03 de marzo de 2018
03.03.2018
Si home si

O xoves é o día

03.03.2018 | 01:13

Para o xoves que vén, día 8, está convocada en todo o mundo, por primeira vez, media folga xeral total, ou máis exactamente, unha folga xeral para a metade do xénero humano. Agora que ninguén se move por nada, ou iso se adoita dicir, aí teñen dous colectivos amplísimos que tiñan todas as razóns para petar na mesa e que agora o fan: os vellos e, sobre todo, as mulleres.

Se a calquera colectivo que se ten por damnificado, normalmente con razón, lle pasara a décima parte do que lles pasa ás mulleres (non a todas, claro, as posibilidades de pasalo mal van en total relación inversa ao status económico e social), teríamos aos seus integrantes acampados de forma permanente perante as institucións máis ou menos responsables. Supoño que ninguén a estas alturas dubida que se o mundo se mantén no precario equilibrio no que está, sen acabar de caer de todo, é grazas a elas. Con todas as excepcións que vostede coñeza, e eu tamén sei de algunha, quen pauta a vida dos fillos, quen sostén e asiste á familia toda cando algún membro non se vale, e quen deixa de lado a súa vida enteira por coidar dunha nai, un pai ou un marido enfermos, son elas. Sexa por amor ou por un sentido da responsabilidade que vén de serie. Sempre recordarei o caso, hai anos, dunha velliña de Oleiros que se deu separado do home logo e anos de malos tratos, e que acabou morta pola súa man cando volveu a casa a facerlle a comida.

Pero aínda que a muller fose a parte máis inútil do xénero humano, como foi considerada e tratada ao longo da historia, o mesmo tería dereito a un trato igualitario, e ás políticas correctoras para remediar ese hándicap secular. Ou sexa que non cabe moita discusión en se teñen dereito, ou razóns, para unha folga. É máis, unha das formas de comprobar ata que punto algo é correcto ou errado, máis que ver quen está a favor, é examinar quen está en contra, e por que. Hai quen di que non paga a pena, porque é unha folga simbólica. Todas as folgas hoxe en día, ou case todas con servicios mínimos nada mínimos, son simbólicas. Cada traballador signifícase como rebelde e fai o sacrificio da parte correspondente do salario como sinal de protesta. E hoxe, o que non se pon na axenda mediática non existe. O triste é precisamente que haxa que facer unha folga para iso, para poñer o problema nas portadas.

Claro que tamén hai quen esgrime outras razóns para opoñerse. Por exemplo, porque é unha folga anticapitalista. Non é para entrar a discutir se as desigualdades en xeral son intrínsecas ou non ao capitalismo, pero o que é innegable é que a desigualdade actual dáse no capitalismo, como antes no feudalismo, porque era o que había, e cada sistema levaba de serie esa desigualdade entre home e muller. E por un día de anticapitalismo non vai pasar nada, homes. Igual que por un Día das Letras. É mais, temos que estar moi agradecidos tamén, como especie planetaria, a que esta folga dure soamente un día. Se fose como a que está habendo na Xustiza, os homes, ou polo menos eu, non saberiamos nin onte temos a cabeza.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook