao silenciosos e que pouca importancias se dan. Pola contra, os berróns trunfan. Prudencia, todos levamos dentro un berrón, un ser triste e carente de interese. Non elixamos o doado, escollamos o difícil: o silencio, a alegría e a creación. Adeus preguiza, benvida vida.