Ímonos puíndo de vagar e aínda así seguen habitando en nós fórmulas da prehistoria ou do medievo, baseadas na irracionalidade, na crueldade ou mesmo en privilexios. Graduación de títulos con tufo a alcanfor e esoterismo, que van dende os escravos aos criados, vasallos deica ser meiriños, adiantados, infanzóns, fidalgos,parentes, señores, baróns, vizcondes, condes, marqueses, duques, grandes de España e bastardos dentro e fóra dos armarios.

A palabra "nobre" úsase de xeito indiscriminado, aínda que implica unha distinción xurídica, anacrónica tamén. E xa que en España contabilízanse máis de 3.000 títulos coas súas prebendas ponse o debate sobre a mesa do Congreso. Os grupos constitucionalistas opóñense a suprimir os títulos nobiliarios concedidos por Franco e por Juan Carlos I, segundo proposición non de Lei presentada por ERC, apoiados por Podemos e o PDeCat, en base a que non volvan a outorgarse novos títulos nobiliarios e que non se recoñezan os existentes a efectos de protocolo, acatamento e Rexistro Civil, considerados unha anomalía. Intento, din, de rematar con residuos y privilexios do medievo e parte dunha cultura machista, onde prima a patronimia, partindo da idea de que varón, "vir", ven de "vis" que é a forza, relegándose a muller a ser mera receptora pasiva "tivo dous fillos habidos de dona...". Sen faltar nesta cacería de escudos, bandeiras e himnos, os que consideran isto como un xeito de destruír a historia de España. Namentres na United Kingdon, sempre contra pelo, a súa Graciosa Maxestade incentiva protocolos, boato, e marca un referente a imitar por opulentos monarcas de emiratos.

Iso si, a nobreza, os magnates de berce e as súas quixotescas particularidades, entre veludos, pendóns, palios, trompetas, alabardeiros e ouros vellos, ofrecen unha insólita pincelada, pouso rancio á rutina cotián. Se non fora que detrás dos títulos -de non ser perdidos no xogo ou vendidos- están os latifundios, o patrimonio cultural, as exencións de impostos e as cicatrices históricas, mesmo con elas fóronse construíndo os mapas, os camiños cos seus pasos honrosos, as fronteiras, as provocacións, as rebelións irmandiñas e comuneiras. Varóns dispostos a someterse ao máis poderoso, ao vasalaxe, a mudar os rumbos históricos a golpe de espada ou de maza, a conseguir terras, xente e títulos pra campar en pedras armeiras sobre torres, pazos, templos, panteóns... Nobre, sinónimo de diferenza, con divisa de superioridade, en virtude do valor, do heroísmo. Todo pra que campe sobre vida e morte a mitificada excelencia e unha suposta xenerosidade, polo que recibe a cambio de mans reais a transmisión de liñaxe, de poder de influír como privilexiada clase rectora. Características do feudalismo europeo e, en especial, deste curtido cabo do mundo, vello reino de Galiza, alongando no mapamundi imperios, con virreinatos e misións "educadoras" en terras conquistadas.

Mostras históricas, escudos, castelos mosteiros, literatura e mitos ao respecto abondan en Galiza: Pardo Bazán, Lamas Carbajal, Valle Inclán, Torrente Ballester... Foi o racionalismo da Ilustración, a revolución francesa da liberdade, igualdade e fraternidade, a que se toma como referencia para outras revolucións que se ispen de prexuízos pra franquea portas á crítica da nobreza de sangre, dos privilexios de casta e rango, de acatamento, honores e medallas... E, como non podía ser doutro xeito, entre reais confrarías, medra a defensa do que consideran un ben de interese cultural polo aporte histórico e tradicións, como son os tratados nobiliarios, a xenealoxía, a heráldica... coas conseguintes leis, o dereito nobiliario.

Nobre, "noscíbilis", "notábilis", coñecido, famoso, notable, o que marca diferenzas co seu antónimo, o de igualitario. O discurso da ilustración parte de que a desiguladade é un feito natural, aínda que o sentido común leva ao igulitarismo, fora dese paternalismo e da caridade, que contribúen a marcar máis as diferenzas. Entramos así na filosofía e nos lindeiros da utopía demagóxica. Dar significa filantropía, recibir supón servidume, intolerable pros igualitaristas.

