Agradezo os parabéns recibidos polo artigo sobre a preguiza da semana pasada. Así que empezaremos o desta cunha reflexión sobre o mesmo defecto de carácter. A existencia do ser humano é unha continua aprendizaxe cara a sabedoría de vivir, mais buscar a sabedoría precisa de tesón, por iso os preguiceiros endexamais a acadarán. A mente debe permanecer sempre alerta sobre as árbores, as aves, os animais, os libros, os semellantes, a familia, os amigos, o amor. Sempre alerta para aprender algo novo deles. A sabedoría non consiste en viaxar polo mundo, catar moi bos viños, ter unha casa enorme con piscina ou ter moitas experiencias sexuais. O da sabedoría é moito máis sinxelo. Como dicía Óscar Wilde "moitas veces a persoa da túa vida está ao teu carón e non reparas nela". E eu engadiría que esa mesma persoa pode encerrar no seu interior todos os cerebros que decenas de amantes puideran ter e o orgasmo máis delicioso que, se cadra, nunca atopes buscando polo mundo adiante. As paisaxes do teu interior tamén son viaxes. E non digamos as paisaxes interiores dos teus amigos e amigas. Iso si que é viaxar e coñecer planetas, galaxias. Unha casa con piscina non é nada se non tes con quen compartila. As nosas casas grandes e os nosos pisos pequenos hai que dotalos dun aire de fogar que nos tranquilice e serene. De pouco vale a ostentación senón ten utilización práctica. Cousas cotiáns e normais poden darnos moita máis satisfacción que alambicadas propostas de fin de semana. A vida non é longa nin corta, é un espasmo de acontecementos. Por iso debemos estar alerta sobre todo o que nos arrodea. En cada paseo que damos, en cada libro que lemos, en cadra cadro habita a esencia da felicidade. Pero imos demasiado apresa e non nos decatamos que os nosos aliados para ser máis ditosos neste camiño de aprendizaxe están ao noso carón. Eu creo en todo. En todo tipo de relixións e de cultos que non danen nin física, nin psiquicamente ao ser humano. Se cadra, isto me permita ter unha fe diferente, unha fe non cega. Porque a fe cega en calquera cousa fai miope a quen a practica. Isto pode aplicarse tanto a relixións, seitas, asociacións ou partidos políticos. A nosa mente sempre ha de estar viva para distinguir quen pretende exercer sobre a nosa existencia unha visión única da mesma. As visións sobre un mesmo deben ser múltiples, ao igual que a nosa visión da sociedade. Reducilo todo a esquerdas e dereitas ou a crentes e ateos, resulta unha falta de evolución no noso pensamento, preocupante. As veces deberíamos xogar co refraneiro popular: Como que "a palabras necias oídos xordos"? Nada diso, "a palabras necias, oídos atentos". Se fas oídos xordos dos necios miras para outra parte, e mirar para outra parte non evita que esa parte exista. A sabedoría consiste nisto. Aceptar o que é bo e sensiblemente intelixente e desmontar o que se considera útil e racionalmente frío. Prefiro o absurdo ao realismo. O absurdo se crea, o realismo encóntrase con saír á rúa. Non hai que ser un lince para detectalo. Sen embargo, o latido do que nos encontramos na rúa e que non é a crúa realidade, pode ser a táboa de salvación das nosas vidas. Paciencia, serenidade e moito valor. Porque para ser violento e maleducado non se precisa valor, só mal xenio. Pola contra para ser paciente e sereno, un, haberá de apertar con devoción a valentía do distinto, do disidente, do estraño.