Xa lles tiña outra cousa preparada, de verdade (ben, outra cousa pensada e a medio empezar), pero o da xornada do xoves ocúpame a cabeza toda, e o que é peor, toda a capacidade de almacenamento do WhatsApp. Non sei que expectativas tiñan vostedes, as miñas, desde logo, quedaron rebordadas polo que pasou. E iso que tiña as expectativas altas, desde o momento en que Baltar anunciou o voto favorable á folga unha chea de días antes. Non sei se foi Baltar fillo propio ou os consellos do pai, pero está claro que hai quen ve medrar a herba e quen o comen as silvas e pensa que lle están rascando o lombo.

A cantidade de parvadas por micrófono cadrado que dixeron os próceres políticos nos días previos á xornada do 8-M soamente ten dúas posibles explicacións: que a combinación de estrés e prepotencia que leva aparellado o poder anule en boa medida o raciocinio e borre a liña entre soño e realidade, e que ningún político con mando ten arredor a ninguén que lle diga cousas que o contraríen. Todos vostedes terán a súa frase favorita, a miña é a daquela pobre señora (pobre señora á que calquera día lle pode caer asumir a xestión de algo serio) do PP de Cádiz que non vía o da folga de mulleres (e iso que só era un día) porque se non quen se ía encargar dos nenos e dos vellos. Ou que se era unha folga política que organizaba Pablo Iglesias (xa lle gustaría a Podemos, ou a calquera, ter ese poder de convocatoria). Todo é política, pero non todo se pode mirar coas gafas da política, e menos coas gafas de pao da política española.

Os grandes partidos, coas televisións e os grandes medios, poden poñer a axenda mediática onde queren. Pero en cousas como canto se cobra de pensión ou cal é a situación da muller (vamos, da maioría), cada quen sabe o que lle afecta. Por iso non parece moi presentable que lle chamen un problema real a brecha salarial dos corpos policiais, e que a resolvan con subas de 500 ou 700 euros, que me parece excelente (sobre todo se se concreta), e non a diferencia entre o que cobran homes e mulleres e por que pasa, ou que haxa pensións miserentas. Tal e como se comportan as formacións maioritarias, parece que o único problema real que queren resolver é o de seguir sendo eles os que non resolven os problemas.

Tamén hai unha cuestión estética. Posiblemente consideren parvo ao electorado, e quizais algo de razón teñen, e eles son a mellor proba dese algo. Pero trátennos como se non o fósemos. Non digan branco onde onte dixeron negro. Se quen os vota vainos seguir votando igual. Ao cabo, o de trasacordar en 24 horas non é do peor que teñen feito. E que non se lle escapen cousas como o de Albert Rivera, de que está disposto a liderar o movemento feminista. A ver, santiño, se saen millóns de mulleres á rúa é para dicir, cando menos, que están fartas de que falen por elas, de que non as teñan en conta. E vas ti e ofréceste a liderar? Igual que se Sito Miñanco se ofrecese a liderar a loita contra a droga (ben, non é certo, Sito Miñanco si sabe de drogas).

Atrévome a supoñer que as mulleres, máis que un líder, o que piden son solucións. E as solucións esixen proxectos, cartos e decisión. E non parece que á clase política actual lle sobre nada diso.