Ao falar das orixes da nobreza os historiadores non perden de vista o antigo reino galaico-astur-leonés (o que ten base na Gallaecia romana, sueva e alto medieval), inicios nos que a aristocracia eclesiástica sobreponse ao ambiente laico. Do século V ao XI algúns poderosos castros reedifícanse en castelos, os ermitáns cristiáns concéntranse en mosteiros e nacen santuarios, conxuntos palatinos, centros de poder. Comeza a sedenterización nas veigas e con elo o dominio de terras e gandos por parte de privilexiados, multiplícase a xerarquización social en terratenentes, magnates incondicionais dos monarcas que ofrecen protección, usan e abusan de dereitos de por vida e morte. O reino galaico-leonés non só foi pioneiro, senón que actuou de adaíl, base para un Primeiro Reich -que foi o de Carlomagno- remarcando camiños que conducen a Compostela e á formación de Europa. Suma de tribalismos entre os que foron frecuentes as liortas de castas galaico-astur-leonesas, sumando a repoboación con inmigrantes mozárabes. Até que, co reinado de Alfonso II o Casto (757-768), ante as inxerencias islámicas na península non hai máis que vencellarse para unha reconquista. O exército cristián farao baixo o lábaro da cruz, contando tamén coa protección das supostas reliquias de Santiago en Compostela. A partires de entón, inzan pola vella Gallaecia casas e apelidos con prebendas pola súa entrega á causa . No século X xa se fala de filii bene natorum.

Na fraseoloxía está acuñado o de Sangre goda, Sangre azul, fidalguía, como tantos distintivos, preponderados polas ansias dos Reis Católicos,os que, ben sabendo aquilo de que "o hábito fai ao frade", crean códigos para nimbar as aparencias das clases aritocráticas dirixentes. No 1128, tras os desencontros entre as fillas e os netos de Alfonso VI, a área do condado Bracarense, portugués, divídese do reino galaico leonés e o seu condado de Castela medra en privilexios e aspiracións. Vellas estirpe e novas fidalguias galegas estendese cara ao sur polos camiños da conquista: Froilaz, Traba, Trastámara, Altamira, Deza, Limia, Soga, Gres, Tenorio, Sarria, Lemos, Taboada... Moscoso, Andrade, Sarmiento, Valcarcel, Soutomaior, Churruchao, Charino, Noboa, Osorio, Pimentel, Castro Zuñiga, Ulloa, Gaioso... E entre eles todo un tramado matrimonial, quedando moitas casas absorbidas polas foráneas e as máis cortesáns, Alba, Medinaceli, Medina Sidonia...

Parece ser que primeiro que se aplicou foi o de cabaleiro, fidalgo, tal como aparece no Cantar do Mio Cid, no século XII, mentres que o de nobilitas normalizase no século XIII , noméanse no Fuero Juzgo e nas Partidas e de aí en diante, máis aínda cando Castela e Aragón toman a batuta nunha Reconquista propicia a pagar favores con méritos.

O estado recoñece os títulos honorarios, pero non a condición de nobre. Nobreza titulada que cada vez ten menos que ver coa nobreza de sangre. Asunto sobre o que tamén abondan, como en ningures, os textos de liñaxes, velaí os portugueses Livros velhos, o Livro Antigo de linhagens do século XIV. Imprescindible sumar os estudos desta banda atlántica. Namentres que pola banda galaico-leonesa abondan os relatorios; teremos en conta os das casas nobres de Galiza, feito a finais do século XV por Vasco da Ponte, do 1550 a do Licenciado Molina, impreso en Mondoñedo, entre outros cronicóns e nobiliarios como o de Baltasar Porreño, o Libro dos Liñaxes de Galicia que dan pe a estudos posteriores, como o de Casto Sampedro, Cotarelo Valledor, Crespo Pozo, Faustino Menéndez Pinal, Martínez, Barbeito, Jaime Bugallal, Pardo de Guevara que tería moito que dicir ao respecto. Historia pra repasar e anovar.