Hai programas de televisión, entre os máis ocorrentes e desde logo dos máis baratos, nos que o decisivo, ao revés do que caracteriza ao medio, son as palabras. Non os diálogos que din os que aparecen na imaxe, senón os comentarios que fan persoas nun plano distinto ao da acción que transcorre na pantalla. Como se cho estivese comentado un amigo, vamos. O exemplo perfecto era aquel programa, Humor amarillo, baseado nun concurso xaponés bastante... xaponés. No país de orixe, o programa chamábase Fuun! Takeshi Jo ( Diversión! O Castelo de Takeshi), xa que nel actuaba Takeshi Kitano, un home moi coñecido no seu país pola súa versatilidade, de comediante a deseñador de videoxogos, e que internacionalmente é un director de cine de prestixio. No concurso orixinal tratábase de conquistar o castelo, pasando unha serie de probas que adoitaban incluír papar golpes e molladuras. Pero a versión española pasaba totalmente do guión -mesmo creo que incluso da orde de emisión- e substituía a dobraxe polos comentarios que se sacaban da manga dúas persoas, Juan Herrera e Miguel Ángel Coll (o fillo de Coll, o de Tip & Coll).

Eles aseguran que nunca souberon que se dicía naqueles programas que mercara ao peso Valerio Lazarov para poñer a emitir a Telecinco antes de que caducase a licencia, pero non lles facía falta: esbardallaban o que lles saía, inventaban nomes aos concursantes como "O chino Cudeiro" (homenaxe a un becario galego moi tímido, que non cobraba nada, que se apelidaba así) ou Dolores Conichiguá, e tamén ás probas, como "El laberinto del chinitauro". Facíano todo, coa única axuda dun montador, nunha nave en ruínas na que se mesturaban as mamachichos (que traía por certo Álvaro Pérez, o Bigotes, da Gürtel) con Miguel Durán, o primeiro cego que debeu presidir unha cadea de televisión. E deron chegado a audiencias do 31%.

Outro exemplo, moito máis recente: a inmensa minoría que Bisbal non só nos dá dor de cabeza, senón que non o distinguimos de Bustamante, na noite de fin de ano refuxiámonos na programación de TVE2, ou como agora se chame. Era un popurrí (o que en televisión se chama "refrito") do programa Cachitos de hierro y cromo, que se chamou Cachitos de Nochevieja, e que consistía na selección de actuacións musicais dos 90 cara atrás. Tamén se podía facer cun par de persoas e un montador (é dicir, tres persoas, unha delas un montador), porque a gracia da cousa eran os rótulos que poñían, explicando e matizando o que viamos e escoitabamos. Recordo un sobre a actuación dun grupo de considerable impacto xuvenil que era recibido con ouveos entusiastas no plató. "X, el grupo que emocionaba a todos los teenagers. O eso o alguien soltó un hurón entre el público", rezaba máis ou menos o rótulo.

Xa sabemos que programas como OT ou First Dates teñen unha audiencia tremenda, pero deberían facer algo por melloralos, ou polo menos para atender á inmensa minoría que lle gusta discutir coa tele. Emitir en todo caso eses programas en dual: unha versión a pelo e outra cunha voz en off que vaia metendo a cousa en contexto: "Non sei onde vai esa con esa voz, parece Massiel acatarrada". "Hai que ser animal, a quen se lle ocorre preguntar nunha primeira cita que tal lle cae Puigdemont!". A fin de contas, iso é o que facemos todos cando vemos a tele, non?